Listado de la etiqueta: la_tierra_de_ana

Onte 833: «La Tierra de Ana»

Aproveitei os días de nadal para ler La Tierra de Ana, a novela máis recente de Jostein Gaarder, un dos meus autores preferidos da chamada literatura infantil e xuvenil. Desque no nadal de 1996 lera El enigma y el espejo quedei unido para sempre con este narrador noruegués capaz de propoñer en cada novo libro (xa van dezanove publicados no catálogo de Siruela) unha ollada crítica e reflexiva sobre a realidade contemporánea, mais tamén sobre o que agocha detrás do espello, o mundo dos soños e da imaxinación. En La Tierra de Ana, Gaarder ofrece unha fábula sobre os desafíos medioambientais do planeta, ao fío do cambio climático orixinado polo quecemento global e polo consumo de combustibles fósiles.

Como e adoito nas novelas de Gaarder, o relato está protagonizado por unha heroína adolescente. Ana, unha rapaza a piques de cumprir os dezaseis anos, comeza a facerse preguntas esenciais (eis a conquista da madurez) sobre que é o mundo, que cómpre facer para mudalo, cal será o futuro do planeta en 2082, cando ela poida ser bisavoa. Gaarder ofrece unha narración híbrida, entre a intriga dunha crónica realista sobre a desaparición dunha cooperante norueguesa en Somalia, a fantasía dos contos das mil e unha noite (con anel de rubí incluído) e a distopía propia do xénero da ficción científica.

A coidadosa utilización de diversas fontes de información por parte da parella de protagonistas adolescentes –textos moi ben escollidos entre recortes de prensa impresa e dixital, informes científicos, transcricións de conferencias radiofónicas e escolares sobre a catástrofe medioambiental que vivimos–, así como a exploración do mundo dos soños (Ana posúe unha capacidade extraordinaria de lembrar todo o soñado), son compoñentes esenciais desta apelación a abandonar o consumo de petróleo e a intervir no devalo dun planeta que sofre un quecemento global. «Estamos destruíndo o noso planeta. Estámolo facendo nós e o estamos facendo agora.» Mais a pesar de diagnóstico tan contundente e desolador, Gaarder ofrece nas páxinas finais unha raiola de esperanza. Non está todo perdido, se somos capaces de comprometernos dende agora co futuro do planeta; se cada xeración asume a responsabilidade da súa memoria e entrega a seguinte o planeta en mellores condicións que o recibiu. Un libro moi propositivo, que formula moitas preguntas e promove unha reflexión radical sobre a cuestión medioambiental no entorno da crise económica. A lectura ofrece unha gran oportunidade de aproveitamento didáctico.