Artigos

Onte 2095: Librarías da memoria e da vida

Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.

Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….

Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.

Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos;  a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante;  a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …

Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.

Onte 1957: “Pioneiras” de Anaír Rodríguez e Nuria Díaz, presentación na Libraría Lume

Moita xente participou onte na Librería Lume da Coruña na presentación de Pioneiras. Galegas que abriron camiño, o libro de Anaír Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz. Ás portas da folga feminista do 8 de marzo, no acto estivo sempre presente a humilde contribución deste álbum ilustrado, dirixido a todos os públicos, ao proceso colectivo de procura de referentes femininos alternativos aos acuñados pola actual sociedade patriarcal. Así o sinalou a autora ao comezo da súa intervención expresando a súa preocupación pola falta de referentes femininos por parte das mozas como, o que é aínda máis alarmante, a ausencia total por parte dos mozos. “O libro o que pretende é procurar referentes femininos alternativos. É breve e sinxelo, sen pretensión ningunha de carácter historiográfico. Un libro de pura divulgación para todas as idades, que asume a potencialidade do seu uso educativo para dar a coñecer as biografías dunha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras en dar pasos que logo foron importantes para a causa das mulleres”.

Anaír Rodríguez detívose, a seguir, nas biografías das coruñesas que aparecen no álbum, as xornalistas Sofía Casanova e Mª Luz Morales, a futbolista Irene González, a enfermeira Isabel Zendal, a camionaeira Celia Rivas, como as mestras Marcela e Elisa ou a oceanógrafa Ángeles Alvariño. Salientou que intentara ofrecer unha mostra dos diferentes ámbitos sociais e profesionais, como tamén de procurar referentes na historia, razón pola que o libro comeza con Exeria, a viaxeira do século IV e continúa coa almiranta Isabel Barreto do século XVI, antes de afrontar as pioneiras da idade contemporánea. Rematou a súa intervención cunha última reflexión: “non pretendín que estas pioneiras fosen consideradas como heroínas, forman parte todas dun proceso, o da procura da igualdade, promovido polo movemento feminista dende hai trescentos anos”.

Onte 1850: “Soño de infancia” de Moncho Rouco

Presentamos onte na Casa do Libro de Vigo Soño de infancia a novela coa que debuta Moncho Rouco, escritor galego residente en Canarias dende hai tres décadas. Como xa sucedera o pasado martes na presentación na Libraría lume da Coruña, foi a escritora María Xosé Porteiro, prologuista da obra, que comezou gabando a afouteza do autor de “meternos nun conto que fala da nosa propia vida, entroncado coa tradición da narrativa oral galega”. “Soño de infancia é un libro documento, un divertimento para os lectores e lectoras e un atrevimento para o autor”. Tras referirse a libros de contos encadeados clásicos, como os das mil e unha noite ou os contos de Canterbury, Porteiro sinalou que o libro de Rouco ten ese mesmo carácter reversible, “onde ten un gran mérito o ritmo trepidante das trescentas páxinas e súa sinxeleza narrativa, froito dun gran esforzo de sofisticación. Todo está afinado nesta novela, cada capítulo ten vida de seu”. Rematou confesando que Soño de infancia lle lembrara a obras esenciais na súa formación como lectora, As aventuras de Tom Sawyer  ou As aventuras de Hucleberry Finn, “ambas as dúas protagonizadas por nenos, como a novela de Moncho Rouco”. “Unha novela para todos os públicos, pode lerse a calquera idade”.

XG00263501Pola súa banda, o autor confesou que comezou “un borrador con camiño a parte ningunha, coa intención de facer un retrato dunha época, a da miña infancia, para deixala para os meus fillos e netos”. “Cheguei aos seis anos ao cuartel da Garda Civil da Coruña, que estaba cheo de nenos. Alí pasaron moitas cousas”. “Escribín o relato daquel tempo tendo presentes dous principios que sempre me guiaron: o primeiro, “non hai tempo que perder”; o segundo, “”non hai dereito”, unha frase que marcou toda a miña vida”. “O libro termina cando o neno protagonista deixou de soñar, cando a infancia deixou de ser un soño e pasou a ser unha lembranza”. “Pretendín que o relato tivese un ritmo palpitante, como foi o da miña infancia, ao tempo que sinxelo de ler sen falsas petulancias das que carezo. Quixen ofrecer un libro áxil, divertido e sen complicacións”. Rematou Moncho Rouco expresando “o inmenso agradecemento a María Xosé Porteiro, que me deu entrada nun mundo que non abandonarei”.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar