Listado de la etiqueta: porque_as_sombras_non_teñen_ollos

O Xurés, territorio privilexiado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a visita da serra do Xurés:

Hai pouco tiven a fortuna de afondar nos vieiros da Serra do Xurés no Val do Limia. Unha viaxe polas paisaxes dun territorio de beleza austera, ás veces enigmática, outras impoñente, onde se mesturan o mito e a historia. Guiados por Xosé Benito Reza, o autor de «Terradentro» (Xerais 2017) e promotor da creación en 1993 do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, durante dous días percorremos os seus seis concellos e visitamos cadansúas «portas» (centros de interpretación), de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, e fixemos algunhas incursións no territorio portugués do Parque Nacional de Peneda-Gerês, espazo natural limítrofe que dende 2009 foi declarado conxuntamente co galego «Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés» pola UNESCO. Un periplo labiríntico entre corgas, encoros e afloramentos graníticos ao longo dunha ferradura natural formada polas serras de Castro Leboreiro e do Xurés, estendida entre o río Miño, á altura do concello de Padrenda, e o río Salas, ao pé da Serra do Larouco, no concello de Calvos de Randín, no chamado Couto Mixto, o que fora microestado independente de mil habitantes até 1868.

Unha experiencia na que o curioso pode pescudar nalgunhas das alfaias do tesouro do patrimonio galego como Santa Comba de Bande, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, aínda pouco valorada e protexida. Descuberta que pode continuar na igrexa de Santa María a Real de Entrimo coa súa impresionante fachada barroca, a mellor de estilo churrigueresco das existentes en Galicia, sen esquecer na súa visita refrescarse ao pé do teixo tricentenario do seu adro. Viaxe na que se poden seguir os vestixios da «Via Nova», o formidable eixe de comunicación romano trazado no corazón da Gallaecia, aberto o ano 79, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), do que se conservan o parque dos miliarios de Portela de Homen e importantes edificacións como a mansión balnearia Aquis Originis, á beira do Río Caldo, e Aquis Querquennis, o enorme campamento militar de Porto Quintela de Bande, descuberto en 1922 e comezado a escavar en 1975 polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, hoxe o mellor centro de interpretación didáctica dos existentes en Galicia para divulgar a pegada da romanización e a dimensión daquela Gallaecia decisiva na nosa historia.

Itinerario polo Xurés no que ten protagonismo de seu a cultura megalítica, xa que neste espazo hai unha das maiores concentracións de túmulos funerarios e mámoas do país. Velaí espazos megalíticos extraordinarios como os de Maus de Salas no concello de Muíños, onde ao pé da Gramalleira e Fontefría, os cumes da Serra do Xurés, se poden visitar alfaias reconstruídas como o Foxo do Lobo de Salas, a Casiña da Moura e o Casolo do Foxo, con cadansúa lenda e o seu espazo sagrado. Como é outra visita obrigada a da parroquia A Cela (16 habitantes), no concello de Lobios, onde din naceu San Rosendo. Un dos lugares máis máxicos de Galicia, onde os bolos, afloramentos graníticos, forman parte das casas e eidos; outro paraíso das pedras flotantes, como os que procura polo mundo enteiro o ilustrador vigués Kiko da Silva, perfecta integración dunha paisaxe natural humanizada que conforma outro espazo sagrado. Este d’ A Cela é un do segredos mellor gardados de Galicia, protagonista agora dun libro fermoso, «A Cela. Vivir na aldea dos bolos» (Edicións Picós 2019), con fotografías de José Caruncho e textos de Antonio López.

Non se debe finalizar a viaxe ao Xurés sen a visita o territorio dos mixtos, atravesando o Camiño Privilexiado, para visitar a igrexa de Santiago de Rubiás, onde se custodia a arca das tres chaves que gardaba os seus privilexios, e fotografarse coa estatua de Delfín Modesto Brandón, último xuíz do Couto Mixto, feita en 2008 polo escultor vigués José Molares. Un territorio fascinante, estudado polo escritor Manuel García Mañá que localizou tamén alí a intriga da súa novela, «Por que as sombras non teñen ollos» (Xerais 2015).

Serras do Xurés e Leboreiro identificadas co territorio literario de «Arraianos» (Xerais 1991), un dos cumes artísticos de X.L. Méndez Ferrín. Como tamén o foron as súas xentes protagonistas do filme etnográfico «O carro e o home» (1945), dirixido por Antonio Román sobre un guión que compartiu con Xoaquín Lourenzo «Xocas», e do documental «Os días afogados» (2015) dirixido por Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, que relata como foi anegada a aldea de Buscalque polo encoro portugués do Lindoso.

Aconsello visitar estas serras arraianas do Xurés e do Leboreiro, un territorio privilexiado, para prender alí da beleza da súa insignia natural, o Lirio do Xurés, das súas paisaxes históricas e da súa gastronomía e hostalaría balnearia anovada. Paga a pena.

 

Onte 1459: «Por que as sombras non teñen ollos», presentación en Ourense

garcia-mana-1O salón noble do Liceo de Ourense encheuse onte na primeira presentación de Porque as sombras non teñen ollos, a quinta novela de Luís García Mañá. A pequena exposición de obxectos relacionados coa historia da novela, dende paracaídas, radios, emisora morse até obxectos persoais, recortes de prensa de época, moito chamaron a atención aos participantes. José Antonio Alonso Miranda, xeneral do Exército na reserva, na súa intervención contextualizou a novela en dous episodios históricos, o sinistro dun avion Hudson da RAF na Serra de Pena, territorio galego barrosá o 22 de febreiro de 1944 e a operación Overlord que arrincaría o 6 de xuño de 1944.

Nas súas palabras, Luís García Mañá confesou que foron tres os piares sobre os que construiu a novela: un real, outro antropolóxico e etnográfico e outro baseado na súa cultura sentimental. «O primeiro fai referencia a que a novela naceu dun feito real, histórico, a do sinistro dun avión da RAF na Serra de Pena á altura do marco 125 da fronteira luso galaica. A novela é unha historia de espías. Pretendín salientar que Galicia foi importantísima durante a Segunda Guerra Mundial, fose polas minas de volframio que se utilizaba para endurecer o armamento, fose pola colocación de torres de comunicación alemás. Eu quixen facer unha historia de espías na raia seca, o territorio onde se instala a novela.»

XG00245001Debullou despois García Mañá o piar antropolóxico de Por que as sombras non teñen ollos. «Na novela son moi importantes os contos de inverno. Son fillo dunha muller de Calvos de Randín e dun home de Taramundi. Na miña casa había sempre un bo conteiro na familia que andaba dacabalo entre o real e o imaxinario. Esa é a razón pola que falo do contrabando de supervivencia, nun tempo onde todo se aproveitaba, como fixeron os habitantes da zona coa tea dos paracaídas do avión que utilizaron para facer camisas, xa que era moito máis fina que as súas teas rudas de liño. Falo dos contrabandistas e dos seus agochos, onde desaparecían as súas mercadorías. Mais falo tamén das casas pobres da fronteira, onde non había sequera un lugar onde aliviarse, da falta da luz electríca, endémica durante os anos da Segunda Guerra Mundial. A novela naceu dos contos da miña nai que tiñan sempre un fondo real.

O piar sentimental está no título, «que mo deu o meu neto cando me preguntou por que as sombras non teñen ollos. Na novela as sombras dos contrabandistas e dos espías non teñen ollos, xa que se non serían recoñecibles.» Rematou Garcia Mañá reflexionando sobre as intencións da súa novela. «Tagore dixo que “nós non somos o que cremos que somos”. Aspiro a que esta novela dalgunha maneira sirva para abrir os ollos do que foi a vida naqueles pobos arraianos durante a década de 1940. Aspiro a salientar a importancia das súas mulleres que producían o cemento que substentaba as súas familias». Luís pechou as súas palabras lembrando unha cita de carácter educativo que viña ao caso: »Sabemos que os nenos esquecen o que escoitam, lembran o que ven e aprenden o que fan».