Listado de la etiqueta: eva_estévez

Onte 2083: Razóns para outra Galicia, o reto do público


No serán do mércores abriuse o ciclo «Razóns para outra Galicia», tres debates virtuais de persoas expertas, que ao longo do mes de xuño organizamos na Fundación Luzes, coa intención de iluminar a Galicia alternativa con luces de longa alcance, utilizando tanto análises sectoriais como as de carácter máis transversal e global. «O reto do público: educación, sanidade e coidados» foi o epígrafe sobre o que moderados por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes, conversaron Laura Seara, Xoán Antón Pérez-Lema, María Xosé Rubio e Antón Losada. Intervencións que pasada unha hora deron paso ás das persoas convidadas: a socióloga Ana Luisa Bouzas, o mestre Miguel Ángel López «El Hematocrítico», as médicas de atención primaria Eva Estévez e Esther Mato Fondo, o médico e activista Paco Vázquez Vizoso e o xornalista e presidente de REDE Paulino Campos.

Antón Losada, profesor da USC, sinalou que «co Goberno de Feijoo a Sanidade Pública está a sufrir as tres des: Deterioro, Descapitalización e Desmantelamento», insistindo en poñer en claro as razóns das privatizacións dos servizos públicos de educación, sanidade e coidados porque «o público é un gran negocio». Fronte a iso defendeu a idea de que os dereitos van asociados á condición de cidadán e isto obriga ao estado a proporcionalos de forma pública e universal.

Xoán-Antón Pérez Lema, avogado, reflexionou sobre as políticas privatizadoras da sanidade e do resto dos servizos públicos por parte de Feijoo, que considerou esenciais na súa estratexia, xa dende o seu primeiro goberno. Considerou que a alimentación sexa tan mala en residencias e hospitais é apenas unha mostra do funcionamento deste estaribel  privatizado por grandes grupos multinacionais.

María Xosé Rubio, conselleira de Sanidade no goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, comezou proporcionando unha serie de datos sobre a situación do sistema sanitario daquel goberno que comezou cunha débeda neste sector de 400 millóns de euros: de 2005 a 2009 o incremento en sanidade foi do 34 %, sendo o orzamentario do 49 %; o orzamento de Sanidade en 2009 foi de 3.800 millóns de euros, cantidade que non superou o Goberno Feijoo até 2018. Lembrou a dificultade de contar con datos de persoal, mais que é obxectivo que o número de facultativos era en 2008 de 2.672 mentres que o conselleiro de Sanidade declaraba en ABC que en 2018 era de 2.566. Referiuse ao cambio de estrutura organizativa e nos problemas que ocasionou na atención primaria até que en 2018 explotou o conflito da na área sanitaria de Vigo, no que se pretendeu recuperar o plan de mellora consensuado en 2008.

Lembrou Rubio que na construción do Hospital de Vigo reducíronse o número de camas e quirófanos previstos no proxecto do bipartito pasando dunha financiación por parte dun organismo público a unha de xestión privada, «incrementándose e prolongándose o gasto de construción dunha forma importante», así como se lle privou de contar cun gran laboratorio central, que foi trasladado ao Meixueiro. Lembrou a importancia que tivo para afrontar a pandemia actual o feito de contar cunha historia clínica única que se puxo en marcha grazas ao Plan de Tecnoloxías da Información do bipartito, valorado en 150 millóns de euros. Xa no remate da súa intervención, Rubio reflexionou que «para as empresas privadas ter beneficios no ámbito do sistema de coidados persoais é moi difícil, os coidados persoais requiren de persoas, que son os recursos máis caros, polo tanto na parte de sanidade como nas residencias de persoas maiores a súa privatización comporta o aforro na parte máis delicada que é o persoal,  un persoal que non está motivado, que non está ben pagado, que non está seguramente ben formado nin reciclado…»

Laura Seara, avogada e ex-secretaria xeral de Igualdade no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, defendeu que a pandemia amosou a desigualdade en toda a súa crueza. «En Galicia  o 80 % das persoas coidadoras, sexan os non remuneradas, son mulleres; como o 66 % do persoal sanitaria e o 84 % das traballadoras das residencias de maiores e centros do día… O que obriga a que a desigualdade non pode ser abordada sen perspectiva de xénero». Referiuse tamén, entre outros temas, á «trampa do teletraballo», ás dificultades de conciliación polo peche dos centros educativos e centros de día, á valoración do público e ao sistema de coidados non remunerados que eran invisibles até a aprobación da Lei de Dependencia.

O debate pode verse aquí en youtube (1 hora e 34 minutos).

Febreiro marrucheiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao refraneiro de febreiro, mes marrucheiro en tempo de Entroido:

O mes de febreiro, o máis curto do ano, foi manancial inesgotable para o refraneiro e a cultura popular agraria galega. Hai máis de trinta anos que o académico Xesús Ferro Ruibal escolmou no seu Refraneiro Galego Básico (Galaxia 1987) máis de dúas ducias de textos que facían referencia ao carácter cabriteiro (tamén bautizado no refraneiro como verceiro, escarabanadeiro, grileiro, molineiro, mexadeiro, bertoeiro…) dun tempo no que pola Candeloria se casan os paxariños (o noso día do amor) e habitualmente se celebra o Entroido e a súa exaltación transgresora e larpeira: «Febreiriño corto, cos seus días vinte e oito, se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro nin orellas ao pregoeiro». Refrán que alude á dureza meteorolóxica dun mes frío («febreiro sete capas e un sombreiro»), chuvioso («a auga de febreiro fai o palleiro») e de nevaradas («dure a miña veciña o que a neve febreiriña»), considerado o «pior de todos».

Cadora, a sabedoría do refraneiro e do prognóstico meteorolóxico popular admite a figura do trasacordo, razón pola que ten previstos outros refráns para aqueles febreiros máis levadeiros, como o que polo momento vai este ano: «se febreiro non febreirea, marzo marcea»; agoiro que pode resultar máis ou menos preciso se lembramos que «febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro» ou aqueloutros que din «febreiro quente, trae o demo no ventre» ou «un día bo en febreiro é un ladrón no eido». Prognósticos que coas mudanzas do cambio climático probablemente conviría reconsiderar, como aqueloutro que reza «polo San Matías (24 de febreiro) iguala as noites e os días», percepción popular do ciclo solar unha miga imprecisa xa que adianta case un mes a chegada do equinoccio de primavera, que este ano 2020 será o 20 de marzo ás 3:50 horas.

Sexa febreiriño levadeiro e bisesto coma o actual («ano bisesto, ano funesto»?), non hai dúbida do seu carácter de mes larpeiro e lambón por excelencia no calendario de noso, xa que este tempo da cerna do entroido é o preferido para compartir os cocidos, os bolos do pote, as cacholadas, as boteladas, as androlladas e os lacóns con grelos, pratos que preceden á proba de filloas, freixós e outros encaixes de mesa como orellas de frade, chaolas, follas de limón, flores, chulas, sapos da Limia ou bicas e rosquillas coas que se pechan as enchentes destes días. Expresións dunha cultura gastronómica popular que pese a práctica desaparición da cultura agraria tradicional na que naceu (coma a do refraneiro ou a de correr o entroido) renace hoxe na Galicia urbana como recreación cultural culinaria e expresión dun estado de ánimo vitalista e festeiro.

Febreiro que celebra cada 24 o nacemento de Rosalía de Castro, un aniversario que coincide este ano co luns de entroido, no que a Fundación Rosalía (https://rosalia.gal) promove a recuperación ese día do Caldo de Gloria na carta de máis dun cento de bares e restaurantes de todo o país. Unha iniciativa de recuperación culinaria inspirada no poema «Miña casiña, meu lar» de Follas novas no que a poeta de Padrón explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria dunha muller pobre. Unha recuperación ou re-creación do Caldo de Gloria, o bolo do pote, no que a FR recomenda seguir as instrucións que a autora nosa dá no poema ou consultar a receita enxebre que Picadillo achega en La cocina práctica (1905): «o caldo galego de verdade redúcese sinxelamente a unha mestura de patacas, feixóns, verduras e unto de porco, rancio, e máis nada». Reinvención do caldo galego en data tan sinalada que se pode facer nos propios fogares, como a de-construción da receita do cocido galego en termos de cociña saudable, que tivemos a fortuna de gozar na mesa viguesa da doutora Eva Estévez, unha auténtica marabilla de sabores tradicionais que contribúen á modernización do primeiro dos nosos pratos da cociña de inverno.

Como febreiro é por excelencia o mes das filloas, ou freixós (no norte da provincia de Lugo) ou marruchos (na Ramallosa e noutras parroquias do Val Miñor), a primeira das nosas sobremesas de inverno, unha especialidade que non só está presente na cociña galega, velaí as crêpes bretoas ou os pancaques arxentinos ou uruguaios. Filloas ou marruchos, sometidos tamén a un necesario exercicio de de-construción modernizadora, cuxa presenza na carta de sobremesas era para Álvaro Cunqueiro indispensable para calquera restaurante ou casa que pretendese ser considerada galega. Proba da filloa na que abonda acompañala de azucre ou mel, sabendo que esta froita de tixola ten moi diversas receitas en Galicia enteira. Gocen destes días felices en tempo de entroido corredoiro, unha oportunidade magnífica tamén para febreirear na mesa coas persoas queridas.