Listado de la etiqueta: maría_xosé_díaz

Mulleres do silencio

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo  á exposición do Marco comisariada por Rosario Sarmiento dedicada a artistas plásticas galegas do século XX.

20140402_111726

Gustei moito da exposición “Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz” coa que o Marco inaugurou o venres a súa tempada de outono. Unha mostra de produción propia do museo de arte contemporánea de Vigo, comisariada por Rosario Sarmiento, que reúne un cento de obras de 21 artistas galegas, pintoras e escultoras de diversas xeracións dende as pioneiras das primeiras décadas do século XX, Maruja Mallo e Julia Minguillón, até ás máis recente da década de 1990, como Almudena Fernández Fariña e Tatiana Medal, formadas xa na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que supón unha revisión e actualización daqueloutra referencial, “A arte inexistente”, que a mesma comisaria coidara para o Auditorio de Galicia en 1995. Unha exposición de inequívoco espírito didáctico, froito dun concienciudo traballo de investigación documental e de colaboración con institucións públicas e coleccionistas privados, concibida coas intencións de propoñer un relato alternativo da nosa historia da arte e desvelar ao grande público o protagonismo e a achega decisiva (e até agora tan oculta e prexuizada) das artistas galegas do século XX.

Como sinala a comisaria no seu texto curatorial é un feito que a historia da arte occidental favoreceu o protagonismo do creador masculino, “excluíndo ás mulleres dos principais movementos artísticos”, até preguntarnos, como fixo Linda Nochlin nos seus estudos sobre arte e xénero, por que non houbo ao longo da historia grandes mulleres artistas? Inexistencia de mulleres na historia da arte (coas excepcións coñecidas de pintoras como Artemisia Gentileschi, Tamara de Lempicka ou Frida Kahlo, por poñer algúns exemplos), mais tamén na historia da literatura, da música e do cine, que non son consecuencia da súa natureza, senón do papel que ao longo da historia se lle asignou ás mulleres nas artes relegándoas a seres pasivos. Un agochamento e unha desigualdade que, a pesar dos logros acadados polo movemento feminista nas últimas décadas e da maior presenza das mulleres nas facultades de Belas Artes (onde son clara maioría e obteñen os mellores resultados académicos), aínda pervive, xa que “o recoñecemento artístico feminino segue sendo minoritario con respecto ao dos homes”. As mulleres nas artes continúan traballando nunha posición claramente secundaria. Dous datos contundentes: en España só o 20% das exposicións individuais están protagonizadas por mulleres; e en Galicia a participación feminina en mostras colectivas está entre o 17% e o 30%.

Desvelar este silencio ao que foron e son sometidas as mulleres artistas galegas, amosar a riqueza e a diversidade de tanto que permaneceu agochado, restaurar ausencias e focalizar protagonismos, son fíos condutores da proposta expositiva preparada por Rosario Sarmiento. Un percorrido xeracional que se inicia coa achega das pioneiras e onde se poden ver no mesmo patio para emoción do visitante dous dos cadros máis emblemáticos da pintura galega do século XX, “Muller con cabra” (1927) de Maruja Mallo e “A escola de Doloriñas” (1941) de Julia Minguillón. Interese que no decae nos espazos dedicados ás artistas da posguerra e do exilio, onde, entre outras, se presentan a figuración inxenuísta e popular de María Antonia Dans, o expresionismo dramático de Mercedes Ruibal (estremecedor o cadro dedicado a Allende), o neofigurativismo intimista de Mª Victoria de la Fuente, o construtivismo cromático de Beatriz Rey, as colaxes abstractas de Fina Mantiñán e as cerámicas innovadoras de Elena Colmeiro.

Ocupan a galería central algunhas das obras emblemáticas de Menchu Lamas, entre elas “Árbore de dúas cabezas” (1985), “Peixes” (1981) e “Secuencia ascensional” (1997), representando o pulo de transformación radical que supuxo a obra da única muller do grupo Atlántica. Grandes formatos que dialogan coas cerámicas de María Xosé Díaz e coas pezas policilíndricas manuscritas de Soledad Penalta. Espírito de renovación moi presente no patio dedicado á obra de Rosalía Pazo, Berta Cáccamo e Ángela de la Cruz, e tamén na sala anexa onde Mónica Alonso presenta a súa instalación “Angustia” (unha das mellores experiencias para o visitante da mostra), catro das artistas fulcrais do período de entre séculos en permanente proceso de investigación plástica.

Complétase tan interesante exposición coas vitrinas onde se reúnen documentos de prensa e catálogos que completan o relato sobre a recepción da obra de cada unha das artistas, onde é doado identificar o silencio e os prexuízos que sufriron. Experiencia de desvelamento que os visitantes máis curiosos poden continuar no espazo anexo do mesmo museo onde a cineasta viguesa Xisela Franco presenta “Interior, exterior, durante”, peza que nos convida a contemplar o tempo dende a temporalidade propia.