Listado de la etiqueta: mundo_rural

Onte 1776: «Todo o tempo do mundo», presentación en Noia

Agustin_Agra_David_Perez_Iglesias_04-11-2016

Moi emocionante e divertida resultou a presentación do serán de onte en Noia de Todo o tempo do mundo, a novela de David Pérez Iglesias, ilustrada por Marcos Viso, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2016. O escritor Agustín Agra, gañador hai dez anos do Premio Merlín, despois de relatar como coñeceu a David Pérez Iglesias hai máis dunha década, cualificou Todo o tempo do mundo como «un libro infantil de altísima calidade, escrito coas vísceras seguindo o fío da esperanza e da memoria». A seguir Agra debullou tres ideas que singularizan a novela de David : a ollada do seu narrador, os temas abordados e os destinarios da obra, «sendo consciente de que é na adolescencia cando se len as novelas máis fermosas». Rematou Agra dicindo que «Todo o tempo do mundo é na literatura infantil e xuvenil galega o que Os Eidos na nosa poesía».

XG00248701Comezou o seu discurso David Pérez Iglesias confesando que esta novela nacera dunha ambición moi persoal. «O meu pai non falaba nos seus últimos trece anos de vida. “Que lle tería dito aos netos se estivese ben durante este tempo?” Sei que a intención de responder a esa pregunta non está completamente cumprida na obra, foi un traballo moi ambicioso que non fun capaz de facer, precisaría máis de dous anos sen facer outra cousa, tempo do que non dispoño». «Todo o que escribo o leo en alta voz; se o que leo non canta é que non funciona. A narración debe ter unha voz auténtica que escribe por ti. O texto hai que facelo e refacelo tantas veces como sexa necesario, até que non se note o traballo. O texto ten que fluír». Referiuse despois a parte fundacional do libro, que aparece ao final. «Lembro ao avó e a papá cravuñando na gadaña. Era este un momento de moita introspección, que sinalaba o paso do tempo e que quixen recoller no booktrailer que preparamos para o libro».

Despois de ler varios fragmentos, David comentou que «comeza a haber ocos moi grandes sobre o que somos, existen ocos e silencios que debemos encher, construíndo unha nación e tomando o poder». «Neste libro hai referencias concretas, non hai nada que sexa mentira, aínda que todo é unha invención»: «Escribín todo o libro escoitando na orella o reloxo do meu tío, tic tac tic tac. Non hai unha boa narración se non é tempo; se non escoitas o corazón do tempo, a narración non é boa». «Mentres escribía sentín a veces a pena de non dedicarlle máis tempo e facer unha gran obra sobre a perda de todo este mundo devastado onde resisten con dignidade, traballando e traballando miles de persoas maiores. Canto me queda por dicir? Creo que no libro se nota que detrás hai un mundo máis grande».

«Quería facer un libro que falase do real. Cando desaparece o mundo rural non desaparece só o atador do trigo [que David levaba na man], tamén o imaxinario, como a Xente Pequena, homiños pequenos que vivian nos caborcos da montaña. Preocúpame moito a desaparición deste imaxinario, é unha obsesión, iso foise e con iso foise gran parte do que fomos». «As frases sapienciais que aparecen no libro son frases que eu oín. Esa frase “as túas raíces medran no futuro« escoiteilla a David, o meu padriño, que me dixo: “David, ti es a miña raíz”, e dende entón comprendín que as nosas raíces están diante, sen elas non hai nación. Como me dixo esoutra: “David, non te enganes, o mundo móveo o amor”». Rematou o autor o seu discurso confesando a satisfacción polos comentarios que a súa nai (89 anos) fixera do libro: «”Moito viaxaches!”, “Era así, era así”, foron as súas palabras». Comentou tamén que «o único medo que teño é que a xente di que chora lendo no libro, aínda que para min foi unha experiencia de escritura moi feliz».