Listado de la etiqueta: nelson de matos

Nelson de Matos

O pasado 8 de xuño morreu Nelson de Matos, o responsable de Publicaçoes Dom Quixote durante e vinte e tres anos, editor literario portugués por excelencia, o que lanzou a Antonio Lobo Antunes e Manuel Alegre, relanzou a obra de José Cardoso Pires e de João de Melo e apostou por Lidia Jorge, Pepetela ou Mario Claudio, entre outros autores portugueses. Foi tamén de Matos o primeiro amigo e cómplice da literatura e da edición galega en Lisboa, publicando a autores como Manuel Rivas, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Agustín Fernández Paz. Lector curioso, editor elegante e comprometido, considereino sempre como un dos meus mestres no nobre oficio da edición do que se sentía tan orgulloso de exercer. Na conversa de sobremesas en Lisboa ou Tavira, ou nos encontros outonais de Frankfurt, aprendín de Nelson o que consideraba básico no oficio: o editor ten a responsabilidade de asumir todos os riscos na escolla dos mellores textos  e de  acompañar aos autores e autoras nos seus lanzamentos. Contoume con moito humor coma a súa historia como editor quedou marcada pola súa decisión de recusar a publicación dun texto de Jose Saramago cando era editor de Arcadia, unha anécdota que remataba quitándolle ferro de que eran cousas que acontecían con relativa frecuencia na edición, o que me axudou a encaixar algúns dos erros que cometín como editor. Como mamei de Nelson asumir que os lanzamentos precisan do entusiasmo incondicional do editor e da súa empatía para conxeniar coa complexidade das personalidades creativas dos autores. Como tamén é responsabilidade (non escrita) nosa contribuír a aliciar e seducir a axentes e editoras estranxeiras para que fosen traducidos a outras linguas. Non esquezo a súa achega ao recoñecemento da literatura galega no mercado editorial portugués, labor por desgraza no que se perdeu a súa xenerosidade. Na derradeira visita a Lisboa compartimos o pesar polo pasamento de Agustín Fernández Paz, autor a quen admiraba como defensor da lectura. Chorámolos con saudades.

Publicado en Nós diario: 02/07/25

Onte 1877: “Cartas da Guerra”

Cartas_de_la_guerra-500134728-largeNa proxección de Cartas da Guerra, o film do director portugués Ivo Ferreira, lembrei os días nos que convidamos a Antonio Lobo Antunes e ao seu editor, Nelson de Matos, a acompañarnos en Mondariz nos Premios Xerais de 1999. Quen confesou entón as saudades da súa ascendencia galega protagoniza a película de Ferreira, baseada nas cartas case diarias que Lobo escribiu a súa dona, reunidas na novela D´este viver aquí neste papel descripto: cartas da guerra, traducida ao castelán por Dolores Vilavedra. A película é unha crónica sobre a guerra de liberacion colonial de Angola na que o daquela xove escritor participou como médico de 1970 a 1973. Un excelente branco e negro, capaz de provocar o estrañamento necesario para seguir a voz da muller que le as cartas, subliñada en cada frase por unha BSO preciosa, contextualiza as imaxes que na pantalla aparecen do seu home e dos seus compañeiros de batallón, cada vez máis abatidos por unha guerra na que, dunha ou doutra maneira, toman conciencia política.

Cartas da Guerra é unha película de beleza conmovedora, tanto pola composición perfecta de cada encuadre e a combinación dos espazos diurnos e nocturnos, capaz de lembrar algunhas escenas de A árbore da vida ao Terrance Malick ou á Apocalipse now de Coppola, como polo texto literario que a sostén, potente na dicción, reflexivo nuns momentos, moi poético, mesmo sensual, noutros, mais sempre capaz de evitar os perigos da reiteración de procedemento narrativo tan arriscado, que coloca ao espectador preguiceiro no gume da navalla. Os de Ferreira e Lobo Antunes son auténticos cinepoemas contra a infamia e a crueldade que a guerra provoca con todos os seus participantes; unha esculca política, tamén, sobre as orixes daquel abril de 1974, que todo o quixo mudar. Recoméndoa.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar