Listado de la etiqueta: ribadavia

Onte 2038: «Memoria do silencio» de Eva Mejuto

Seguindo o fío das lecturas ennobeladas da literatura do Holocausto en galego, hai outra serie de títulos moi útiles para a formación dun criterio literario entre o lectorado novo. Refírome a dous clásicos contemporáneos publicados por Kalandraka, O neno do pixama a raias de John Boyne, traducido por Daniel Saavedra e Diario de Ana Frank traducido por Tomás Ruibal. Como tamén o é O derradeiro irmán de Nathacha Appanah, traducido por Emma Lázare Rodríguez (Xerais 2009), un dos enfoques máis orixinais que coñecín como editor sobre a narrativa dos campos de concentración, unha  conmovedora novela sobre a amizade entre diferentes, tinguida de aromas da Illa Mauricio.

Entre esta conta de lecturas testemuñais, a máis recente é Memoria do silencio (Xerais 2019). Publicada na colección Fóra de Xogo, esta segunda novela da editora e xestora cultural Eva Mejuto insírese na tradición de literatura da memoria, facendo coincidir na ficción dúas historias reais, a de Frieda Belinfante, violonchelista e  primeira directora de orquestra europea, membro da resistencia holandesa, escondida con identidade de home durante varios meses,  e a das galegas irmás Touza (Lol,a Xulia e Amparo), que desde o seu quiosco da estación de Ribadavia axudaron a medio millar de persoas, a maior parte delas xudías, a fuxir a Portugal polo paso de Ponte Barxas, da persecución por toda a península da Gestapo, e evitar así unha morte segura. Como fixera no seu debut, 22 segundos (Xerais 2017), Mejuto deita a súa ollada sobre dúas historias esquecidas, agochadas, protagonizadas por mulleres valentes que loitaron pola liberdade e pola xustiza en tempos moi difíciles.

Memoria do silencio é un texto breve, concentrado, áxil no que grazas a un emprego moi afortunado da elipse narrativa, Eva consegue que o silencios contribúan a contar a historia dunha persecución chea de segredos, medos e afoutezas. Singularmente logrado é o intercambio de voces da novela, tanto cando se utiliza a potencia da primeira, nos casos de Frieda e Lola, como cando Günter, o capitán da Gestapo que as persegue, faino en terceira, coa intención de esculcar na súa conciencia. Un xogo formal que contribúe a afondar na caracterización destas personaxes memorables e ao relato dunha historia de heroísmos anónimos. Unha trama e unhas mulleres destemidas protagonistas merecedoras dunha adaptación cinematográfica.

Memoria do silencio é unha das novelas xuvenís máis destacadas deste primeira metade de 2019, confirmando a Eva Mejuto como unha das narradoras máis anovadoras do xénero. Unha ficción de intriga histórica de lectura trepidante, capaz de arrepiarnos tanto como de conmovernos. Un texto de poderosa capacidade para desvelar dúas historias  agochadas de mulleres heroicas. Literatura da memoria en estado puro, á altura dos clásicos internacionais do xénero. Parabéns a nosa admirada Eva Mejuto por estoutro logro.

Onte 443: Xesús Alonso Montero en Ribadavia

Acompañamos ao profesor don Xesús Alonso Montero nos actos do seu nomeamento como fillo adoptivo do concello de Ribadavia. Para min o máis destacado da mañá foron os discursos de Xosé Carlos Sierra e do homenaxeado. Sierra chufou con mesura ao profesor Montero, cualificando de de «viticultor das palabras» e «intelectual que encarna o espírito da modernidade en versión galaica e española». Don Xesús realizou un discurso de resposta breve, non chegou aos vinte minutos, arredor do que supuxo o Ribeiro na súa vida. Detívose en catro temas. Primeiro lembrou ao seu mestre Bernardino Graña Refojos, profesor de letras de letras no colexio Akademos, quen lle lía páxinas da súa novela inédita, Por los caminos de la carne. Logo rememorou as experiencias idiomáticas na aldea de Ventosela da man do tío Clodomiro Montero, panadeiro que exercitaba a arte da blasfemia e que «utilizaba a lingua montada en bolas», xa que se expresaba con enorme facilidade. Despois relatou algúns dos acontecidos no xantar do hotel Roma do 15 de maio de 1966, no que se despedíu ao poeta Celso Emilio Ferreiro, ao tempo que supuxo un acto en contra da construción do encoro de Castrelo de Miño preparado pola UPG e o Partido Comunista. Alonso enfatizou moito as palabras naquela xornada de Otero Pedrayo denunciando «o feudalismo hidroeléctrico de Fenosa». Para rematar o seu discurso, comprometeuse a continuar loitando por un Ribeiro mellor, «polo Ribeiro que soñaban, a súa maneira, algunhas das persoas destas terras que tanto enriqueceron a miña vida. O Ribeiro quizais sexa no futuro unha comarca de gran riqueza agrícola e unha terra onde a xente viva con fartura material e espiritural. Será un Ribeiro onde, como dicía o señor Petouto, ninguén sabe, se ten que haber ricos pero no que non haberá pobres. Eu tratarei de colaborar nesa fermosa tarefa pois ningunha outra vale a pena. Ao servizo desta tarefa porei, mentres viva, a paixón democrática e tricolor da fouce da miña pluma e do martelo da miña voz». Tras tan emocionantes palabras, polo escenario da Casa da Cultura de Ribadavia desfilaron diversos oradores e intervencións musicais. Con todo, o momento máis sorprendente e aplaudido da homenaxe, que se estendeu case tres horas, foi a piques de finalizar, cando don Xesús acompañou co pandeiro a interpretación de Carlos Núñez da «Rianxeira». Nunca noutra tan musical víramos ao noso admirado profesor.

Onte 1: pensamento sincrético

No avión da noite, o picariño da fila de atrás retransmitiunos a viaxe coa precisión dun ciruxián. Mentres discurseaba sen descanso coa súa nai sobre as posibilidades de poder identificar o curuto da súa casa cando estivésemos sobre Ribadavia, eu relía un chisco distraído un orixinal, un minucioso relato da viaxe dos tres magos de oriente. Foi unha lección de balde do mellor pensamento sincrético, un agasallo que nos deitou unha faragulla de optimismo. Marabillas cotiáns que non sei se atribuír ás brincadeiras do azar ou á providencia laica.