Artigos

Onte 1520: Día da dignidade

rosa_parks

Fixéronse onte sesenta anos daquela proeza histórica de Rosa Parks que se negou a deixar a un branco a súa cadeira no autobús. Un comportamento que se forxou como modelo de dignidade, axudando a superar comportamentos e prexuízos racistas e a establecer modelos de igualdade real. Unha desas poucas accións históricas individuais que axudan a mudar ao mundo no horizonte da esperanza. Onte lembramos aquela manifestación de 2002 en Compostela, onde cada un dos nosos paraugas contribuíu a caligrafar o sintagma Nunca mais, que dende entón expresou a indignación dun país disposto a saír do seu silencio conformista. E onte tamén lembramos a Eduardo Blanco Amor no trinta e seis aniversario do seu pasamento, unha figura literaria e humana que (por ventura!) cada ano vai recuperando o seu valor de xigante da literatura galega. A coincidencia desta efeméride coa entrega do premio que leva o seu nome, que nesta edición correspondeu ao noso admirado Xavier Queipo, é outra excelente noticia deste 1 de decembro. Unha data a que ben acae gardala no calendario como «día da dignidade».