A dignidade dunha derrota
Non hai dúbida ningunha que na tarde do pasado xoves o Celta foi en Balaídos moi inferior ao SC Freiburg, coma no conxunto desta eliminatoria de cuartos de final da Europa League co equipo da capital da Selva Negra. Non foi posible a remontada histórica na que confiaba con fe e co optimismo da vontade Claudio Giráldez. Nos dous partidos o rival resultou superior no físico, máis tamén no despregue dun precioso xogo colectivo, ao que axudou a súa maior experiencia para competir nesta copa europea, fose como local, cando foi apoiado por unha afección intensa, coma cando o fixo en calidade de visitante, sen darlle tregua ningunha aos celestes, mesmo no límite da cultura do fair play, intrínseca ao deporte das dezasete regras, dende o inicio ao remate de ambos os dous maches.
Dúas dolorosas malleiras futbolísticas nas que os alemáns, certo é que lle comeron as papas aos nosos até deixalos sen lamber o mel, mais tamén o é, que non conseguiron dobregar a aliaxe da afouteza celtista, ese xeito de instalarse no mundo indemne á desesperanza das derrotas e das dificultades do camiño, asumida polos xogadores e o corpo técnico coma por un novo celtismo resiliente nos padeceres, sempre agarimoso cos seus e coa ollada soñadora mirando no porvir, disposto a volver a empezar a viaxe de regreso.
É probable que o plan de partido do xoves non fose dos mellores da traxectoria claudia, motivado pola dificultade de cubrir as baixas de Starfelt na primeira e Miguel Román na segunda liña. Dúas lesións que están resultando decisivas e cuxa ausencia descompuxo a consistencia do esquema gañador de Giráldez. Como estimo verosímil ese ruxerruxe que corría polo estadio de que a esta eliminatoria de cuartos de final, o Celta chegou cando xa pasou o máximo punto de preparación física da tempada.
Iso explicaría a alarmante baixa forma dalgúns xogadores moídos coma sal, desconectados e desorientados mesmo nun partido tan decisivo como o de xoves. O Celta apenas tivo a pelota e gañou algúns duelos de volta durante a primeira media hora, xusto até que o xutazo de Matanovic, dende fóra da área no 32’, estragase xa todas as esperanzas e desandase a roda do encontro. Baixas médicas e fraca forma dalgunhas figuras celestes explicarían as amplas goleadas da eliminatoria, como desoutros misteriosos partidos dos catro caroliños do Alavés e tres do Oviedo, trece tantos, que ameazan arruinar a fiabilidade de quen ocupa a portaría.
Coma é probable que tampouco acertase Claudio na eliminatoria coas rotacións, unha das chaves do éxito da súa gramática, chegando a sementar na area con algunhas alternativas tan audaces como imposibles. Vímolo na segunda parte, cando durante os minutos o Celta xogaba con Mingueza e Fer López como medios improvisados, despois de que fosen substituídos Moriba e Vecino, desafortunados na contención e inanes na saída dende a segunda liña, mentres agardaba no banco Hugo Sotelo, unha das promesas de mellor pé, capaz de levar a vara do equipo na man. Outro tanto se pode dicir da composición da medula defensiva da eliminatoria, onde Claudio nunca atopou os acompañantes axeitados de Marcos Alonso, obrigado a termar de todo, para formar unha tripla de garantía. Por non especular coas combinacións na terceira liña, que durante os minutos derradeiros procuraba a honra dun gol, que conseguiría Williot cos seus pés de la, despois dunha cabezada de Jutglá ao pao e dúas caneadas das de Jones, que acabou estrelando a pelota no corpo do porteiro alemán.
Como é motivo de polémica na bancada que Iago se incorporase á eliminatoria cando a posibilidade da remontada desaparecera como a auga dun cesto, unha decisión xiraldina, imaxinamos que asumida polo noso primeiro xogador, icona e modelo de afouteza celtista. Aventuro que lembraremos como imaxe desta eliminatoria a de Iago bagoando na lameira diante da bancada de Marcador, mentres a afección ovacionaba durante dez minutos ao equipo, agradecendo o camiño percorrido con dignidade, acerto e a satisfacción inmensa de vitorias de auténtico mérito, como as das eliminatorias co Paok e Lyon. Unha imaxe do máis puro celtismo de ledicias e padeceres que encarna o Mago de Moaña coma ningún outro xogador da historia xa centenaria do club.
O ambiente en Balaídos o xoves foi precioso, iniciado coa chamada tribal do karnix de Abraham Cupeiro e da Oliveira a capela nunha tardiña fresca de primavera. Memorable foi a celebración final do novo celtismo, entendendo o atractivo emocional destas competicións de copa que rematan sempre coa exaltación doce da derrota, onde todos son perdedores, coa excepción, claro está, do caso extraordinario de quen a leva para a súa sala de trofeos. O Celta volverá a intentalo a vindeira tempada, con máis experiencia competitiva e algunhas leccións aprendidas. E para iso, terá que poñer toda a súa atención na liga, onde con sete xornadas hai tea que cortar e un baixón de resultados por superar.
Publicado en Faro de Vigo: 18/04/2026


