Listado de la etiqueta: gol_olímpico

Canteira heroica

Coa chegada ao banco de Claudio Giráldez agroma un novo celtismo no coliseo do Fragoso. Cada partido pola salvación constitúe unha peza dramática de cen minutos de duración en cuxa trama se van debullando en porcentaxes variables o medo, a tristeza, a afouteza e a ledicia. Un emocionante argumento, asumido con entusiasmo pola bancada (por ventura rexuvenecida e moito máis numerosa esta temporada do centenario), no que nunca faltan os lances decisivos protagonizados polos rapaces da inesgotable canteira da Madroa, a herdanza máis valiosa do legado de Carlos Mouriño.

E como xa sucedera diante do Villarreal, na noite do mércores os de Giráldez desenvolveron o argumento dunha heroica remontada protagonizada pola canteira, tras un episodio inicial de terror, un fermoso gol olímpico de Berenguer ao 23 minutos, o mellor dos temibles leóns que visitaron Balaídos; un saque de recanto extraordinario sobre o pao longo que pillou nas verzas a Iván Villar, que reaparecía tras a inesperada doenza vírica do mestre Guaita. Un argumento dun conto de medo ao que contribuíu o propio adestrador da Cans revolucionando o seu once de gala, deixando no banco as súas tres pezas até agora imprescindibles: Aspas, Mingueza e Hugo Álvarez. Un ataque forte de adestradorite, xustificado probablemente pola necesaria rotación de efectivos en semana de tres partidos decisivos e coa intención de darlle aire novo as bandas, mais que deixou durante toda a primeira parte que a sombra do medo, si, moito medo, paralizase a unha bancada que tanto maldicía a contemplación do Sevilla co seu Cádiz afortunado, reflectida nas pantallas dos seus teléfonos, como fregaba os ollos vendo como eran asoballados os celestes por un Athletic peleón que pretendía os tres puntos.

Unha primeira parte de moito barullo e pouco xogo, onde nin Carles nin Bamba nin Manu Sánchez aproveitaron a súa oportunidade para reivindicarse, na que apenas emerxeu a luz constante e precisa de Damián Rodríguez, o mellor dos celestes, o mediocampista de vinte e un anos que impón con autoridade o sentido e o ritmo que precisa o xogo do equipo en cada momento. Luz do ponteareán que se fixo máis nítida cando na segunda parte entraron na lameira as tres pezas de calidade que lle faltaban ao Celta para recuperar o recoñecible estilo xiraldino. E así só coa presenza de Aspas na lameira, Damián comezou a imprimir máis velocidade ao xogo, e coa axuda de Mingueza na banda dereita, estirou a un Celta que comezou a saber atacar espazos, a roubar no medio e a contar coa primeira oportunidade para Larsen, outra das súas cabezadas ao traveseiro. Un xogo que en poucos minutos enmeigou o partido cara os celestes que chegaban con facilidade diante de Unai Simón, que diante de semellante panorama preferiu pedir o troco para defender así o seu bendito Zamora. E razón non lle faltou ao gardameta de Murguía, xa que apenas seis minutos despois da súa fuxida chegaba o primeiro dos goles celestes, tras un remate de Williot que na área pequena aproveitou unha asistencia marabillosa de Hugo Álvarez, tras desfacerse pola banda dereita dun par de leóns. Un empate que impulsou aínda máis aos de Giráldez, que coa mudanza de banda de Hugo atoparon a chave necesaria para entrar a saco na área visitante. E así no 71’ marcou Hugo Álvarez o gol da vitoria, nacido nunha recuperación con cambio de orientación de Aspas sobre Damián que filtrou decontado para que o ourensán gañase o espazo en carreira, encarase e xutase dende vinte metros, sen que Agirrezabala puidese meterlle a man. Probablemente un gol definitivo para Hugo Álvarez que, como sucedera o pasado ano con Gabri Veiga, presentou en toda regra o seu proxecto de figura e nova icona celtista. Un gol, ademais, que pasará a historia polo abrazo tremendo dos catro canteiráns protagonistas desta remontada heroica, a dos tres participantes na xogada e a do formidable Carlos Domínguez, sempre un baluarte na defensa.

Co marcador favorable e con vinte e cinco minutos de xogo por diante, Claudio soubo navegar e gardar a roupa, dispuxo as súas pezas para resistir e correr. Dinámica valente que non impediu que se repetisen na lameira os minutos de terror cada vez que se achegaban e, máis aínda, se centraban os visitantes sobre a meta de Villar. Mesmo houbo o seu minuto de pánico, cando o canfurneiro Raúl García marcou en clara falta sobre Starfelt, o lance que faltaban para provocar unha crise de ansiedade na avultada conta do padecer dos celtistas que cos seus constantes apupos (marabilla da rapazada de Marcador!) tamén defendían como podían o axustado resultado. Por ventura, semella que está a piques de comezar a devecida manobra de atraque no porto da salvación.

Publicado en Faro de Vigo: 17/05/2024