Onte 1312: O pregón de Manuel Portas na feira de Compostela
Magoa que Manuel Portas non puidese pronunciar onte o pregón que preparou para a inauguración da Feira do libro de Compostela. Unha peza literaria magnífica na que defendeu o libro («o libro sermpre será o libro»), a lingua, a creación literaria, as librarías e esixiu o compromiso das administracións co mundo do libro e das industrias culturais («que en Galicia supoñen o 2 % do PIB e 23.000 empregos»). Particularmente fermosas foron a súa metáfora da defensa da lingua representada na palabra donicela («agardo que neste país se siga acariñando o lombo da donicela coa dozura desta palabra e que nos seus libros os escritores, as escritoras, sigan a mentala así»), como as súas referencias ao Santiago literario («onde está a esencia cultural e a memoria histórica da galeguidade e do galeguismo»). Un gran texto este pregón de Portas, que onte tiven a fachenda de ler no seu nome por mor do pasamento de Concepción Barreira. As miñas beizóns para Manolo Portas en días tan dificiles para el e para a comunidade educativa do instituto Xelmírez I.