Artigos

Campo do Fragoso CXCIV

JozabedCELTA REACTIVO

Diante do Osasuna o Celta de Eduardo Berizzo demostrou ser un equipo reactivo. Tras a inapelable eliminación de Copa diante do Deportivo Alavés, despois dos nefastos derradeiros minutos do domingo pasado no Vicente Calderón, á que se uniu a actuación decepcionante en Balaídos do xoves fronte os ucraínos do Shakhtar Donetks (tres derrotas consecutivas moi axustadas, polo tanto moi dolorosas), existía o perigo de que o Celta esvarase por vieiros tan perigosos como son os da melancolía e o desánimo. Por ventura non foi así. A versión B do equipo de Berizzo demostrou contar con enerxía, confianza, oficio e gol abondos para vencer con claridade a un cadro navarro que non soubo aproveitar as súas oportunidades.

Foi o de onte un Celta reactivo que apostou por un fútbol máis directo do que adoita, procurando atopar con velocidade as costas dos tres centrais navarros. Unha versión do xogo pouco habitual interpretada por unha trepia atacante inédita, Bongonda, Rossi e Pione Sisto, tamén os protagonistas do gol temperán, no minuto 22, determinante do devir do partido. Unha xogada de tiraliñas, iniciada na esquerda pola velocidade do belga, que pasou ao italiano, situado no centro da área, para que este cun taconazo de fantasía filtrase de costas ao dinamarqués que tivo a serenidade de canear ao seu marcador e logo xutar ás redes sobre o pao dereito. Un gol magnífico de composición e de resolución que abriu uns bos minutos de xogo celeste. Pouco despois, recuncou na área Rossi nunha xogada pola banda esquerda finalizada tras varios caneos cun xute chapado polo porteiro Sirigu. E pouco máis se pode contar de fútbol atacante celeste nunha primeira parte de aborrecible centrocampismo, no que os visitantes nos minutos finais chegaron a pechar aos celestes diante da portaría de Rubén.

Comezou o segundo acto cun Osasuna moito máis determinado e afouto. Sergio León puido nivelar a táboa de marcas no minuto 50 cun gran xute respondido por Rubén coa mellor parada do serán. Oportunidade que repetirían pouco despois Sergio de las Cuevas cun disparo dende o punto de penalti e Oriol Riera cunha cabezada, tras un saque de recanto, que lambeu o pao dereito. Os navarros tiñan moita máis intención ca acerto. Xaora, o partido esvarou por uns minutos de incerteza, onde comezaron os ires e vires que tanto dano lle fan aos celestes. Desta volta Berizzo non dubidou en mover o banco decontado e deu entrada na lameira a Jozabed, que con media hora por diante deulle a volta ao carpín. Co sevillano o Celta recuperou acougo e chegada, que se incrementaría notablemente coa incorporación de Iago Aspas faltando apenas un cuarto de hora.

Cos dous artistas sobre a lameira chegaron os goles. No 86, Jozabed cabezou un saque de recanto do Chelo Díaz, que o porteiro navarro non puido evitar se coase preto do primeiro pao. Apenas dous minutos despois o mediocampista sevillano serviu de marabilla unha pelota longa en diagonal sobre Aspas para que correse con ela pola banda esquerda e superase ao porteiro na area cun globiño de precisión, auténtica marca da casa. Toda unha xenialidade do Merlín de Moaña que pechaba unha táboa de marcas, quizais un pouco avultada para o xogo que ofreceron uns e outros sobre a lameira.

Abofé que non foi este un partido gañado polo fútbol de salón que tanto presta en Balaídos. Pola contra, abondaron unha defensa moi sólida, dúas contras veloces e un saque de recanto para superar aos rochosos centrais navarros. Outra versión do xogo moi ben executada pola versión B do cadro de Berizzo. Unha demostración de versatilidade e confianza nas propias posibilidades que nos permiten enxergar con certo optimismo o dificilísimo partido do xoves en Ucraína.

Campo do Fragoso CXLVI

MEDIA TEMPADA MEDIOCRE

O empate fronte Osasuna foi un excelente resultado para o Celta. Tras unha primeira media hora terrible, cando puido recibir unha goleada escandalosa, na que enmudecimos cos seus infames erros defensivos, por ventura compensados polos despistes atacantes dos navarros, o equipo de Luis Enrique conseguiu acougar aquel tremendo temporal. Primeiro, obtivo a igualada, grazas a unha xenialidade imprevisible de Augusto, que improvisou un gol dun centroxute dende a dereita que semellaba escasamente perigoso. Despois, deu un paso adiante e foi adormecendo durante unha hora o xogo, até facer recuar aos navarros no seu ímpeto, ofrecendo un fútbol práctico, mais aborrecible e insípido para os seus propios seareiros.

Como sucede decote, Luis Enrique introduciu novidades no seu cadro inicial, na súa rolda de trocos de tan dubidosa eficacia. Nesta oportunidade recuperou a Orellana para a banda esquerda, deixou no banco a Nolito e  a Álex López, xunto ao sancionado Charles, un dos mellores goleiros (con cinco caroliños) do equipo esta media tempada. Coa excepción da motivación que isto supuxo para Krohn Dehli, esta mudanza non mellorou o funcionamento dun equipo que saíu a velas vir. No primeiro cuarto de hora, o Osasuna pasou por riba do Celta coma unha ciclóxenese das que falan agora os meteorólogos. Polo acontecido na lameira durante eses minutos, os dianteiros vermellóns estragaron catro goles feitos, nunha noite na que agoiramos se cocía un desastre moi considerable para Luis Enrique. Un trebón que por fortuna para os nosos amainou grazas a unha faísca dese talento (intermitente) que posúen en ataque, o máis esperanzador dos seus valores.

Durante os noventa minutos vimos a un Celta con escasa fluidez, incoherente no relato do seu xogo, confuso e descompensado. Non foi nunca un equipo gañador ou que expresase vontade de selo. Con todo, a horrible primeira media hora, quizais a peor de toda a media tempada, puxo en evidencia o principal problema do equipo, as súas enormes carencias defensivas, dende a posición das súas catro pezas, pasando pola escasa coordinación entre ambos os dous centrais, os buratos abertos polas subidas dos laterais, a baixa intensidade nas marcas e axudas, até a inseguridade para defender por riba saques de recanto e outras accións a balón parado. Neste partido, coma noutros anteriores, foi inevitable lembrar a Andrés Túñez, un central da canteira xa formado, feito e dereito, con experiencia internacional, excluído polo adestrador sen explicar nunca razóns do seu criterio técnico.

Este cuarto empate dos de Luis Enrique en Balaídos xa chove sobre mollado. De vinte e sete puntos xogados, o Celta obtivo sete (só unha vitoria, diante do Almería), apenas o 25,92 %, unha porcentaxe que o sitúa como un dos peores locais da categoría. Non foron mellores, tampouco, os resultados obtidos cos equipos da súa liga, xa que perdeu co Elxe, Raio, Valladolid, o que é un motivo de importante preocupación. Por ventura, os resultados melloraron cando os celestes foron visitantes, grazas ás tres vitorias en campos andaluces, que axudan a maquillar unha media tempada mediocre, até agora, con cifras por baixo das que obtivo a pasada de Paco Herrera.

Tras o turrón, chegará para o Celta e para o seu adestrador a hora da verdade. Teño a impresión que para manter a categoría este cadro de xogadores, tan xusto no seu número de efectivos coma nas súas posibilidades, require reforzos nas tres liñas. Coma son necesarias mudanzas na actitude e comportamento dun adestrador que aínda non conseguiu atopar nin cadro nin esquema de seu nin consolidar a indispensable confianza e simpatía dos seguidores celestes.