Listado de la etiqueta: manuel_nuñez_alvarez

Fusilados no Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar aos doce fusilados o 10 de decembro de 1936 no monte do Castro:

Lembramos hoxe aos doce veciños, dous de Vigo e dez de Lavadores, que no romper do día 10 de decembro de 1936 foron fusilados nas inmediacións do castelo do Castro, rexistrándose a súa morte «a causa de hemorraxia interna». Unha ducia de persoas xulgadas por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte, incluídas entre as vinte e cinco da causa 539/36 aberta a raíz dos sucesos do 22 de xullo de 1936 (até agora nunca aclarados), membros daquela resistencia popular, que defendía a legalidade republicana nas barricadas de Lavadores –nos Choróns, logo no mercado do Calvario, e por último no Sello– e asaltou a casa do Seixo do empresario da litografía da conserva Estanislao Núñez Barrios, presidente da Federación Gremial de Patróns de Vigo e membro da Cámara de Comercio que, tras defenderse dende o interior a tiros, foi baleado nunha leira próxima.

Unha ducia de represaliados, condenados o 26 de novembro a pena de morte, tras un consello de guerra sen garantías procesais, espertados na madrugada do 10 de decembro, apenas tres horas antes de coñecer o seu fatal destino, sen poder sequera despedirse dos seus familiares, no maior dos fusilamentos masivos en Vigo naqueles meses de terror fascista. Sabemos que saíron do cárcere de Príncipe por unha porta traseira e foron introducidos nunha camioneta que ao amencer os levou ás instalacións militares do castelo do Castro, onde os agardaba un pelotón de execución. Lugar onde se chantou en 2010 un monólito e unha placa que recorda que alí e nas súas proximidades foron executadas 136 persoas, entre agosto de 1936 e abril de 1942, vítimas da violencia fascista.

Daquelas horas de terror apenas quedan outros testemuños que os nomes destas vítimas de varias quendas de descargas de fusilería, que recollemos do arquivo do proxecto historiográfico Nomes e Voces da Universidade de Santiago: Constante Moreda Vázquez (45 anos), barbeiro e gaiteiro; o seu irmán, José Moreda Vázquez (48), contratista de obras; o pai de ambos os dous, Manuel Moreda Outeiral (79); Fernando Costas Méndez (23), carpinteiro; Manuel Acuña Gómez, o «Carabellón» (26), pintor; Luis Ferreira Vieitez (36); José González Andreu (34), zapateiro; Fernando Lago Fernández (34), carpinteiro; Luis Martínez Román (39), albanel; Antonio Sayar Carrera (26), labrego; Manuel Núñez Álvarez, «Cachamuíña» (23), panadeiro e Urbano Rodríguez Moledo (34), funcionario de arbitrios e escritor.

Secasí, a represión sobre os Moreda, membros dunha familia traballadora comprometida politicamente co PC, sobre a que se cebou a violencia fascista, comezara o 20 de xullo cando na lectura do bando do Capitán Carreró na Porta do Sol, a tropa abriu fogo sobre as concentradas, sen previo aviso, coa mala fortuna de que unha bala lle rebentou o corazón a Lenin Moreda, un mociño de quince anos, sobriño de Constante e José, sendo a primeira vítima viguesa tras o alzamento fascista. Familia do barrio de Riomao moi popular en Lavadores, tanto polo feito de que Constante, coñecido polo alcume cariñoso de «o Charito», establecera a súa barbaría no barrio do Sello, en Cabral, como polo seu carácter de músico, gaiteiro virtuoso e mestre de futuros grandes intérpretes, colaborador da agrupación «Queixume dos Pinos» de Lavadores e de «Airiños do mar de Teis», fundador do grupo «Airiños de Cabral», xunto ao seu discípulo Manuel Oliveira Blanco, futuro membro dos «Morenos» de Lavadores, constituíndo a primeira agrupación con dúas gaitas ao xeito rías baixas.

Compromiso coa cultura de noso que mantiña tamén Urbano Rodríguez Moledo, escritor en lingua galega vinculado coas Irmandades da Fala, activista sindical da UGT, presidente do Ateneo Cultural e Deportivo de Lavadores, onde dirixiu o cadro de declamación «Máximo Gorki». Figura republicana que permaneceu esquecida durante sete décadas, rescatada pola escritora Xina Vega na súa novela Cardume (Premio Xerais 2007) e na súa edición d’ A volta da perdida (Edicións do Castro 2007), traxedia rural de Moledo, estreada en 1933 pola sociedade «La Aurora» de Sárdoma.

Transcorridos oitenta e oitos anos daquela ignominia do 10 de decembro, a familia Moreda, sempre comprometida coa memoria antifascista, teimando en saber sobre todas as circunstancias daquela represión feroz, sobre a que nunca se comprobaron todos os feitos e na que só existe a acusación dunha persoa (cando no propio sistema xudicial franquista serían necesarias, canto menos, dúas), presenta hoxe en Vigo a causa xudicial recuperada no Arquivo Militar de Ferrol e a Oficina da Memoria que abriu para poder consultala de forma libre na rede. Documentación que a partir de agora falará por si mesma e agardemos facilite a lexítima reparación que merecen as familias dos fusilados no Castro, a quen hoxe homenaxeamos.