Artigos

Onte 84: Tras a FIL 2011

Cando inicio o regreso cara Galicia, o equipo galego de autores (Aneiros, Calveiro e Fernández Paz) comezan o programa de encontros con clubes de lectura e alumnado de centros escolares de secundaria e participan por vez primeira nas actividades literarias da FIL até o vindeiro sábado. A atmosfera tan emotiva desta feira, algo que non viviramos en ningunha outra, provoca unhas desconcertantes saudades nunha partida na que levo a maleta chea de libros sobre libros e lectura, o obxecto da miña angueira estes días polos anaqueis dos estands de Colofón, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Almadía ou Nostra, entre outros formidables editores mexicanos.

Como xa fixera coas xornadas de Frankfurt, arrisco a expresar algunhas reflexións ao fío destas de Guadalajara:

  1. O DISCURSO DA LECTURA como construción social do libro e o protagonismo dos lectores e lectoras sobre a propia industria do libro é o modelo que lle acae ao proceso de tránsito entre soportes impresos e dixitais. Nesta FIl os chamamentos a prol da lectura e a reafirmación do protagonismo dos cidadáns que len («Somos lectores» foi o lema escollido polos organizadores) sobardan a súa incorporación como simples reclamos da promoción editorial.
  2. OS PAÍSES EMERXENTES, como Brasil e México, incorporan o discurso do fomento da lectura como eixo das súas políticas educativas e culturais. Moi lonxe da trivialización da cultura reducida a mero espectáculo postmoderno, a lectura preséntase así como unha das ferramentas que contribúen á construción dunha sociedade con maiores niveis de inclusión. A metáfora de Millás, empregada no maxistral discurso de Agustín («estamos feitos de pan de novelas»), expresa esta transversalidade social da lectura. Esta idea, que temos acuñado dende hai tempo como «o libro, o pan da cultura», é pouco frecuentada en Galicia, mesmo entre os chamados «sectores da cultura» que semellan ler pouco e preferir outras expresións das artes máis «a la page».
  3. O ÉXITO DE PÚBLICO da FIL, unha feira internacional do libro que coincide cunha grande festival literario dirixido a todos os públicos, convida a reflexionar sobre as posibilidades de organizar en Galicia un evento literario internacional que contribúa a inocular na sociedade galega o virus da lectura literaria. O éxito do fenómeno dos clubes de lectura por todo o país adiante axuda a profundizar na idea dun grande encontro anual de todos eles.
  4. O PREMIO RECIBIDO POR AGUSTÍN é unha oportunidade de visibilidade iberoamericana que a nosa literatura non debe desaproveitar; como tampouco a inxección de autoestima que supón para a nosa literatura e para o sector da edición galega.

 

Onte 82: Espazo para a lectura

O desenvolvemento da segunda xornada superou as mellores expectativas sobre esta FIL 2011. A de Guadalajara é tanto unha feira internacional do libro do perímetro iberoamericano como un festival literario dirixido cara todos os públicos, razóns pola que o sintagma que semella mellor lle acae é o de tratarse dun auténtico espazo para a lectura. Ademais, a FIL expresa unha vontade inequívoca de contribuír á mobilización lectora, tanto polo contido dos seus programas de actividades como polos numerosísimos chamamentos a prol da lectura e dos seus valores presentes tanto na sinalética do evento como, e sobre todo, nos espazos expositivos. Fun recollendo na libreta algúns deles que, a pesar de ser, na súa maior parte, xa coñecidos constitúen un recurso didáctico valioso: “Somos o que lemos”; “O libro abre os teus ollos”; “Os libros son para todos”; “Todos somos lectores”; “Facemos máis rica a túa lectura”; “Unha cidade lectora”; “Pase e lea”; “Ler é algo mellor do que podes imaxinar; non deixes que che impoñan a lectura; ler é máis engaiolante cando ninguén che obriga a facelo”; “Ler acelera os teus sentidos”; “Ler cos teus fillos é o teu mellor papel”… Estes chamamemtos a prol da lectura son apenas outro indicio do entusiasmo contaxioso deste evento no que, ademais, fomos capaces de mercar até media ducia de títulos moi interesantes relacionados co fomento da lectura, entre eles dous dos clásicos de Aidam Chambers (Conversaciones e Dime), e o clásico de Michèle Petit (Lecturas: del espacio íntimo al espacio público), ambos os tres da colección “Espacios para la lectura” do Fondo de Cultura Económica, a editora pública mexicana. Esta feira está axudándonos a interrogarnos e estimular a nosa curiosidade, si señor.