Atlas histórico de Vigo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do Atlas histórico de Vigo (IEV 2025) de Gonzalo Méndez Martínez:
Publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, que preside dende a pasada semana a historiadora Mercedes Bangueses, chegou ás librarías Atlas histórico de Vigo (IEV, 2025), unha completa escolma de vinte e seis mapas, cartas e planos do Vigo metropolitano, catalogados por Gonzalo Méndez Martínez, especialista en cartografía e profesor titular da Universidade de Vigo. Libro visual, como aqueloutro seu precedente Atlas básico de Vigo e a súa área (Xerais, 1999), preparado polo xeógrafo Xosé Manuel Souto, pretende implicar ao lectorado na mellor comprensión do territorio da contorna, fose espazo urbano fose litoral, onde naceu a cidade nosa. Coñecedor de primeira man da cartografía galega, Méndez presenta neste altas as pezas principais da produción cartográfica sobre Vigo, iniciada no século XVI coa carta náutica gravada en cobre da costa occidental galega, incluída no atlas do piloto Lucas Jansz Waghenaer (1583). Peza novidosa, na que xa se sinalan as principais vilas costeiras (Vigo, Baiona, Rondello e Cannas), destaca polo seu carácter decorativo, xa que aparece un animal mariño fantástico e unha rosa náutica de 32 ventos.
Méndez pon de relevo a importancia do primeiro mapa no que aparece Vigo en 1603, o do dominico Hernando Ojea, Descrición do Reino de Galicia, do que se fixo en 1635 unha segunda edición, Gallaecia Regnum, que corrixe erros e ofrece elementos decorativos como o da cartela principal sostida por Neptuno. Mapa ao que suceden Il Regno de Galicia de Giacomo Canteli de Vignola (1696), onde os topónimos se recollen con coidada caligrafía; o de Gabriel Bodenehr (1715), que comeza o que serán habituais representacións da batalla de Rande, ben en atlas, estampas gravadas, medallas e moedas. Pezas entre as que destaca a carta náutica da baía de Vigo de Jacques Nicollas Belin, incluída no Petit Atlas Maritime, publicado en París en 1764.
Como primeiro plano de Vigo reprodúcese o depositado no Instituto de Historia e Cultura Militar, datado o 28 de xaneiro de 1773, no que utilizando a escala un por 1.700 se identifica a trama urbana do Vigo amurallado, cunha poboación estimada de 3.500 persoas, incluído os castelos de San Sebastián e do Castro, e os barrios do Salgueiral, Pracer, Falperra e Berbés, cinguidos por campos de labor, cereal e vide. Nesta escolma, Gonzalo Méndez deixa fóra, cremos que por carecer de escala, o Plano esbozo de Vigo atribuído a Leonardo Turriano, enxeñeiro militar milanés ao servizo de Filipe ii, até agora considerado o plano máis antigo coñecido da vila de Vigo. Datado en 1597, cando a ría de Vigo e resto da costa galega sufriran as incursións de Drake de 1585 e 1589, identificaba 650 lumes (casas), que conformaban as rúas e prazas primixenias da vila. Un esbozo de plano que sería esencial para que décadas despois se erguesen as murallas. Descuberto por Xaime Garrido no arquivo de Simancas, a súa autoría non está exenta de polémica, como reflicte Antonio Giráldez na súa magnífica novela 1598: La peste en Vigo (Editorial Elvira, 2020), que abre a posibilidade de que o autor fose o enxeñeiro Pedro Rodríguez Muñiz, a quen o arcebispo de Santiago, encargou os planos de Pontevedra (1595), Noia e outras vilas. Entre outros planos de Vigo posteriores, Méndez inclúe marabillas gráficas coma as de Francisco Coello de 1856, autor tamén do mapa da provincia de Pontevedra; o de Emilio Valverde Álvarez de 1886, a escala 1 por 10.000, no que se identifica a actual Alameda; e o de Ramiro Pascual de 1916, que leva a escala a 1 por 5.000, sendo o primeiro a cor.
Esta escolma de cartas náuticas, mapas e planos permite coñecer como se entendía o espazo en cada momento da historia de Vigo. Secasí, é moi apreciable tamén o carácter decorativo, sobre todo das pezas iniciais, como as de Ojea ou Nicollas Bellin, que se vai abandonando na mesma medida que se utiliza a codificación da linguaxe cartográfica presente xa no Mapa Xeográfico do Reino de Galicia de 1784 de Tomás López e, sobre todo, na extraordinaria e monumental Carta xeométrica de Galicia de 1845 do matemático Domingo Fontán, que utiliza a escola 1 por 100.000 e foi gravada en doce seccións da que a décima corresponde a Vigo-Tui. Como foi intención do autor do atlas recoller tanto o progreso do coñecemento cartográfico sobre o territorio actual do Vigo metropolitano como os momentos máis decisivos da súa historia. Vimbios cos que se ofrece un dos libros máis atractivos da bibliografía viguesa recente, publicada polo Instituto de Estudios Vigueses. Libro visual fermoso, de coidada edición gráfica e deseño didáctico, permite mirar a historia e xeografía de Vigo coa lente transversal do gran angular. Debería ser transformado nunha grande e atractiva exposición e na cerna dunha sala dedicada á cartografía do gran museo da historia de Vigo que nos falta.






