Listado de la etiqueta: feira_do_libro_de_Buenos_Aires

Onte 2107: Roger Chartier e a edición en tempos incertos


No último número de Tramas & Texturas, o 43, leo unha interesentísima conversa con Roger Chartier, un dos investigadores sobre a edición, o libro e a lectura máis importantes da actualidade, na que debulla a situación actual da edición internacional na contorna poscovid. Guiada polo profesor arxentino Alejandro Dujovne e realizada con motivo da Feria virtual de editores de Buenos Aires do pasado mes de agosto, a conversa aborda algunhas das polémicas centrais da edición: o modelo actual da edición sen editores, as mudanzas na comercialización, o papel das feiras do libro, o futuro das librarías, para rematar cunha reflexión sobre a lectura e o papel dos estados na orientación da vida cultural da sociedade.

Interesoume a relectura que Chartier realiza sobre a fórmula da edición sen editores acuñada por André Schiffrin identificando na actualidade tres modelos de edición. A primeira,  na que domina a lóxica puramente comercial sobre a lóxica estética ou intelectual procurando a rendabilidade para cada edición e para cada título, abandonando o modelo utilizado dende o século XVIII de que no balance anual dunha editora os libros que se venden poden equilibrar a aqueloutros que non. A segunda, a edición que abandona a edición e corrección dos manuscritos (o que os editores chaman editing) en colaboración e diálogo cos autores e autoras. E a terceira, a edición concibida como autoedición, facilitada na actualidade polo mundo dixital. Fronte a estes tres modelos de edición sen editores, Chartier cre que «unha política editorial ben concebida pode apostar por libros que, aínda se sabe que non poden ter un proveito inmediato, son libros cuxa calidade e imortancia prometen un destino a máis longo prazo como libros de referencia, tanot na ficción como nas ciencias humanas ou sociais».

Con respecto ás feiras do libro e ao futuro das librarías, Chartier considera que ambas as dúas manteñen toda a súa razón xa que «permiten encontros cos autores, cos editores e, o máis importante aínda, cos libros». Para el o mundo dixital non é capaz de substituír o encontro colectivo que se produce nas feiras do libro, como tampouco o descubrimento que se produce nas librarías, «institucións esenciais do espazo público», «lugares de resistencia e conversa». «As librarías transformáronse en foros de discusión, nun lugar de entendemento e de crítica, o que non ten equivalencia no mundo dixital. Para Chartier as librarías actuais son «un lugar de sociabilidade, de discurso, de discusión, d eintercambio, é un lugar de descubrimento».

Partindo de que para Chartier non hai unha única forma de lectura porque existen distintas comunidades de lectores, con competencias, disposicións e saberes distintos, considera que na actualidade «por primeira vez na cultura da palabra escrita existe unha separación entre o obxecto e o texto, entre a materialidade do soporte e o discurso que soporta». Isto ten importantes consecuencias para a lectura xa que transforma a relación entre o fragmento textual e a totalidade do discurso, moi  forte no caso do libro impreso, inexistente no caso do texto electrónico.

Como ten consecuencias para como lemos hoxe que no mundo dixital «se le para escribir e se escribe para ler», de xeito que «a práctica da lectura nas redes sociais imponse como modelo hexemónico de todas as lecturas, unha lectura acelerada, fragmentada e impaciente». Para Chartier «a consecuencia máis grave desta distorsión é a transformación do criterio mesmo de verdade». «Na lectura manuscrita ou impresa, establecer a verdade dun enunciado supoñía saír do enunciado e confrontalo con outros, buscar información, aplicar o xuízo crítico, investigar, establecer o grao de autoridade e veracidade do enunciado». «Na lectura das redes sociais, o criterio de verdade atópase inscrito dentro da rede mesma […], o lugar compartido onde se atopa é unha garantía suficiente da súa verdade». «É a razón pola cal a tecnoloxía dixital, que permite compartir coñecementos, saberes e sabedorías, transformouse no instrumento máis poderoso para a difusión das teorías mais absurdas, noticias falsas, manipulacións do pasado, falsificacións da realidade e verdades alternativas».

Onte 1864: O retroceso da edición en galego

5901ae8f01e58-ztiew

O novo retroceso do número de títulos editados en galego en 2016 é tan agardado como explicable. O remate da implantación dos libros de texto da LOMCE en 2º e 4º de ESO e 2º de BAC, así como a rebaixa da produción do libro electrónico, xustificada pola merma do entusiasmo polo formato epub, explican estes novos datos catastróficos. Factores que continuarán afectando ao longo deste 2017 e que, moito me temo, agoiran un retroceso histórico para a estatística do ISBN en lingua galega deste ano, que acadaría o seu peor resultado nas dúas últimas décadas. Non teño dúbida de que este é un problema específico do sector do libro galego (a edición no resto das linguas oficiais medrou e mesmo lixeiramente a edición en Galicia no seu conxunto), feito ao que non é alleo a súa dependencia do subsector do libro de texto, que vén achegando arredor do 40% da súa facturación e o 20% do seu número de títulos, mais cuxo peso, por moi diversas razóns, diminuirá nos próximos exercicios.

No eido da edición literaria e infantil, o que podemos chamar a edición cultural, o sector mantén as súas cifras, a pesar de que vive totalmente a intemperie, por utilizar un eufemismo, ao abeiro dos avatares do mercado e da competencia coa edición española. As cifras falan por si soas: en 2017 o sector do libro galego contará apenas con 200.000 euros da Consellaría de Cultura para dotar de novidades en galego as bibliotecas municipais. Cifra que supón apenas o 1% da facturación anual do sector (arredor de 20 millóns de euros) e, con respeto a idéntica partida de hai dez anos, un recorte do 84 %.

Porcentaxes inauditas en calquera outro sector económico considerado estratéxico (como establece a vixente Lei do Libro e da Lectura de 2006) que expresan unha evidencia: para os diversos gobernos de Alberto Núñez Feijoo o sector do libro en galego é pouco máis que un bonsai ornamental para exhibir en acontecementos como a Feira do Libro de Buenos Aires e para citar en efemérides rituais como o 17 de maio. Picada o que estes gobernos consideraron «burbulla editorial», aos editores se nos ofrece periodicamente o engado da redacción dese plan da cultura galega (cuxo obxectivo sería abordar tamén as feblezas do noso sector), que aparece e desaparece dende hai anos dos discursos dos responsables culturais do goberno.

Xaora, os teimosos editores galegos continuamos editando tanto como permiten os recursos do noso cativo mercado, intentando facelo o máis atractivo e visible posible. Confeso que en case tres décadas de profesión nunca coñecín un activismo literario tan intenso e estenso como o actual, protagonizado tanto polos autores e autoras como polas editoras e librarías en centos e centos de presentacións, lecturas, asinaturas e referencias nas redes sociais. Un activismo de resistencia que tamén conta e que non aparece nas estatísticas do ISBN. Ampliar a comunidade de lectoras e lectores en galego continúa sendo unha das prioridades do sector, como a da reclamar de todos os poderes públicos que non eludan a súa responsabilidade sobre as políticas de lectura e fomento da lingua galega.

Onte 1662: Sobre a Feira do Libro de Compostela

Feira_libro_Santiago_2016_02

Volvín onte á Feira do Libro de Santiago para acompañar a Carmen Blanco Ramos na presentaciónO volframio en Varilongo. Un serán literario interesante iniciado co obradoiro infantil “Horta con Arte” ao que seguiu a presentación do libro-filme Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra de Margarita Ledo Andión, publicado por Numax-Apiario. O máis chocante do caso é que xusto á mesma hora celebrábase na Rúa do Vilar o acto de entrega dos Premios da Crítica de poesía e narrativa en galego outorgados a María do Cebreiro polo poemario O deserto, publicado por Apiario, e a Manuel Rivas pola novela O último día de Terranova, incluída no catálogo de Xerais. Sufrín a decepción de non poder participar en dous actos a un tempo. Non sería posible incluír no programa da Feira do Libro un acto literario tan relevante como esta entrega dos galardóns da Asociación Galega da Crítica?

Como tamén semella incomprensible que coincidindo coa celebración da FILBA, na que Compostela é cidade convidada e onde acudiu unha ampla delegación galega, tanto política como cultural, esta edición da feira da Alameda non conte cun apoio máis decidido do concello de Santiago. Moitas veces queixámonos do escaso atractivo da programación das feiras do libro de Galicia e da necesidade de refundar este proxecto (xa cunha historia de catro décadas) entre todo o sector do libro. Quizais sexa o momento de deixar de laiarse de forma rotineira e poñerse a refacer este proxecto estratéxico entre todo o sector do libro e da lectura. O futuro das feiras do libro en Galicia é un reto para o sector da libraría, mais tamén da edición, da creación, da crítica, da biblioteca e dos poderes públicos, tanto da Xunta de Galicia como das administracións locais, deputacións e concellos, que non poden renunciar a súa responsabilidade de contribuír a facer visible o libro no espazo público.

Onte 1568: Día da ilustración

Marcos_Viso_Día_da_Ilustración_2016

Celebrouse onte nas bibliotecas «O día da ilustración». Unha data incluída no calendario galego do libro e da lectura, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, coa intención de salientar «a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, así como para poñer en valor o sector galego da ilustración». Unha efeméride que debería servir, ademais, para reparar na situación dun subsector da creación que, a pesar do proceso de hibridación e mudanza do sector editorial, vive en Galicia un momento dunha certa efervescencia, fose pola consolidación nos mercados (tamén nos internacionais) dalgunhas das figuras da BD galega, sexa pola aparición constante doutras novas no terreo da edición infantil ou do portadismo editorial.

Xaora, sobre o mundo da ilustración galega pairan importantes dificultades, dende a reducida dimensión do noso mercado editorial interior, pasando polas dificultades para a exportación, concertación de edicións e venda de dereitos, até os prexuízos aínda existentes sobre este traballo artístico. E para mostra destas eivas abonda con reparar na lista de vinte e cinco creadores convidados a participar na Feira do Libro de Buenos Aires, que a Consellaría de Cultura e Educación publicou a pasada semana, e comprobar que só asistirá unha ilustradora. Apenas un síntoma dunha ollada prexuizosa sobre a ilustración galega, ademais dunha torpeza, cando se visita un país onde esta disciplina ten unha importancia fulcral no mundo editorial.

Parabéns a todos os ilustradores e ilustradoras, mercedoras de todo o noso recoñemento e apoio por tan destacado traballo artístico.

Grazas a Marcos Viso pola ilustración.