Artigos

Onte 590: Coa Irmandade do Libro en Monforte

Acudín ao chamado do amigos da Federación de Libreiros de Galicia no seu xuntoiro anual nos premios Irmandade do Libro que desta volta se celebraron en Monforte de Lemos. Aledáronme, claro está, os premios que recibiron os autores da casa nosa, Chisco Fernández Naval por A noite branca como mellor libro do ano 2012, Antonio Reigosa pola web Galicia Encantada como mellor iniciativa de fomento da lectura e María Xosé Queizán como mellor autora. Rin a cachón co monólogo de Carlos Blanco, unha peza de prodixiosa sutileza, sobre todo no treito final cando, diante do conselleiro de Cultura e Educacación, homenaxea á poboación autóctona da illa de Arousa. Gustei do merecido premio ás vinte e cinco guías de natureza Baía como mellor obra editorial e do recoñecemento ao Colexio Público de Quintela polo seu labor a prol da lectura (as palabras da de Isabel Vázquez, a responsable da biblioteca do centro citando a Frederick foron espectaculares). Emocioneime co recoñecemento a Antonio Fernández Maira, un libreiro xeneroso entregado dende hai dúas décadas á xestión asociativa, co que compartimos tantas angueiras en feiras do libro e irmandades coma este de Monforte. Porén, o que máis me impactou foi o broche de ouro que supuexeron as palabras de Severino Rodríguez, o alcalde Monforte. Lonxe de proclamas retóricas ou apelacións localistas, Rodríguez pronunciou un discurso memorable a prol da lectura como competencia cidadá imprescindible. «Somos cidadáns, se somos lectores», podería ser o resume dunha peza oratoria excelente, tanto na súa construción (mesmo coa lectura de catro citas finais, sen desvelar a autoría) coma na impecable execución. Foi unha fachenda saber que neste impaís, se me permite Alcalá, aínda contamso con políticos capaces de expresar ideas de política cultural complexas, afastadas de coxunturalismos ou de declaracións demagóxicas de apoio a nosa cultura. Cando rematou o acto, tras a foto de familia das persoas premiadas, a pesar da miña discreción e timidez fun abeizoar ao alcalde. Pagou a pena viaxar onte a Monforte.

Onte 182: Toda a Queizán

Montse Dopico, unha das nosas mellores xornalistas culturais, fixo unha magnífica intervención na presentación en Compostela de Meu pai vaite matar. Enfiando a lectura do libro no marco da obra narrativa, ensaística e poética de María Xosé Queizán definiuno como «novela de teses, sendo a principal, a de toda a súa obra: continuar loitando contra o patriarcado. Esta é a novela onde está toda a Queizán.» Dopico salientou que nesta novela abordábanse os temas principais da obra da Queizán: o sexo como dominación, a familia como institución destrutora para algunhas persoas, a violencia en todas as súas formas (o abuso sexual, a violencia no cárcere, a violencia política, a violencia colonial…), a homosexualidade… Con todo, para a presentadora é a reflexión filosófica unha das claves de Meu pai vaite matar, sobre todo no que atinxe a fascinación da Queizán pola ciencia, o seu compromiso pola igualdade e a loita contra a falta de xustiza. Montse Dopico rematou definindo a obra como «unha novela sobre a ciencia e a razón contra a violencia». Unha lectura moi recomendable no Día Internacional das Mulleres.

Onte 98: Coa Queizán

No acto de presentación de Meu pai vaite matar, Marga Romero reivindicou a figura de María Xosé Queizán escollendo unha das metáforas da escritora viguesa: «Teño raíces nesta terra, pero son aéreas». Romero, nunha intervención magnífica, tras afirmar que «a literatura galega de muller viaxaba directamente de Rosalía até María Xosé Queizán, cando en 1965 publica A orella no buraco», ganduxou con fío invisible as achegas literarias da autora de Amor de tango en cada un dos xéneros (ensaio, teatro, poesía, xornalismo e narrativa), subliñando a sabedoría dos seus últimos discursos literarios (o do Premio Xerais 2011 e o recente do Pen Clube) así como o acerto rotundo na elección dos títulos para cada unha das súas obras. María Xosé respondeulle que antes de comezar a escritura dunha novela xa contaba co título: «Teñoo dende o principio, xa que a idea fundamental do que quero escribir está aí». Queizán definiuse como escritora de novela realista e, como tal, asumíu que non podía escribir de oídas: «Para cada novela debo investigar, coñecer, aprender, é unha das cousas que máis me gusta da escritura». Adiantou que ten un guión cinematográfico inédito e rematou definindo a súa escritura como narradora: «Escribo mirando. Vexo o que vou contando. Non son de oído. Son de vista». Un fermoso serán literario o de Librouro, mentres na rúa caía o ballón.

Carta de María Xosé Queizán ao Consello Municipal da Muller de Vigo

A escritora María Xosé Queizán enviounos copia da carta que onte dirixiu ao Consello Escolar da Muller de Vigo con motivo da primeira reunión deste mandato. Creo que merece ser difundia pola rede.

Queridas amigas e compañeiras feministas:

Recibín unha alegría cando souben que no Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo, me propuxerades para formar parte da Real Academia Galega. Dixen xa daquela que o voso recoñecemento era máis importante para min que o ingreso nesa alta Institución. Ademais, afanástevos para conseguir moitos apoios, comezando polo Concello da miña cidade, que tanto me gorentou, e outros Concellos, Asociacións e persoas galegas a quen lles debo recoñecemento. Estou en débeda con tod@s, e non podía defraudarvos. Pero, pasado un tempo, supoño que sodes conscientes do que eu xa o era: que non se ía producir tal ingreso. Porén pídovos a liberdade para expresarme e declarar os meus desexos.

Nunca quixen nin quero entrar na Academia. Cónstame que ante esta declaración haberá quen lembre a Fábula de Esopo: a raposa e as uvas.. Non é o meu caso. Pero tampouco me importa que non o crean. Levo toda a vida soportando atribucións arteiras e menoscabos sen que iso afectase á miña saúde, o meu optimismo e o meu goce intelectual.

Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista.

Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural. Mais, o certo é que nese lugar só se pode entrar para traballar polo intereses dos académicos. Nesa Casa, ( onde por certo habitou a gran sabia e feminista Emilia Pardo Bazán, que, mesmo querendo, non conseguiu entrar na Academia. Tampouco entrou Rosalía de Castro) predomina o imaxinario masculino. A teoría feminista, que comeza cun precursor no s.XVII, Pullain de la Barre, segue no s.XVIII con Olimpe de Gouche e Mary Wollstonecraft. coa Vindicación dos dereitos da Muller, Condorcet, Benito Feixó, Martín Sarmiento, J.Stuart Mill, F. Engels, Augusto Bebel, Pierre Bordeaux ou o actual Carl Djerassi, por citar homes, e tantas filósofas, comezando por Simone de Beauvoir, Kate Millet, Clara Campoamor, M. Le Doeuff. até as milleiras que na actualidade como Celia Amorós ou Amelia Valcárcel, forman un rico corpus, é ignorada nese contexto. Os libros onde se amosa esa herdanza intelectual, non deben figurar nas bibliotecas nin nas mentes dos ilustres académicos.

Afirmo que non hai acritude nas palabras anteriores. Só constatacións. Mesmo se negan a Lei de Igualdade e a propia democracia, teño un vínculo coa Academia co que sempre me identificarei: a lingua galega. Ademais sei que os argumentos expostos non son ofensivos para os distinguidos académicos. Consideran que o saber é cousa de homes, no sentido máis específico do termo, e fixeron coas mulleres unha privación inicua…ignoro por que dereito natural fundamental, de non ser o outro que a forza, segundo o Rousseau xuvenil.

Pretendín demostrarlle á cidadanía que me propuxo que a Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor.

Hoxe, día 14 de Setembro de 2011, no 1º Consello Municipal da Muller do novo mandatoda, pídovos a liberdade para declarar que non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega, así como amosar a miña desculpa ante todas as institucións e persoas que me apoiaron.

Reitero as grazas e ofrezo a miña solidariedade e o afecto de sempre.

María Xosé Queizán

Premios Xerais 2011, as entrevistas


Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces:

Escritora María Xosé Queizán

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da presentación o pasado venres do libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, reivindico o papel fulcral da escritora viguesa nas letras galegas contemporáneas.

Queizán merece un recoñecemento institucional e cidadá que aínda non recibíu. Debe entrar a formar parte da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía incomprensible. Como tamén, Vigo, a cidade onde naceu e a que quere, debe homenaxeala como merece, recuperando no espazo de lecer que leva o seu nome a magnolia que ela plantou hai máis de dez anos.

No serán do pasado venres, o Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación do libro Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán (Xerais 2011). Ademais da presentación desta obra colectiva –coordinada por Camiño Noia e Manuel Forcadela, profesores do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e na que participaron dúas ducias de persoas vinculadas ao ámbito académico e ao movemento feminista–, o acto constituíu unha reivindicación rotunda da achega humana, política e cultural da escritora e pensadora feminista viguesa.

Nacida na rúa Urzaiz en febreiro de 1939, á altura do muro da Estación, aquela nena de posguerra educada en berce de mulleres herdou unha tradición de galeguismo urbano e unha educación liberal que a afastou do fanatismo fascista e relixioso daqueles anos díficiles. Sen perder nunca as súas raíces na ría, viaxou a París hai cincuenta anos, onde tivo o seu primeiro encontro cos pensadores existencialistas e coa literatura máis innovadora do seu tempo. Dende entón, esta viguesa afrancesada, rebelde e independente, mantivo como norte da súa vida a defensa dos principios da razón e da xustiza, concretados nos proxectos da revolución feminista, socialista e galeguista nos que participou, alenta e continúa promovendo dende o seu oficio de escritora.

Desque en 1965 publicara na colección “Illa nova” de Galaxia a novela obxectalista A orella no buraco, e desque en 1977 aparece o seu primeiro libro de ensaio, A muller en Galicia, María Xosé Queizán desenvolve un catálogo literario que non entende de fronteiras de xénero, procurando unha vía de diferencialismo feminista, ensaiando a creación dunha linguaxe específica e abordando temáticas novas para a literatura galega. Oito libros de ensaios, dous de contos, media ducia de novelas, tres pezas teatrais, catro poemarios, conforman un catálogo actual de vinte e catro libros individuais. Unha obra literaria á que cómpre engadir máis dun centenar de artigos publicados en revistas literarias, centos e centos de artigos xornalísticos en seccións como «Lilith», «Antígona» ou «Carrapuchiña feroz» (estas en Faro de Vigo), dúas biografías inéditas, un libro de viaxe en publicación e varios guións de documentais. Unha obra tan extensa como variada, propia dunha escritora total que fixo da literatura e da creación artística un compromiso primeiro e fundamental na súa vida.

En cada unha das súas novelas, relatos, poemas ou artigos –sempre escritos dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia– salienta a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. Toda a súa obra constitúe un esforzo pouco frecuente na literatura galega por ofrecer as lectoras e lectores unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos paradigmas de igualdade na relación entre os seres humanos. Un exercicio de coherencia e de reflexión permanente que xa é tempo de recoñecer. Máis aínda cando é imposible entender a literatura galega contemporánea sen o espazo fulcral, artellado pola obra literaria da pensadora e escritora viguesa.

Alén do seu traballo como escritora, María Xosé Queizán é unha teimuda editora. Dende hai vinte e cinco anos dirixe e terma contra vento e marea esa fantasía chamada Festa da Palabra Silenciada, a interesante revista cultural da FIGA (a organización feminista á que pertence é da que unha das súas fundadoras). Dende 1999 dirixe «As Literatas» de Xerais, unha colección de literatura escrita por mulleres que permitiu verquer para o galego de forma pioneira a autoras como Herta Müller ou Emilia Pardo Bazán. Actividade editorial á que non son alleas outras iniciativas súas como promover a tradución para o galego da obra de Simone de Beauvoir, O segundo sexo, proeza realizada ao longo dunha década pola súa amiga Marga Rodríguez Marcuño.

María Xosé Queizán merece o agarimo e afecto dos membros da cultura galega, mais tamén ser elixida como membro da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía que de forma incomprensible se ven arrastrando dende hai tempo. María Xosé Queizán merece o aplauso, o agarimo e os aloumiños que lle proporcionamos os seus conveciños, mais tamén que no denominado Parque da «Escritora María Xosé Queizán» (situado en García Barbón, á altura da entrada da autoestrada), inaugurado en 1998 con motivo da homenaxe que lle ofreceu a AELG, volva chantarse a pedra na que se gravaron os seus versos e volva plantarse unha magnolia negra como aqueloutra que ela plantou. Reclamo que o concello repare a escape esa inxustiza poética, antes de nomeala Viguesa distinguida.