Listado de la etiqueta: itinerario_de_luz

Memoria de Enrique Macias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao trixésimo cabodano do compositor vigués Enrique X. Macías:

Fanse hoxe trinta anos do falecemento de Enrique X. Macías, o compositor vigués máis destacado da historia. Quitouse a vida con trinta e sete anos, cando agardaba a estrea de Clamores y alegorías no Festival de Música de Canarias, pouco despois de presentar Itinerario de luz (1995), tras unha intensa carreira de dúas décadas na que fixo un valioso catálogo. Músico de curiosidade insaciable e formación autodidacta, non estudou no conservatorio, buscaba novas expresións sonoras dentro da cultura musical de fin do século XX, incluída a electroacústica, a que incorporaba a electrónica á música clásica. Artista de raíz foi, ademais, voz incómoda do Vigo inconformista dos oitenta, naquel seu discurso memorable cando recolleu no hotel Samil o Premio da Crítica de Galicia de 1987.

Deuse coñecer no Iº Encontro de Artistas Xoves de 1976 coas Setes micropezas para piano, organizado por Xuventudes Musicais de Vigo, colectivo do que formaba parte, que xa animaba o incansable Manuel Álvarez, un dos nosos pioneiros activistas culturais que agardan ser distinguidos. Iniciou así Enrique un traballo compositivo e autoformativo constante no que creou pezas como o Réquiem para piano e percusións (1979), sobre textos de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, que foron conformando un catálogo sometido a un esixente exercicio constante de revisión, do que retirou até trinta obras, e mesmo destruíu as súas gravacións ou partituras, por non consideralas representativas da súa creación, que na súa última versión reunía só quince pezas. Macías colaboraba entusiasmado nas primeiras performances poéticas no pub Satchmo, protagonizadas polo Grupo Poético Rompente de Alberto Avendaño, Manuel Romón e Antón Reixa, xunto aos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas e o músico Julián Hernández, que pouco despois crearía Siniestro Total, membros uns e outros da invisible Xeración (viguesa) do Polycommander daquela rapazada que o 5 de maio de 1970 abraiamos no horizonte de Cíes coa nosa primeira marea de piche.

Naquel Vigo, anterior á movida, onde as performances poéticas e a música experimental (culta ou contemporánea) eran conceptos incomprendidos ou territorios inexplorados, Enrique Macías ocupouse de traer a noticia de primeira man das vangardas musicais europeas que fora coñecendo nos cursos de verán de Darmstadt (1980-1984), epicentro entón da vangarda musical europea, cunha bolsa do Instituto de Nova Música de Vigo ou cando foi compositor residente dos estudios da radio finesa (1981), da Academia de Música de Cracovia (1982) e do Instituto de Sonoloxía de Utrecht (1985), entre outros. Como foi decisiva a súa amizade co pianista portugués Jorge Peixinho, discípulo de Stockhausen, que deu un concerto memorable en Vigo nas xornadas de música contemporánea organizadas polo propio Macías, iniciando as tarefas de produción musical das que tantas veces se ocupou, como nas estreas de Exequias (1994) en Vigo e Porto, vasto fresco sinfónico, encargo do concello de Vigo sendo alcalde Carlos G, Príncipe, o que resulta hoxe memorable.

Sabendo da importancia do seu catálogo artístico, xaora non esquezo a pegada que me deixou a súa amizade e tantos días felices compartidos. Lembro como lle gustaba poñer a nosa María ao piano e tocar unha melodía cos seus pés, que non deran aínda os primeiros pasos. Fíos da memoria que devolven o recordo do seu sorriso optimista nos días de estrea, da súa ollada melancólica diante das partichelas, mais tamén do seu talante vitalista e ollada culta de lector letraferido en longas conversas, impaciente por coñecer os proxectos da editorial, divertirse coas intrigas do mundo literario galego ou saber do sucedía na política da cidade e dun país que lle doían.

Lembro tantas camiñadas compartidas coa desculpa de achegarnos á confeitaría de Solla na rúa Uruguai a mercar a lingua queimada e os biscoitos de froitas confeitadas, polos que tanto devecía como larpeiro de categoría que era. Como as colas dos sábados á mañá na panadaría de Reboreda en Urzáiz, xa desaparecida, para levar unhas pezas únicas de pan centeo. Como os paseos por García Barbón até o Perrete a mercar Le Monde e no estanco mercar os cartóns de Pall Mall. Como lembro as citas con Luís Noya, no prelo da imprenta Numen en Velázquez Moreno, para preparar os programas e libretos dos concertos. Non esquezo, tampouco, que me contara como sendo un rapaz quedara prendido pola Sinfonía Fantástica de Berlioz cando a coñeceu nun concerto da Orquestra do Capitole de Toulousse, celebrado no García Barbón, como a fascinación que sentía por Sibelius, pola Sonata para piano nº 32 de Beethoven, pola Arte da fuga de Bach, o Réquiem de Ligeti ou polo Répons de Pierre Boulez, algunhas das súas pezas preferidas. Inesquecible sempre, Enrique!

Enrique X. Macías 60

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo aos concertos de homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do sesenta aniversario do seu nacemento:

No serán de onte o grupo Vertixe Sonora, dirixido por Pedro Amaral, interpretou no Auditorio do CGAC de Santiago de Compostela «Itinerario de luz» (1994-95), unha das pezas máis emblemáticas de Enrique X. Macías. Un concerto inserido na programación das Xornadas de Música Contemporánea 2018 que co lema «Música, memoria e emoción» lembraron con diversas actividades o 60 aniversario do nacemento do compositor vigués. Un concerto iniciado con outras dúas pezas de Macías, «Adhuc» (1992-93) e «Cadencias e Interludios / Percurso» (1992), mais no que, inevitablemente lembramos aqueloutro celebrado o 15 de abril de 1995, no mesmo auditorio (sendo entón director do CGAC o pintor Antón Pulido), cando «Itinerario de luz» fora interpretada pola London Sinfonietta dixirida por Mark Foster, nun programa do que ademais formaron parte outras obras de Enrique, «Estrofas» (1993-95) e «Chambre dans l’espace» (1992-93). Concertos ambos os dous inesquecibles dun compositor sobresaínte na música contemporánea galega, española e europea, vinculado sempre ao festival compostelán do que, xunto a Carlos Villanueva (director da Aula Aberta da USC) e Tomás Marco (director do Centro para la Difusión de la Música Contemporánea), foi coorganizador da súa primeira edición de marzo de 1987.

Mercedes Rosón, alma mater ao longo de tres décadas das xornadas compostelanas (un espazo de encontro para varias xeracións de compositores e intérpretes contemporáneos), recuperou no programa desta edición un fragmento moi significativo da derradeira carta que dende Bruxelas lle enviara Macías: «Na espera de beber algo xuntos deixando entrar o sol pola galería do Auditorio de Galicia, onde soño, poesía e vida se mesturan, e signifiquemos xuntos que a creación é un xesto total e totalizador». E abofé que ao longo de dúas intensas décadas de formación autodidacta e traballo compositivo, Enrique X. Macías foi un creador total que utilizando os diversos recursos da creación sonora expresou a palpitación do existir nunha reflexión sempre autoesixente que o levou a renovar unha e outra vez a súa obra, tanto no que se refería a súa temática e preocupación estética como aos propios medios que empregaba, sen menoscabo do seu interese polas posibilidades creativas dos instrumentos tradicionais.

Os que tivemos a fortuna de gozar da amizade de Enrique X. Macías sabiamos que concibía a súa obra como unha tarefa inacabada, un proceso en permanente construción. Actualizaba decote o seu catálogo autoral, e cando escribía unha nova obra, apretado polos prazos e as dificultades de produción das estreas (tarefa da que se ocupaba con paixón), sabía que non estaba aínda rematada. O de Enrique foi un proceso creador permanente, nunca totalmente concluído, que no fresco sinfónico de «Exequias» (1992-94), amosa ese estado de procura, de inquietude, de rebeldía, como foi toda súa vida. Enrique, de aparencia tan fráxil como elegante, posuía esa forza interior, esa coraxe que lle permitía manter a súa ambición creativa contra vento e marea, por riba das incomprensións do seu proprio país, froito en boa medida da mediocridade e do conformismo do tempo que lle tocou vivir. O seu percorrido vital foi a viaxe solitaria dun heterodoxo, dun explorador do coñecemento, mais tamén dun artista profesional responsable do rigor da súa obra e das consecuencias disto para súa propia vida. Macías moveuse pola fe inquebrantable no seu traballo creativo, pola convicción de ser consecuente co logro dunha linguaxe musical persoal, nacida dunha reflexión inédita sobre a arte dos sons, que asumía diante do público todos os riscos.

O 18 de maio Enrique X. Macías tería cumprido sesenta anos. Tras o seu pasamento hai case vinte e tres, en novembro de 1995, a súa figura foise esvaecendo na nosa contorna cultural, apenas como unha nota breve nas escasas historias da música galega e foco de interese dun par de inquedos investigadores musicais. A pesar de iniciativas tan honrosas como a das Xornadas de Compostela deste ano, inauguradas coa interpretación da súa «Sonata» (1986-89) por parte da pianista galega Isabel Pérez Dobarro, e coa edición xa hai unha década de dous cedés e de tres concertos retrospectivos na Coruña, Santiago e Vigo, a figura deste xenio vigués irrepetible corre o risco de ser esquecida en Galicia. Que se volvese a interpretar a súa obra en Vigo, a cidade que tanto amou e que sempre tanto lle doeu, o porto seguro onde radicaban os seus afectos e o seu celme creativo, é de estrita xustiza. Moito máis cando aquí non se interpretou aínda «Clamores y alegrías» (1995), a súa obra póstuma, estreada en 1996 no Festival de Canarias, para a crítica o seu traballo máis acabado. Asume a Concellaría de Cultura ese reto?