Artigos

Onte 801: Debate no MICAtlántica

Pasei unha parte da tarde no MICAtlántica, que se celebra na Cidade da Cultura, onde fun convidado a participar nun debate sobre a situación do sector da edición en Arxentina e en Galicia. Máis alá do que eu entendo como unha falta de medida de organizar a parte expositiva e o fórum do evento na CdC (descoñezo cal é achega económica da Xunta de Galicia e cal do goberno arxentino), como do pouco axeitada data da súa convocatoria, xusto na semana anterior a Culturgal, MICAtlántica podería ser outra xanela que permita a industria cultural galega enxergar horizonte alén mar, sobre todo nos grandes mercados arxentino e brasileiro. Foi esta tamén a principal conclusión do debate no que intervín sobre a situación do mercado interior do libro e as posibilidades de colaboración futuras entre editores galegos e arxentinos. Ao longo dunha hora, Martín Gremmelspacher, vicepresidente da Cámara Arxentina do Libro (que agrupa a 500 editoras e librarías), Víctor Freixanes e eu mesmo fomos trazando un cadro comparativo da situación da edición en ambos os dous países que resultou ilustrativa. Paga a pena recoller aquí algúns dos datos. Mentres en Arxentina editan 26.000 títulos cada ano, nós ofrecemos 3.400, dos que 2.100 son en lingua galega. Cando eles estiman unha faturación de 800 millóns de euros, a nosa en 2011 non chegou aos 28 millóns, dos cales 21 corresponden ao mercado do libro en galego. Mentres eles recibiron unha compra institucional directa de 45 millóns de euros para dotar bibliotecas públicas, esta partida para o libro en galego en 2013 non chegou ao medio millón de euros… A actual situación da distribución do contido dixital, a importancia do libro educativo e do fomento da lectura por medio da biblioteca escolar foron outras cuestións que se puxeron sobre a mesa. Agardemos que este primeiro MICAtlántica teña continuidade noutro calendario e nunha instalación máis axeitada.