Listado de la etiqueta: marcelino

Colectivo

A finais da escola primaria descubrimos o paradoxo de que hai unhas poucas palabras que poden ser tanto un adxectivo como un substantivo. Este é o caso da palabra “colectivo”, que cando funciona como adxectivo fai referencia á pertenza a unha colectividade, sendo “individual” ou “particular” o seu antónimo; mentres, o substantivo define o que é un conxunto cohesionado de persoas agrupadas para desenvolver unha actividade en común. Ao Celta de Claudio Giráldez, despois de máis de cincuenta partidos de liga, cádralle mallada a palabra “colectivo”, sexa nome sexa adxectivo. Na tarde de onte en Balaídos, dende o inicio ao remate dos 97 minutos de partido, o Celta comeulle as papas a un Vilarreal, que chegaba líder e ateigado de figuriñas carísimas. Como é adoito, os de Claudio foron un colectivo de 23 futbolistas, entre os 16 que saíron á moqueta e o resto que sufriron o partido no banco, comprometidos a partir un piñón co seu adestrador. Un colectivo, no que participasen uns u outros dos seus compoñentes, desenvolveu un xogo colectivo e combinado capaz de confundir aos de Marcelino Toral, sobre todo nunha primeira parte memorable para o celtismo, na que aos celestes só lles faltou o gol.

Inesquecible foi para os que levamos acudindo décadas á catedral laica do Fragoso, o momento no que coñecemos o once inicial do adestrador soqueiro, que coa excepción do gardameta romanés Radu e do dianteiro Bryan Zaragoza, aliñaba nove futbolistas que pasaran pola Madroa, un fito para a historia centenaria do club. Cantidade que durante uns poucos minutos da segunda parte, tras a primeira quenda de trocos, subiu a dez. Algo que nos parecía incrible hai só dous anos, cando Rafael Benítez desprezaba as promesas da canteira galega. Unha completa volta de peúgo que, ademais de contribuír á economía do club con traspasos millonarios, como foi o de Fer López, recuperou o estilo de xogo colectivo do Celta de hai vinte e cinco anos, aquel conxunto de Víctor Fernández que sería o primeiro club galego en gañar unha final dunha competición oficial europea, a Copa Intertoto da UEFA. Mérito da afouteza e autoestima de Claudio Giráldez que introduciu sete trocos, respecto ao partido do Betis, deseñando unha defensa de tres membros totalmente galega, con Carlos Domínguez, Javi Rodríguez e Manu Fernández; confiando a dirección do equipo a Hugo Sotelo (outro partido extraordinario, o mellor dos celestes no que vai de tempada) e a Miguel Román (excelente no seu debut); como da canteira celeste eran os carrileiros, Carreira e Rueda, e os dianteiros que participaron, Durán, Aspas, Hugo Álvarez e Borja Iglesias.

Con semellantes vimbios, saíu o Celta moito máis intenso ca nos encontros pasados, cun xogo ordenado e con vontade de ser vertical. Aos cinco minutos, Aspas, que ocupaba a posición de enganche, desmarcouse e a piques estivo de marcar unha asistencia de Durán. Durante toda a primeira parte, os de Giráldez presionaron e roubaron na saída do balón dos castellonencos, máis non souberon aproveitalo para superar a Luiz Junior. Foi Bryan Zaragoza quen estivo máis cerca de facelo, no 36’, nun xute ao pao longo que despexou o excelente meta brasileiro. Como poucos minutos despois, o Celta nun saque de recanto de pizarra, moi raso sobre a área pequena, puido marcar, como cando finalizaba a primeira parte, Aspas non conseguiu aproveitar outro pase filtrado ao espazo por un Sotelo cada vez máis brillante.

Mágoa que tanto xogo e posesión celeste non se concretasen no marcador. Sen embargo, o conseguiron os visitantes no 53’, grazas a unha fermosa combinación na frontal de Etta Eyong que de taco deixou só ao seu compañeiro Pépé, para que marcase con facilidade. Co marcador adverso, os de Giráldez nin apoucharon nin perderon a paciencia nas axudas defensivas, cando os amarelos foron máis temibles. Secasí a entrada de Borja Iglesias e Moriba, coas que Claudio pretendía recuperar verticalidade, levaron aos groguets a acumular dúas liñas, moi difíciles de rebentar. Xaora, os célticos nunca perderon a confianza en facelo. No 89’ estiveron a piques de conseguilo: un pase filtrado de Mingueza sobre Borja, que deixou con intelixencia sobre Moriba, que xutou de xeito que o balón raspelase a base do pao. O partido parecía entón perdido. Mais o colectivo celeste insistiu no tempo engadido. Un gran pase en diagonal de Manu Fernández sobre Javi Rueda permitiu que o malagueño cabecease sobre a área pequena, onde apareceu Borja que de forma maxistral superou de cabeza, por fin, ao meta de Luiz Junior. Un fermoso gol de fabricación colectiva, que fixaba un merecidísimo empate nunha tarde de fútbol marabilloso. Certo é que a puntuación do Celta neste arrinque de agosto non é completamente satisfactoria (apenas 3 puntos de 12 posibles) nin tampouco a produción de gol, porén o xogo colectivo exhibido nestes tres empates aventura que os de Claudio competirán coma fixeron na liga pasada.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2025

Campo do Fragoso CLXXVI

Celta_VilarrealEMPATAZO

O partidazo do serán de onte na lameiriña de Balaídos entre o Celta de Berizzo e o Vilarreal de Marcelino, ambos os dous adestradores de conviccións profundas, foi unha loita moi fermosa e igualada entre dúas formas de entender o xogo combinativo, a da afouteza e intensidade celeste fronte a disciplina táctica do submariño amarelo, a dun cadro que asume todos os riscos de ir cara adiante e a doutro que agarda a súa oportunidade para responder en idéntica medida. Unha loita emocionante, coa táboa de marcas sempre incerta, con puxilatos individuais aquí e acolá, onde abondou xenerosidade no esforzo de dous equipos que enfrontan o último cuarto da liga co obxectivo de consolidar a súa posición nas prazas europeas.

Superando os corenta puntos, consolidada xa a permanencia matemática, Berizzo saíu cos seus dous tridentes. No de ataque á Aspas e Guidetti uniuse Nolito, que despois de máis de dous meses regresaba ao equipo de gala. No tridente inédito de mediocampistas, un incansable Wass acompañou aos chilenos Díaz e Orellana que dirixiron as operacións de atopar algún furadiño no valado amarelo que dispuxo o adestrador asturiano. Amparados os dous triángulos na defensa clásica, Sergi e Cabral, no centro, e Jonny e Mallo, nas bandas, o Celta asumiu moitos riscos e, durante os primeiros corenta e cinco minutos, non gañou para sustos coas chegadas do congoleño “crocodilo” Bakambu, que tivo nas súas biqueiras un par de oportunidades tremendas que desfixo in extremis Sergio, moi acertado e seguro.

Durante a primeira parte as xenialidades das combinacións na área rival de Aspas, Guidetti e Orellana non abondaron para atopar o camiño do gol, quizais por que faltaron as recuperacións silenciosas e as cabezadas de Tucu Hernández, cuxa ausencia se fixo notar moito máis cando un Marcelo Díaz agotado foi decaendo na súa tarefa de distribuír sobre as bandas e manter un ritmo fluído e harmonioso. Responsabilidade que asumiu, entón, o poeta Orellana, incansable, que dende a media punta intentou con desigual fortuna pases moi longos a unha e outra banda. Nolito quería saltar o valado amarelo dende a dereita utilizando todas as súas artes, caneos e túneles incluídos, pero demostrou que aínda lle falta un chisco de velocidade e, quizais, maior confianza para o golpeo, como quedou patente nun remate frontal que lle quedou moi frouxo.

Foi un partido de duelos individuais constantes, algúns extraordinarios, na procura dos balóns divididos. Nesta loita destacaron polos nosos un Cabral inmenso, un Jonny que semella recuperar a frescura de comezo da primeira volta e un Wass xigante, un xogador cada vez máis maduro, polivalente, capaz de dirixir o xogo combinativo, lanzar faltas e saques de recanto, xutar dende a segunda liña ou xogar de lateral como fai na selección dinamarquesa. Estas loitas individuais son claves na concepción do xogo de Berizzo, xa que son as que permiten crear situacións de superioridade. Xaora, na igualdade desa loita, onde os amarelos estiveron a un altísimo nivel é onde residiu a cerna dun empate que o Celta nunca quixo asumir e que os de Marcelino deron por bo na fase decisiva do partido, recuando e protexendo ao seu porteiro coma mellor puideron.

A pesar de que non marcou, quizais por que onte faltou ese último alustro imprescindible, non prendeu esa faísca luminosa do gol, o Celta fixo un partido notable, que confirma a súa tensión competitiva e as súas posibilidades de manter a súa angueira europea. Quizais por iso valoramos como positivo todo un empatazo.