Listado de la etiqueta: orientación

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023

Amamos a escola

Sigo con admiración a mobilización do profesorado portugués iniciada o pasado curso en defensa da escola pública de calidade e da dignidade da súa carreira profesional. Utilizando a etiqueta «Amamos a escola» nas cartelas das manifestacións diante das escolas e na comunicación en redes, a campaña intensificouse esta semana co retorno ás aulas, agravado pola falta e inestabilidade endémica do profesorado e os seus baixos salarios, apelando o apoio das familias xa que loitan polas súas crianzas. Reclamacións, ademais das económicas, que afectan a cerna do servizo público: redución do número de alumnado por grupo, promoción dunha educación inclusiva, incremento de investimentos na modernización dos centros e na dotación de aulas, laboratorios, bibliotecas, comedores e áreas deportivas e de lecer, ademais de respecto (palabra clave na convivencia do centro) pola figura do docente e redución da sobrecarga de tarefas administrativas que rouban tempo a actividade principal de ensinar. Táboa semellante á do profesorado galego neste inicio de curso, sobre todo no que atinxe a redución de ratios (en Secundaria a niveis anteriores á pandemia), a conservación da rede escolar pública en todo o territorio galego e ao aumento das prazas do catálogo do profesorado dos departamentos de orientación (tanto mestras orientadoras como de PT e AL), fóra  dos parches de programas sen estabilidade como Proa + ou Arco; medidas de atención a diversidade imprescindibles para afrontar con rigor o obxectivo dun modelo de educación inclusiva e dos centros como espazos seguros e de benestar. Secasí, ademais do necesario compromiso da administración educativa galega, que non dexergamos por ningures, o profesorado galego precisa novas doses de entusiasmo e compromiso profesional e empatía participativa en cadansúa comunidade escolar, como a iniciativa lusa #AmamosAEscola, para reactivar así o modelo de escola pública galega. O futuro da educación galega depende tamén dos que amamos a escola.

Publicado en Nós diario: 20/09/2023

Na Corentena hai tempo para todo

Quedar na casa durante canto menos catorce días obriga a todas as familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar os prexuízos que este peche poida provocar no estado emocional e desenvolvemento académico dos nenos e nenas.

Por fortuna, as crianzas saben que este non é un período vacacional, razón pola que continúan coa actividade escolar dende a casa, establecida diariamente de forma telemática por candasúa titora. Con todo, é preciso que cada familia asuma esta situación como un reto, tanto pola dificultade de adoptar un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das actividades das crianzas e das persoas maiores (moitas delas teletraballando desde o fogar), como pola necesidade de organizar de forma consensuada os tempos e os espazos.

Nesa nova organización das rutinas é necesario que os nenos e as nenas realicen diverso tipo de actividades para evitar a pasividade ou a ansiedade que esta reclusión obrigada poida ocasionarlles.

Recomendamos manter os horarios habituais para erguerse e deitarse, así como para as horas do almorzo, xantar, merenda e cea.

Cremos que as horas da mañá deben estar ocupadas pola realización das actividades académicas titorizadas dende o centro, establecendo varios descansos e tempo de xogo libre, dependendo da súa idade.

Pola tarde sería o momento ideal do día para ter unha hora específica dedicada á lectura e a escritura, tanto dos textos propostos polo centro como doutros dispoñibles na biblioteca familiar.

Debe existir tamén outro tempo diario para as actividades artísticas e plásticas (manualidades, debuxo, pintura, mandalas, construcións…). Desde o centro proponse diariamente a realización dun Coronareto deste carácter, como tamén existen outras propostas deste tipo na rede: «15 días,15 debuxos», «O arco da vella. Todo vai ir ben»…

As rutinas deben contemplar un tempo para o movemento e a actividade física, o que sabemos pode ser difícil en moitos fogares ou mesmo imposible. Mais o que si o será en todos é que os nenos e nenas compartan as tarefas domésticas de limpeza e arranxo do cuarto, o que fomenta a súa responsabilidade, autonomía e a igualdade entre homes e mulleres.

Neste confinamento debe existir un tempo diario para a comunicación dixital ou telefónica coas amizades e cos familiares, así como outro para o xogo individual (videoxogos e outras actividades lúdicas) como tamén para o xogo en familia, tanto compartindo xogos de mesa como acometendo retos ou proxectos nos que participan maiores e crianzas.

Con certeza que haberá aínda tempo cada día para escoitar música, ver a televisión ou vídeos de You Tube ou visitar espazos seguros para os menores en Internet, preparados para esta corentena.

Con todo, dende o punto de vista formativo o máis importante desta reclusión, que non poderemos evitar que nalgún momento resulta molesta e aburrida, é que os nenos e as nenas comprendan a razón pola que se fai: contribuír a parar o contaxio dun virus perigoso para a saúde de todas as persoas.

Corresponde as persoas adultas compartir a información dispoñible e non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución. Tarefa na que o Departamento de Orientación do centro amosa toda a súa dispoñibilidade a colaborar.

Estas orientacións poden ser ampliadas nos recursos recomendados polo Departamento de Orientación na web do centro.

En próximas entregas comentaremos algúns destes recursos así como outros novos que iremos engadindo.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.