Mariano Rajoy acudiu o pasado mércores ao Congreso dos Deputados para anunciar o contrario do programa ao que se comprometeu coa cidadanía o pasado outono durante a campaña electoral e polo que obtivo unha ampla maioría para gobernar. Desta volta, obrigado polas 35 condicións impostas no memorando de axuda á banca española, en oito meses de lexislatura xa consumiu as poucas promesas que lle quedaban por traizoar. Subiu os tipos superiores de IVE, modificou o réxime dalgúns servizos e decretou unha (incrible) amnistía fiscal para os grandes defraudadores, prexudicando as rendas medias e baixas de traballadores, autónomos e pequenos empresarios. Arruinou máis aos funcionarios, quitándolles a paga de Nadal, aumentándolles a carga de traballo e tomándoos coma reféns para o escarnio público. Empobreceu máis aos parados, reducindo as súas prestacións, deixándoos sen esperanza ningunha, ao abeiro da inesgotable solidariedade familiar. Retallazos que se engaden aos realizados na primavera nos servizos públicos de educación e sanidade (incluído o aumento do copagamento farmacéutico) xustificados sempre polo mantra da “herdanza recibida” e pola “necesidade de saír da crise”.
Non fai falta ser Krugman para comprender que as medidas do Goberno de Rajoy, ante a súa imposibilidade de devaluar a moeda, supoñen a fase máis brutal do proceso de devaluación interna de salarios e rendas da economía española. Unha xeira “reformadora” iniciada no mes de maio de 2010, cando Zapatero tirou a toalla presionado polos mercados de débeda soberana, cando a prima de risco estaba preto dos 300 puntos. Proceso consolidado de forma irreversible en agosto de 2011, coa reforma exprés do artigo 135 da Constitución –“consensuada” por PSOE e PP e “solicitada” pola carta dos responsables do Banco Central Europeo ao presidente do Goberno, sen dúbida “inspirada” por Angela Merkel e Nicolas Sarkozy– que establece a prioridade da estabilidade presupostaria a calquera outro obxectivo das administracións públicas. A efectos prácticos, dende hai dous anos, o Reino de España está dunha ou doutra forma intervido, cedendo parte da súa soberanía ao que vaian dispoñendo as autoridades da famosa “troica” (UE, BCE, FMI) no marco da grave crise do euro e do proxecto de unión monetaria.
Presentados coa suavidade que permite o eufemismo de “reformas”, todos sabemos, incluídos o propio Rajoy e o conformista Rubalcaba (triste papel o do secretario xeral do PSOE ao longo da lexislatura), que estes recortes non contribuirán a saír da crise, nin a reducir as taxas brutais de paro nin a incentivar a actividade dos emprendedores e investigadores, pola contra supoñerán maior sufrimento para os sectores máis febles e desprotexidos da sociedade. O obxectivo destoutro retallazo é asegurar (non sabemos por canto tempo) a supervivencia dun sistema financeiro quebrado pola burbulla inmobiliaria e polo “capitalismo de amiguetes” practicado polos responsables dalgunhas caixas de aforros durante décadas.
Non comparto as análises dos que afirman que estas medidas devaluadoras son inevitables. Enténdoas como parte dunha estratexia conservadora ultraliberal dirixida a diminuír (quizais a eliminar) o papel do estado como compensador de desigualdades sociais (a clave da chamada “sociedade do benestar”) e a conseguir unha recentralización do estado, avalada pola necesidade de “enmagrecer” as administracións e facelas “máis eficaces”. Dúas aspiracións da dereita española, ao longo da restauración juancarlina. Só dende esa idea conservadora poden entenderse os aplausos entusiastas do grupo popular a Rajoy, tras anunciar no Congreso esta debacle social. Só con esa intencionalidade pode comprenderse a actitude prepotente do ministro Montoro identificando de forma indiscriminada ás Comunidades Autónomas coa “relaxación” orzamentaria ou a patética apelación da ministra Báñez da confrontación franquista entre a “maioría silenciosa de españois de boa vontade” con “algúns que se resisten ao cambio”.
O Goberno Rajoy abriu un negrísimo panorama. Coas súas medidas avanzamos cara un empobrecemento acentuado da sociedade e un aumento da desigualdade, feitos gravísimos para a convivencia. Mais tamén cara unha perigosa xeira recentralizadora, xa que se as Comunidades Autónomas non contan con recursos suficientes tampouco poderán ofrecer os servizos de Educación, Sanidade e Dependencia, que supoñen o 80% dos seus orzamentos. Sen resolver esta tensión, o modelo constitucional do estado das autonomías faríase inviable, abrindo paso á centralización e á posibilidade real de segregación dalgunha comunidade no marco da Europa sen fronteiras. Quizais nesa contradición radique a cerna da crise española actual.