Artigos

Onte 1792: Culturgal 2016, un éxito colectivo que precisa reinventarse

culturgal_nel

Pechamos o domingo o Culturgal 2016, a novena edición da Feira das Industrias Culturais, coa sensación de estar rematando unha etapa, a do lanzamento do que Nel Vidal definiu o domingo en Twitter como «posiblemente o mellor invento do sistema cultural galego da última década». Estou convencido de que Culturgal, a pesar da súa fraxilidade, está felizmente consolidado nun espazo (O Pazo da Cultura de Pontevedra) e nun tempo (primeira fin de semana de decembro) como unha cita de referencia no calendario galego. Como tamén o estou de que o seu modelo de xestión austera, eficaz, transparente e corresponsable permite cun orzamento reducido a continuidade da feira cada ano. Un éxito colectivo, ao que non é alleo o excelente traballo do equipo de profesionais e voluntarias (medio cento de persoas) que dirixe Xosé Aldea e do que forman parte Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, os tres cerebros, corazóns e almas desta proeza.

Teño reiterado que Culturgal está conformando unha nova expresión do orgullo galego. Como estou convencido de que os milleiros de pequerrechos e pequerrechas, que levan asistindo dende hai unha década a este encontro, constituirán como aventura Xosé Aldea, «a xeración Culturgal», agardemos que impregnada dos sintagmas de ledicia, positividade e entusiasmo presentes sempre na feira. Como non é menos certo que Culturgal está acuñando unha estratexia de colaboración intergremial e interinstitucional cuxo espírito debería contaxiar outros moitos ámbitos da actividade cultural e política galegas, tan necesitadas de acordos e proxectos en clave de país.

Xaora, Culturgal é unha arboriña non exenta de fraxilidade, que precisa o agarimo, as atencións e (tamén) as críticas e suxestións dos sectores e asociacións gremiais, como dos artistas e visitantes. Este ano acadamos unha cifra de visitantes semellante a da pasada edición, arredor das 15.000 persoas, un éxito, pero os datos que recabamos entre os libreiros indican unha sensible redución das súas vendas en relación a 2015, o que convida á reflexión do sector do libro e da lectura, o que conta con máis expositores e presenza na feira. Como tamén soubemos da satisfacción dos profesionais do sector da música, tanto pola asistencia aos seus concertos como polas vendas e acollida das asinaturas de novidades discográficas.

Sexa por un caso coma polo outro, Culturgal precisa reinventarse en cada edición, asumir o reto de sorprender e achegar máis comodidades aos seus visitantes e expositores. Culturgal debe continuar mellorando e innovando, asumindo como propios os retos que supoñen para as industrias culturais galegas os procesos de hibridación dixital da comunicación cultural e o tránsito (inevitable) das actividades de creación cultural cara a industria do lecer, que se está a desenvolver a nivel global.

Nesa liña de inconfromismo continuísta traballa dende onte o equipo de Xosé Aldea e os membros da Asociación Culturgal. Nos vindeiros meses anunciaremos importantes novidades para o Culturgal 2017, o do décimo aniversario, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro. Vémonos daquela. Beizón!

Onte 1586: Asociación positiva co galego

imagenOs vinte anos que celebra esta fin de semana a CTNL merecen todos os parabéns. Dúas décadas de moi proveitoso traballo dun colectivo de profesionais a prol da lingua galega compartindo sintagmas de entusiasmo e simpatía. Como ben salientou onte Nel Vidal, que despois de nove anos de traballo arreo abandona a presidencia do colectivo, a estratexia de todas as súas campañas (Gústame o galego, Como cho digo, Agasallo.eu…) foi pular pola asociación do galego coa «positividade, a modernidade e o orgullo«, convencidos que así se poderían desmontar prexuízos e mellorar a percepción que a cidadanía galega ten do seu propio idioma. Os membros da CTNL pertencen por méritos de seu á Galicia inconformista e esperanzosa. Expresamos a nosa gratitude e admiración. Beizón.

Onte 925: Como cho digo :-)

Outra vez a CTNL ofrece unha campaña modélica e moi atractiva de normalización da lingua galega, desta volta co obxectivo de visibilizala nos medios de comunicación. Colectivos profesionais, sociais e cidadáns, ademais de persoas a nivel individual, promovemos esta campaña coa intención de reclamar aos medios de comunicación o dereito a que non agochen a nosa lingua, algo tan doado coma escasamente frecuente, o de non sermos traducidas cando realizamos declaracións ou é solicitada a nosa opinión. O galego utilízase moito máis do que hoxe aparece nos medios de comunicación. Unha situación que é posible reconducir, se cada unha das persoas e colectivos que o utilizamos decote reclamamos o noso dereito a sermos respectadas. Unha mensaxe clara, expresada por persoas procedentes de eidos profesionais diversos (xudicatura, profesorado, investigación, cultura, deporte, xornalismo…), recollida nun fermoso deseño audiovisual, abonda para viralizar a campaña nas redes sociais e procurar o apoio popular. O éxito semella garantido. Coma sucedera con «Gústame o galego» e Agasallo.eu, o presentado onte é outro modelo a emular por outras iniciativas (tan necesarias) que pretendan aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. A nosa gratitude para os membros da CTNL, especialmente para Nel Vidal, primeiro promotor da campaña, por ser capaces de compartir e contaxiar tantas doses de entusiasmo e optimismo en tempos dificiles. Beizóns para «Como cho digo :-)».

Onte 713: #Prazadoslibros

Pasei o domingo na #Prazadoslibros, o día grande do evento de promoción do libro e da lectura organizado polo concello de Carballo. Durante a mañán por cada libro mercado os lectores e lectoras recibían como agasallo cadanseu molete de pan de Carballo. Unha iniciativa magnífica de colaboración entre as panadarías de Carballo e as sete librarías participantes nunha feira do libro que comparte espazo coa feira de produtos de tempada ofrecidos polos produtores agrícolas da comarca de Bergantiños. Foi unha mañá intensa, na que Manuel Rivas asinou de forma paciente e minuciosa máis de medio cento de libros (a maioría d’ As voces baixas) ao longo de case tres horas. A tarde, foid e letras e música, coa presentación dos libros máis recentes de Xosé Neira Vilas e o concerto de Uxía e a súa «Rosalía pequeniño». Moita xente partincipando nunha iniciativa modélica na que os libros adquiren protagonismo no espazo público. Esta #Prazdoslibros xa é un referente no calendario galego do libro e da lectura, un modelo anovado do que a organización das Feiras do Libro de Galicia (que onte remataron en Monforte o seu periplo anual) deberían tomar boa nota. Os libros son en Carballo o pan da cultura. Beizóns ao concello que preside Evencio Ferreiro (a piques de contar cunha nova e magnífica biblioteca pública) e ao incansable Nel Vidal por tan magnífico traballo nesta #Prazadoslibros.