Listado de la etiqueta: netanyahu

Non a guerra, pola paz e a democracia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a guerra de Irán e Líbano:

Politólogos e historiadores coinciden en que o mundo atravesa un momento decisivo, retrocede a democracia e a defensa dos dereitos conquistados dende 1789, ano da revolución burguesa coa que se iniciaba unha nova era. Crébase hoxe a orde mundial, o dereito internacional e os dereitos humanos, recoñecidos tras a Segunda Guerra Mundial, nun período de posguerra no que Europa e tamén os EUA de Roosevelt procuraron diminuír a desigualdade por medio de políticas públicas de vivenda, educación e sanidade, ademais de recoñecer os valores democráticos da liberdade de prensa, asociación e as garantías da autonomía do poder xudicial. Marco que o actual presidente Trump transgride co seu ordeno e mando, cando, e isto non é insignificante, a economía dos EUA, a superpotencia do século XX, perdeu a súa hexemonía, fronte o crecemento de China, que lle cuestiona o seu dominio nos campos científico, tecnolóxico, da Intelixencia Artificial e da propia Big Data. Pelexa pola hexemonía económica e militar na que Europa, onde aumentan os discursos fascistas seguidores da doutrina trumpista, perdeu moito peso no mercado mundial, como demostra o feito de que en 1980 a economía europea era dez veces maior ca de China, que se estima en 2050 dobrará a europea. Como tamén se lle achegarán a doutras potencias emerxentes, tanto no demográfico como económico, sexa a India, o Brasil, Corea do Sur, Singapore e Indonesia.

Mentres en Asia Occidental –nome utilizado polas Nacións Unidas para referirse ao denominado en Europa como «Oriente Medio» ou «Oriente Próximo», rexión estratéxica entre tres continentes, Europa, África e Asia, que abrangue o suroeste de Asia, chegando ao Mediterráneo, o Mar Negro e o Golfo Pérsico– continuará a guerra polo control do mercado dos combustibles fósiles e o xenocidio do pobo palestino, a pesar do «Plan de Paz» que consolida a ocupación de Israel, que pretende a hexemonía como primeira potencia rexional. Velaí o seu ataque unilateral a República Islámica de Irán, –que conta con 90 millóns de habitantes (dos que 16 viven na área metropolitana de Teherán) e grandes reservas de hidrocarburos, abrindo un conflito gravísimo na rexión. Agresión apoiada polos EUA de Trump, que espallando conflitos do planeta, a quen lle resultan alleas as normas do dereito internacional e as resolucións das Nacións Unidas que pretenden a resolución pacífica dos conflitos e o respecto a cada un dos estados soberanos (sexan Venezuela ou Irán) a decidir o seu futuro e o dos seus gobernos.

Tras os primeiros episodios tan alarmantes da «guerra de Irán», estendidos xa a varios estados de Asia Occidental e mesmo do Mediterráneo, evitar o que os politólogos chaman «trampa de Tucidides», en definitiva unha guerra de desenlace inimaxinable entre China (potencia nova) e EUA (potencia xa establecida), é a prioridade para todos os estados e para a propia humanidade. O que obriga a desenvolver, como está facendo o goberno de Pedro Sánchez, unha cultura de paz, de defensa da xustiza e da liberdade, o que entra en conflito coa política imperialista de Donald Trump, da que forman parte as ameazas a quen non lle chistan as súas grazas como aos que non colaboren incondicionalmente nas súas operacións bélicas. Non vai ser doado frear ao actual líder da extrema dereita mundial, nin tampouco aos que se adscriben a súa política do medo, como Miley, Netanyahu, Urban e Abascal (e quizais a propia Isabel Ayuso), que non ocultan a vontade de desmontar o modelo de democracia liberal vixente, as políticas públicas de cambio climático, enerxía verdes, igualdade e coidados dos estados e de dinamitar as regras (molestas para eles) do dereito internacional. Que pode facer a cidadanía para evitar unha catástrofe que hoxe parece inevitable? Que resposta autónoma ao imperialismo trumpiano pode acordar a Unión Europea? Será posible reconstruír un horizonte de paz?

Sendo imprescindible a saída política multilateral, a mobilización cidadá pola paz constitúe o acicate que os gobernos necesitan para non dobregarse ás aspiracións dos que pretenden normalizar o terror, a mentira e a barbarie, como a que leva sufrido o pobo palestino en Gaza. Banalización do horror que xa se produciu en Irán, onde a BBC informa que 153 persoas, incluíndo decenas de menores, morreron nunha explosión dunha escola de Minab, provocada por un bombardeo que Israel nega e os Estados Unidos «investigan». Por ventura, a cidadanía viguesa –convocada por case cincuenta organizacións, o que constitúe unha acción plural, inclusiva e solidaria– reclamou a paz e apelou a palabra «humanidade» como resposta á barbarie da guerra. Parar a guerra é posible. Como parar o fascismo que nos enfronta o abismo, como remataba o manifesto da convocatoria viguesa, «é un deber democrático e ético.»

Xenocidio palestino

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao xenocidio palestino:

A excelente resposta a cada unha das convocatorias da Plataforma Cívica Pro-Palestina de Vigo, na que se integran 42 colectivos sindicais, políticos e cidadáns vigueses, amosa que a pesar da aparente apatía actual hai unha maioría da cidadanía viguesa disposta a mobilizarse coa intención de denunciar e parar o xenocidio que Israel está perpetrando na Faixa de Gaza.

Manifestacións nas que se denuncia que o de Palestina non se trata dunha guerra, que xa se alonga dende 1967, senón dun xenocidio coidadosamente planificado polo actual goberno israelita, presidido por Benjamin Netanyahu, que pretende a expulsión do pobo palestino  do seu territorio, baixo o eufemismo de «desprazamento», contra o criterio dun millón novecentas mil persoas, a maior migración obrigada da historia recente.

Un ataque do exército israelita que en dous anos matou a 68.000 persoas da sociedade civil, das que o 70 % son crianzas e mulleres, entre as que se contan 1.600 sanitarias, 300 cooperantes da UNRWA (Axencia da ONU para os refuxiados palestinos) e 250 periodistas. Lista de vítimas ás que se suman 170.000 persoas feridas (incluídas 40.000 crianzas) e, ollo, 14.400 persoas desaparecidas entre os escombros, das que 4.400 son mulleres e menores, as principais vítimas dos bombardeos, causantes, como denuncia a organización Save the Children, do maior número de amputacións pediátricas da historia e da morte de 169 bebés. Un balance que levou a Antonio Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas, a dicir que «Gaza é un cemiterio de crianzas»; o conflito máis mortífero do que vai de século XXI, que a revista The Lancet estima supuxo a morte do 2,9 % da poboación de Gaza de hai dous anos, un de cada 35 habitantes.

Vítimas ás que se suma a destrución de edificios de vivendas, hospitais, escolas, campos de refuxiados, igrexas, mesquitas, museos, espazos arqueolóxicos, refuxios da ONU, estradas, infraestruturas básicas de comunicación, electricidade e auga, instalacións agrícolas e mesmo pesqueiras. Destrución dirixida polo goberno de Netanyahu que a Comisión Internacional Independente de Investigación sobre os territorios palestinos ocupados, tras indagacións exhaustivas, cualifica como xenocidio, xa que cumpre as condicións previstas na Convención para a Prevención e a Sanción do delito de Xenocidio, aprobadas polas Nacións Unidas en 1948. Xenocidio que a ONU identifica con actos «perpetrados coa intención de destruír total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico ou relixioso sexa pola matanza dos seus membros; pola cesión grave da súa integridade física ou mental; polo sometemento do grupo a condicións que supoñan a súa destrución, física total ou parcial; polas medidas destinadas a impedir os nacementos ou o traslado por forza dos menores». Condicións que cumpre a actual intervención israelita bombardeando Gaza de forma intensa e desapiadada, coa intención de decimar a súa poboación, deixala sen alimentos, auga, electricidade e acceso a axuda humanitaria e destruír as súas infraestruturas, incluída a sanitarias.

Situación que provocou unha grande fame, para as Nacións Unidas, cifrada nun consumo de calorías da poboación gazatí inferior ao que recibiron as vítimas do campo de exterminio de Auschwitz. Israel utiliza a fame como arma de guerra, unha estratexia coa que pretende expulsar do seu territorio á poboación palestina para substituíla polos seus colonos , apenas unhas 8.000 persoas que no 20 % do territorio da faixa posúen xa o control do 40 % das terras cultivadas e da maioría dos recursos hídricos. Estratexia semellante á que empregou Hitler na súa invasión de Polonia de 1939, que xustificaba pola necesidade de espazos agrícolas para os colonos nazis e mandaba matar sen piedade a homes, mulleres e crianzas polo seu delito de «ser polacos».

O acordo entre Israel e o Movemento de Resistencia Islámico (Hamás) para o cesamento do fogo e o inicio da primeira fase do plan de paz auspiciado por Trump, froito en boa medida das presións da comunidade internacional, da Flotilla global da faixa e dos estados árabes mediadores, non exime aos que promoveron este xenocidio asumir as súas responsabilidades diante dos tribunais internacionais. Non esquezamos que a Corte Penal Internacional, órgano xudicial independente creado polo Estatuto de Roma, ditou en novembro de 2024 orde de detención por presuntos crimes de lesa humanidade contra Netanyahu, o seu ex-ministro de defensa Yoav Galleat e Mohammed Deif, comandante de Hamás, morto nun ataque aéreo israelita. Recuperar a solución dos dous estados e o respecto á legalidade internacional, baixo o marco das Nacións Unidas, son retos inmediatos no cumprimento duns acordos de paz que agardemos sexan respectados e paren dunha vez o xenocidio palestino.

Con Palestina

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación do territorio palestino ocupado:

O pasado xoves un centenar de persoas convocadas pola Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina na Porta do Sol botaron abaixo un muro de caixas de cartón que representaba o peche que dende hai un ano sofre a poboación da Franxa de Gaza, onde o exército israelita non permite a entrada nin de alimentos nin de auga nin de medicinas. Acción performativa que continuaba a xornada «Gaza (a catástrofe Nakba)», organizada o día anterior polo concello de Vigo e as asociacións Hoy por ti e Juezas y jueces por la democracia, na que diversos expertos de organizacións humanitarias como Open Arms e Médicos sen fronteiras, o xornalista Ernesto Elkaizer e o vicepresidente da Comisión Europea Josep Borrell abordaron a situación actual de Palestina, cando se fai o 76 aniversario da «Nakba», a expulsión de 700.000 palestinos do territorio que dende 1948 conforma o estado de Israel. Dúas accións que pretenden sensibilizar á sociedade viguesa, até agora pasiva e conformista cunha guerra na que de forma sistemática se conculca o dereito internacional, unha situación rexida pola lóxica perversa da barbarie na que foxen cara a ningures milleiros de persoas civís, que nas últimas semanas se repite na fronteira do Libano, onde o exército israelita utiliza tamén a forza de forma desproporcionada e os civís están absolutamente desprotexidos.

Un asedio completo a Gaza, resposta do presidente Benjamin Netanyahu ao ataque sorpresa indiscriminado de Hamas e outros grupos armados o 7 de outubro de 2023, na que foron secuestradas 200 persoas (das que 100 continúan), a maior parte civís, e segundo o Ministerio de Saúde de Israel morreron 1.200 persoas e case 3.500 resultaron feridas. Resposta israelita iniciada con bombardeos a Franxa de Gaza, que incluíron hospitais, campamentos de persoas refuxiadas, centros educativos, mercados e outras instalacións civís, nos que segundo Amnistía Internacional morreron nun ano 42.000 persoas palestinas, entre elas máis de 11.000 nenos e nenas e outras 96.000 resultaron feridas; mortos sen razón aos que se engaden as máis de trescentas de vítimas do persoal do ONU e de diversas organizacións humanitarias. Ataques aéreos e terrestres que obrigaron a desprazarse internamente ao 90% da poboación de Gaza, ao tempo que sufrían a privación deliberada de alimentos, auga, atención médica e axuda humanitaria, provocando un cruel sufrimento sen precedentes no conflito. Prácticas, nas que non paran de incrementarse o número de vítimas civís palestinas, que constitúen para Amnistía Internacional probas irrefutables de crimes de guerra ou que para a Tribunal Internacional de Xustiza da ONU poñen a poboación palestina en perigo de xenocidio e limpeza étnica, o que é o mesmo que dicir que se trata dun crime contra a humanidade.

Diante de semellante escalada de violencia, xa traspasada a fronteira do Líbano, que ameaza estenderse a Siria, ao Mar Vermello e provocar un conflito de consecuencias inimaxinables cunha potencia nuclear como é Irán, a comunidade internacional (se existe como tal) ten a obriga de esixir as partes un alto o fogo inmediato e a liberación incondicional e inmediata de todos os reféns civís retidos por Hamas e outros grupos armados e as persoas palestinas detidas de forma ilexítima por Israel. Mentres a guerra e a destrución se prolonga sen enxergar un horizonte para o seu remate, non hai outra posibilidade que reclamar este alto o fogo, o respecto ao dereito internacional e os dereitos de todas as vítimas á verdade, a xustiza e a reparación. No entanto como lembra Agnès Callamard, activista de dereitos humanos e secretaria xeral de Amnistía Internacional, este primeiro aniversario doutro episodio dunha guerra prolongada e interminable dende hai décadas constitúe «un recordatorio instrutivo para esculcar nas causas profundas deste conflito, para cortar o subministro das armas a todas as partes, así como poñer fin a prolongada impunidade coa que as forzas israelitas, Hamas e outros grupos armados desprezaron o dereito internacional durante décadas sen temer consecuencia ningunha».

Unha guerra é un fracaso da humanidade. Mais o que tamén resulta inaceptable é a pasividade e a inacción de quen pretende normalizar estes conflitos armados e toda a súa crueldade como inevitables. Ausencia de compaixón coa poboación palestina manifestada ao longo deste ano polos estados occidentais, singularmente algúns da Unión Europea como Alemaña, incapaces de conmoverse coa situación dantesca que se vive na Franxa de Gaza e manterse inanes para mobilizar a comunidade internacional, como reclama Eduardo Guterres, actual secretario xeral da Nacións Unidas. Nada pode xustificar o castigo do pobo palestino nin sacrificar toda unha xeración de cativada que só coñece a dor e o odio. Nada.