Onte 1678: Camiño aberto para Lueiro
Participamos onte na mesa redonda sobre a narrativa de Manuel Lueiro, O segundo acto do ciclo que durante todos os xoves deste mes de maio se desenvolve no marco da excelente exposición Camiño aberto, instalada Pazo da Cultura de Pontevedra, comisariada por Ramón Rozas e concibida por Carmen Carreiro, con motivo da celebración do centenario do escritor Manuel Lueiro Rey. Unha sesión literaria magnífica, na que interviron Ramón Nicolás e Modesto Hermida, que serviu de presentación da nova edición de Xerais de Non debían medrar, a noveliña de infancia de Lueiro, unha das pezas narrativas máis importantes da súa traxectoria.
Particular interese tivo para nós a intervención do profesor Modesto Hermida García, amigo e camarada de Lueiro e estudoso da súa obra narrativa, que comezou expresando a necesidade de “restaurar a memoria e os valores literarios de Manuel Lueiro Rey”. “Foi un autor premiado onde aparecía, fose España ou América, mais é sorprendente que a pesar de ser tan premiado e divulgado non acabou de enraizar no sistema literario nin educativo galego, quizais por que os seus defensores non souberon divulgalo mellor”. A seguir Modesto Hermida leu algunha das referencias que se teñen feito de Lueiro por parte de autores do seu tempo. “Ferrín destacou que Lueiro era un autor que ao simbolizar a realidade pretendía subvertila, é un poeta subversivo, Lueiro”. Citou, despois, as emocionantes palabras do profesor Herminio Barreiro, outro dos grandes amigos de Lueiro: “Poeta, sentimento de poeta, razón de poeta, conduta de poeta, soidade de poeta, tristeza de poeta, ledicia de poeta, amor de poeta, paixón de poeta.. esa era a razón vital de Manuel Lueiro”. “Ferrín, Basilio Losada, Xesús Alonso Montero, Luís Seoane, Lorenzo Varela, mesmo Benedetti escribiron marabillas de Lueiro, aínda que non o fixeron como merecía a súa obra literaria.”
Modesto Hermida salientou que “Manuel Lueiro posuía, fundamentalmente, sen merma de calquera outro rasgo definitorio, unha apaixonada vocación de escritor, concibida como unha necesidade estética, como un medio liberador da súa intención creativa, como unha proxección ao tormento de ser dunha personalidade posuída polo canto e pola estrela”. Xaora, Hermida detívose na análise de Non debían medrar, “unha obra na que debe ser valorada a novidade estrutural que supón que entre os relatos de infancia que teñen autonomía de seu, Lueiro compuxera unha novela engarzada pola pomba, un elemento determinista que xurdiu da súa capacidade como narrador”. “Hoxé é seguramente posible facer unha análise desa pomba que provocar reaccións e circunstancias, manchándose de bulleiro social nun ámbito de comrpomiso”. Rematou Modesto Hermida salientando que “a obra de Lueiro bifúrcase entre o home comprometido que escribe e o escritor de tema de compromiso non de todo ben tratado pola crítica dos observadores”.