Listado de la etiqueta: o_pintor_cego

Onte 2074: «O pintor cego», o colofón marabilloso de Xabier e Cobas

Pasei o día de Agustín remoendo nas páxinas d’ O pintor cego (Kalandraka 2020), o álbum co que Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas pecharon a súa colaboración creativa. Un diálogo que deu algúns dos mellores froitos da edición ilustrada galega con títulos memorables como A casa da luz (Xerais, 2002), Bolboretas (Everest 2005), O libro das viaxes imaxinarias (Xerais 2008), O misterio das badaladas (Xerais 2011), A illa de todas as illas (2013), até esta obra póstuma do noso Xabier, falecido hai dous anos. Unha creación compartida de compañeiros do corazón na procura da beleza até a gorida onde se atopase, mais tamén de artistas esixentes na creación de mundos aos que contribuían coa potencia e sutileza da voz e do trazo.

O pintor cego foi o derradeiro proxecto que compartiron, ao que convidaron a Arnold Böcklin, o pintor suízo creador das versións d’ A illa dos mortos, o cadro no que aparece unha barquiña emproando cara a illa rochosa, guiada polo remador e orientada por unha enigmática figura branca. O diálogo sobre a peza de Böcklin xermolou no relato do pintor cego que retrata coa música do aire a súa amada. Un texto no que identificamos a voz potente do Xabier contador na súa expresión máis xenuína de narrador da memoria da estirpe explorando o territorio da illa,  o do amor gozado nos días felices.

Un relato sinestésico que, como obras anteriores de DoCampo e Cobas, aborda a súa obsesión por indagar na cerna da creación artística e responder a cuestións cuxa resposta só pode ser un acto creativo: pode representarse visualmente todos os matices emocionais dunha voz?; pode identificarse sonoramente unha ollada limpa como o abrente de abril? Como xa sucedera n´A casa da luz, novela na que identificamos gromos deste relato, n’ O pintor cego o lectorado gozará dunha exaltación da luz e do son, as materias primas coas que o artista dá co retrato maís cabal da súa amada. Exploración sinestésica dunha pintura sonora e dunha música visual coas que Xabier e Cobas consiguen unha das súas creacións máis aqueladas, na que harmonizan de forma tan sutil como exacta a voz potente e apaixonada dos amantes creados por Xabier co detallismo das paisaxes arquitectónicas, o inacabado dos personaxes ou cos claroescuros tenebres de Cobas que homanexea nestas pezas de forma explícita aos seus admirados Veermer ou Francisco de Goya.

A edición coidadísima de Kalandraka, impecable na escolla tipográfica e dos materiais de impresión, realza un libro chamado a estar nas librarías dos máis importantes museos do mundo,  xa que este é un álbum sobre o valor da pintura e en xeral do valor das artes para a plenitude do ser humano. Unha ollada de longo alcance, unha estensa metáfora visual e literaria sobre o valor da creación coa que Xabier e Cobas poñen un colofón marabilloso o seu intenso e venturoso proxecto colaborativo de máis de dúas décadas. Outro dos seus títulos a engadir á longa lista de imprescindibles.