Listado de la etiqueta: madiba

Onte 813: Madiba

Souben do pasamento de Nelson Mandela escoitando a radio mentres regresaba do Carballiño da presentación do libro de Bautista Álvarez. A noticia impactoume. Desque lin no pasado verán a súa autobiografía, un dos textos de prosa memorialísticas máis detallados e engaiolantes nos que me teño mergullado, quedei impactado pola quentura e, sobre todo, pola credibilidade da súa voz. Desque saíu da súa aldea de Qunu até converterse en líder do pobo africano e referente mundial de coherencia e dignidade,  Madiba, o nome do seu clan da nación xhosa, fixo da súa vida relato. Nas seiscentas páxinas da autobiografía emerxe aquí e acolá o papel esencial que concede á educación («a arma máis poderosa que podemos usar para mudar o mundo»), a carón da súa case obsesiva apelación ao compromiso individual na construción de proxectos colectivos. Aquí aparece tamén o home comprometido coa paz, coa xustiza e coa igualdade de todos os seres humanos («debemos promover a coraxe onde hai medo, promover o acordo onde existe conflito e inspirar a esperanza onde hai desesperación»). Páxinas de inequívoca intencionalidade política, nas que Mandela aposta pola non violencia, «que busca o triunfo a través da conversión», como principal estratexia da súa loita. Convicción que, cando pasou á clandestinidade en 1961, non lle impediu asumir a sabotaxe e a loita armada como vía de actuación política («non pode un enfrontarse a unha besta salvaxe coas mans espidas»), nunha das decisións máis controvertidas da súa vida, que pola súa transcendencia non debe ser agochada. Con todo, será nas páxinas do relato estremecedor de case tres décadas no cárcere onde comprendamos como Madiba forxou o seu carácter acolledor e a súa capacidade inclusiva gabada agora de forma tan unánime. A súa grande manda testamentaria radica na súa confianza nas posibilidades de transformación da sociedade e na bondade intrínseca de cada un dos seres humanos («ninguén nace odiando a outras persoas pola cor da súa pel, a súa procedencia ou a súa relixión»). «Ser libre non é simplemente desprenderse das cadeas, senón vivir dun xeito que respecte e aumente a liberdade dos demais.» Madiba deitou doses abondas de dignidade e esperanza.