Artigos

Onte 773: Cos dous Antonios en Pontedeume

É un feito esperanzoso o relevo xeracional que comeza a producirse na nosa produción cultural. Onte presentamos en Pontedeume, a que para min sempre será a vila d’ Os meus ollos de Ramiro Fonte, O Castañeiro de Abril, o premio Merlín 2013. Os dous Antonios nacidos na ría de Ares no ano 1976, Fraga, o autor deste magnífico texto, e Seijas, o ilustrador e membro do xurado, amosaron que a LIX galega ten unha extraordinaria canteira. Os máis dun cento de participantes na presentación quedamos axiña engaiolados co discurso profesional de Seijas relatando a súa experiencia na procura da alma dun texto que dende a súa primeira lectura considerou moi rico visualmente. E abofé que Seijas conseguiu que o seu trazo persoal e a súa maxistral utilización emotiva da cor e da luz impregnasen unha tan fermosa historia de superación e de dignidade persoal. Secasí sucedeu coa de Fraga que presentou con moita retranca os ingredientes principais –o deseño do protagonista (o cego Baltasar) e das antagonistas (as malvadas tías Garabullo), así como a elección do narrador (o inesquecible Buto, o cirurxián do calzado– utilizados nun relato que pretendeu que os lectores identificasen coma «un conto moi conto». Unha historia que salienta e reivindica a importancia das cousas miúdas, aquelas ás que aparentemente non lle concedemos importancia, «aínda que adoitan ser a principal orixe dos nos desgustos e satisfaccións». Dúas excelentes intervencións á altura dun libro deses que van quedar; unha obra que aventuro terá unha grande acollida de crítica e lectores nos vindeiros meses. Saín moi satisfeito da vila eumesa cruzando os ollos da ponte, aínda que non puiden evitar un leve recendo de saudade.