Listado de la etiqueta: helmántico

Canela!

Un dos éxitos do Celta desta tempada é a comuñón da afección co adestrador e o seu cadro técnico, os mellores coñecedores do estado do alcoube da Madroa e Afouteza, que cada vez con maior frecuencia sorprende coa aparición de novas alfaias. Sendo así, tras a actuación de Fer López no partido de Copa no Helmántico, dando un recital de xogo e dous goles en apenas vinte e sete minutos, o elegante mediapunta cocheno do Fortuna quería aliñado xa en Primeira, anhelo da afección que Claudio entendeu perfectamente, convertendo o partido co temible Mallorca de Jagoba Arrasate na oportunidade axeitada para incorporalo no once de gala, aproveitando para darlle descanso (merecido e necesario) ao mesmo Iago Aspas. Debut, porén, agredoce dun rapaz de vinte anos con trazos de figuriña, que fai soñar ao celtismo con contar decontado con relevo da canteira para o Merlín de Moaña, noite que pasará a historia pola desventura dunha lesión, probablemente unha inoportuna escordadura de nocello, apenas transcorridos corenta minutos, tras unha actuación moi prometedora e solvente, na que cada vez que tocaba a pelota foi para mellorar a xogada, o que promete moitas outras actuacións memorables no futuro.

Coa excepción desta estrea de Fer, Claudio aliñou fronte ao equipo balear o que ven sendo a súa defensa preferida, onde se consolida con todo merecemento o canteirán Javi Rodríguez, cada vez máis seguro na contención e protagonista no ataque, nunha noite na que os seus compañeiros Starfelt e Marcos Alonso, estiveron tamén a un nivel óptimo, completando o partido a porta baleira (un éxito a salientar), tras unha batalla durísima nas alturas cos manghallóns visitantes o canadense Larin e o kosovar Muriqui. Como tampouco sorprendeu o míster de Cans coa aliñación de Moriba, que co seu sentido vertical do xogo e as súas cacheiradas dende a segunda liña achega sempre ao equipo moito picante ofensivo, xunto a do capitán Fran Beltrán, o noso xigante discreto, que fixo outro dos seus partidos memorables, chusando a pelota onde era necesario en cada momento e gañando ducias de duelos. Como era previsible que Claudio mantivese a Mingueza e a Hugo Álvarez nas bandas, hoxe por hoxe dúas das pezas máis cobizadas da competición, coa intención de combinar coa novidosa tripla atacante que, ademais do canteirán debutante, formaron Williot, na noite da sexta feira un pouco furaolas de máis, e Borja Iglesias que librou unha batalla tremenda (e desigual) cos centrais visitantes, moi consentidos polo árbitro.

Con estes vimbios, o Celta saíu moi intenso e concentrado disposto co seu característico xogo asociativo e presión alta a conter unha proposta antagónica de fútbol directo e moi físico dos discípulos de Jagoba. Unha confrontación táctica na que os de Giráldez souberon ser moi pacientes, comprometidos en disputar os duelos e procurar corridas de transición. Pasada media hora, na disputa dun deses balóns gañados por Beltrán, tras un saque de banda de Mingueza, e acelerados pola habilidade de Fer, primeiro sobre Williot e despois de Moriba, o esférico chegou a banda de Hugo Álvarez que coa súa desvergoña habitual xutou ao pao longo. Un gol coral, pura canela, caneliña da boa!, como dicimos en Vigo para expresar unha virghallada, unha excelente xogada. Gol que decidiu aos visitantes a dar un pase adiante, nuns minutos de certo descoido dos nosos, coincidindo coa lesión de Fer, que por fortuna foron superados grazas as intervencións de Guaita que atallou unha gran cabezada de Raíllo e dous remates de Larin.

O descanso sentoulle ben aos celestes, que saíron centradísimos, xa con Aspas na lameira, para defender os centros laterais e o previsible xogo desordenado dos visitantes. O de Moaña asumiu a responsabilidade da dirección do xogo, que con paciencia e sen perder orde e intensidade, acabou aburrindo aos visitantes, que xa introduciran no terreo a toda súa artillaría aérea. Coa entrada de Alfon e Douvikas, que achegaron novos azos, e coa expulsión de Raíllo, chegaron máis oportunidades, como a que no 80’ aproveitou Aspas para marcar o segundo, tras outra transición coral. Marcador que puido ampliar Douvikas até en dúas oportunidades, cando a bancada cantaba a rianxeira (que con tanto respecto se utiliza en Balaídos) e os de Claudio facían en cada xogada barro coas orellas. Outra noite feliz en Balaídos, onde se percibe unha identificación extraordinaria entre o celtismo, que en cada partido abarrota o torreiro do Fragoso, e un equipo no que funciona a alquimia de Claudio de xuntar futbolistas veteranos de calidade con canteiráns de moito futuro formados na escola celeste. Unha tempada na que abonda, tanto para o club como para o celtismo, aspirar ao acougo e a gozar en Balaídos deste xogo canela.

Publicado en Faro de Vigo 08/12/2024