A Real Academia Galega elixiu a Valentín Paz Andrade (VPA) como o persoeiro do Día das Letras Galegas de 2012. O empresario e escritor vigués, nacido na pontevedresa parroquia de Lérez, representa a concepción de Galicia como tarefa, como angueira permanente e inacabada, como encrucillada dos eidos da cultura, da economía e da política, imprescindibles para sacala do atraso e da marxinación na que viviu durante séculos. Nestes tempos tan difíciles para Galicia, onde para vergonza da cidadanía as súas institucións propias viran as costas ao patrimonio esencial do país, é oportunísimo que a institución presidida por Ferrín promova a figura deste emprendedor galeguista, un cosmopolita que viaxou polo planeta case enteiro e nunca perdeu os seus alicerces chantados nos portos de Bouzas e do Berbés e nas rúas de Vigo, a cidade do mundo para el máis querida.
En 1922, tras licenciarse en Dereito e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo Diario de Vigo. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia»: «Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental». Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino». Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.
O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade «La Marítima» de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.
A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.
Poeta de espírito reflexivo e sentimental, biógrafo de Castelao, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.
Esta acertada elección da Academia Galega permitirá recuperar a obra literaria e facilitar o coñecemento popular desta figura moderna que soubo poñer en diálogo permanente a tradición e os retos do seu tempo. Unha aposta de futuro.