Listado de la etiqueta: reckless

A edición galega participa no lanzamento mundial de «Reckless» de Cornelia Funke

O día 14 de setembro foi o día elixido por Cornelia Funke para a aparición simultánea da edición orixinal en alemán de Reckless. Carne de pedra e das súas traducións ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a outras linguas (até unha ducia) que comparten un lanzamento mundial de máis dun millón de exemplares. Non podemos agochar a nosa satisfacción por termos participado neste feito pioneiro (froito en grande medida da convicción e do esforzo extraordinario realizado pola tradutora María Xesús Bello Rivas, as nosas maiores beizóns para ela) que sitúa á edición galega á altura das máis importantes do mundo.

Como estaba previsto a novela foi presentada hoxe en Nova York e o acto puido ser seguido en directo en todo o mundo dende a  páxina de fans da grande escritora alemá que respondeu as preguntas que lle foron chegando dende en Internet. Un modelo de presentación mundial que nos pareceu moi interesante e atractivo, tanto pola coidadosa posta en escena da lectura, polo vestiario da autora como, e sobre todo, polo elaborado do discurso literario. Agardamos que a edición desta obra (o inicio dunha triloxía que, previsiblemente, contará con versións cinematográficas), axude a ampliar o lectorado en galego. Teño moita fe nesta estratexia.

No blog de Xerais poden baixarse os dous primeiros capítulos en pdf da nosa edición.