Listado de la etiqueta: remiro

Solsticio celta

Na tarde do pasado sábado, o druída Claudio Giráldez preparou a celebración en Balaídos do primeiro sol de inverno, preludio da chegada de días máis longos e calorosos, o chamado «solsticio celta». O equipo que dirixe o de Cans ofreceu un partido fabuloso, completísimo no xogo despregado sobre a lameira e na proposta táctica deseñada na pizarra polo seu cadro técnico. Quizais tamén, o triunfo mellor traballado dos recentes, fronte á férrea Real Sociedad de Imanol Alguacil, un dos grandes deste campionato, que apenas recibira un gol nos últimos nove partidos e, non o esquezamos, levara os tres puntos na súas últimas seis visitas ao coliseo do Fragoso. Unha vitoria moi meritoria do Celta, lograda sen contar coa participación de Iago Aspas, o Merlín de Moaña, lixeiramente tocado, mantendo a cero a portaría de Guaita, coa que o druída da Louriña, un afouto erudito deste xogo de balón, consolida a finais da primeira volta o renacemento do equipo que dirixe dende o pasado mes de marzo. Presente saturnal de gratitude a unha bancada que quería agasallada dende a chegada do porriñés ao banco, manténdose á tensa, sen cesar de  medrar (no partido co equipo donostiarra, arredor de 23.000 almas) e de apoiar o seu proxecto de canteira nos días celestes de ledicia e nos celtistas de padeceres.

Tras o partido de auténtica canela diante do Mallorca, e a decepción seguinte no Sánchez Pizjuán como visitante, Giráldez, diante dos donostiarras volveu sorprender co seu once de gala no que incorporou a Alfon e Pablo Durán, acompañando a Borja Iglesias, na tripla atacante. Un acerto categórico e decisivo, xa que mentres o nove compostelán pelexaba a cara de can cos centrais txuri-urdin, nun traballo tan xeneroso como impagable para o equipo, ambos os dous canteiráns, obreiros do fútbol feitos así mesmos, cuxa presenza no cadro é unha aposta inequívoca do míster, ofreceron unha actuación extraordinaria, na que o estremo albaceteño, nunha tarde memorable abriu coas súas transicións veloces dende a dereita os escasos espazos na última liña visitante, e o dianteiro tomiñés, movéndose nas inmediacións da área, puxo o acerto no remate con dous fermosos (que puideron ser tres) goles de facturación coral. Actuacións brillantes que ningún dos dous esquecerá, ogallá que determinantes na súa traxectoria profesional, que poñen de manifesto a existencia dun estilo xiraldino de seu, ao que se adaptan os membros do cadro, por riba das individualidades.

Xaora, o éxito da proposta de Claudio estivo na capacidade de asumir a batalla de duelos individuais, que decote ofrece o equipo de Imanol como proposta aos seus rivais, na que os celestes non cederon en intensidade e capacidade de proporcionar axudas, abrindo polos laterais os espazos que precisaban Sergio Carreira (outra novidade) e Mingueza para progresar. Como decisiva foi a saída de balón ordenada por Marcos Alonso (un seguro de vida) e Javi Rodríguez, outro canteirán en estado de graza, de cuxas biqueiras saíu a asistencia que permitiu a Pablo Durán controlar en solitario e xutar de forma enérxica coa dereita dende fóra da área superando por vez primeira a Remiro. Contribución a conformar superioridades na que foron imprescindibles Moriba, coa súa disposición intelixente para avanzar sempre verticalmente e non perder batalla ningunha, por envurullado que fose o xogo, e a presenza invisible e solidaria de Beltrán corrixindo e apoiando coa pausa necesaria. Así chegou, cando remataba a primeira parte e máis apertaron os visitantes, o segundo tanto de Durán, froito dunha xogada cooperativa nacida nunha recuperación que permitiu unha parede entre Borja e Alfon que gañou profundidade na área e asistiu a Durán no pao longo para que marcase a porta baleira.

Con todo, o xogo máis coral do Celta desenvolveuse na segunda parte, cando Alguacil co marcador en desvantaxe propuxo unha batalla individual coa presenza de toda a súa artillaría: Oskarsson, Becker e o temible Kubo e os seus caneos. Giráldez non se asustou e confiou na intensidade dos seus alongando os primeiros trocos coa intención de defender o máis lonxe posible da meta de Guaita. Outro acerto, que superou por completo aos txuri-urdin e mesmo permitiu ampliar o marcador, cun terceiro gol de Pablo, anulado polo VAR automático, por pasar Borja a raspelo un balón, ou por oportunidades claras das que dispuxeron o compostelán e Alfon. Traballo solidario e disciplina que o Celta amosou nos minutos finais na defensa de dous perigosos balóns laterais, onde volveu destacar Starfelt, outro dos xogadores en mellor forma, que está contribuíndo a facer soñar a unha bancada que co asubío final gozou co morniño sol de inverno sobre o Campo do Fragoso. Boas festas no solsticio Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 23/12/2024