Listado de la etiqueta: día_internacional_libro_infantil_e_xuvenil

Onte 1857: Medrar lendo

DILI_glMágoa que a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil quedase un chisco chafada pola incomprensión e descoñecemento prexuizoso sobre a literatura infantil e xuvenil que manteñen sectores da crítica literaria e do galeguismo. As acusacións reiteradas de infantilización, como a peor doenza da literatura galega, constitúen apenas un síntoma dunha vella doenza que só se pode curar lendo criticamente os textos do xa amplo catálogo da lix galega. Como salienta o texto e o cartel preparado polo sección rusa do IBBY para a edición de 2017, escrito por Sergey Makhotin, ilustrado por Mikhail Fedorov e traducido ao galego por Sabela González, medrar lendo e contar con mediadores constitúe unha posibilidade preciosa para formar lectores literarios futuros. Non hai libros para maiores e outros para miúdos, hai libros valiosos e outros que non o son tanto. Xa o deixou escrito o noso mestre Agustín Fernández Paz, fonte inesgotable de claridade á que acudir nestes debates:

Os libros valiosos son os que teñen vida, aqueles capaces de suscitar en quen os le unha mirada novo, distinta, intensa, sobre as persoas e a socierdade. É dicir, capaces de provocar unha mutación (aínda que sexa pequena) tanto no sistema no que os inscriben (xa non se pode escribir coma se ese libro non existise) como nas persoas que os lean (xa non é posible mirar a realidade do mesmo modo ca antes de lelo). Agustín Fernández Paz, Un mundo de palabras (Xerais, 2017, en edición).

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1283: A canción de Manuel

a_cancion_de_manuelDende hai catro anos, coincidindo co 2 de abril, Día internacional de concienciación sobre o autismo, tamén Día internacional do libro infantil e xuvenil, Olga Lalín e Seso Durán, profesores de ensino secundario e pais de Manuel, un pequeno de seis anos que padece trastorno do espectro autista, publican unha canción na rede coa intención de darlle visibilidade a esta xornada.

Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números  como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».

Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.

Recomendo ler esta anotación do blog de  Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.


Onte 1160: Día das librarías

964cf6d0ab765dc66dbc0a88343ed6d7O Día das librarías celebrado onte pasou en Galicia sen pena nin gloria. Apenas un acto na libraría Pedreira, incluído dentro do programa «Venres nas librarías», iniciativas aquí e acolá de librarías entusiastas, algún escaparate preciso, algunhas referencias en twitter e un acto institucional en Ourense no que o actual conselleiro de Cultura e Educación entregou á directiva da Federación de Libreiros de Galicia un exemplar do Calendario do Libro e da Lectura 2015. Pobrísimo balance para o que debería ser unha data de referencia e colaboración para todo o sector do libro e a lectura (libraría, edición e creación) que ben precisa aproveitar a visibilidade e as faíscas de fulgor destas efemérides. Xaora, o feito que non aparecese a versión en galego do lema deste día das librarías, «Como vai sobrevir a ignorancia se está rodeada de libros?», promovido por CEGAL, constitúe apenas outro síntoma da preocupante anemia que na actualidade padece o sector libreiro galego. Nin o 24 de febreiro (día de Rosalía) nin o 2 de abril (día do libro infantil e xuvenil) nin o 23 de abril (día internacional do libro e dos dereitos de autor) nin o 17 de maio (día das letras galegas) nin a maioría das feiras do libro nin agora este derradeiro venres de novembro (coincidente co black friday) semellan ser oportunidades aproveitadas polo sector en Galicia para o seu encontro cos diversos públicos lectores. Fronte a semellante fatalismo conformista non se me ocorre outra receita que o entusiasmo e a colaboración inconformista daqueles libreiros/as, autores/as e editores/as que non nos damos por vencidos.

Onte 932: Día do libro infantil e xuvenil 2014

DILI_2014_gl

Celebramos onte un novo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha das datas de referencia do noso calendario do libro e da lectura. Nesta edición resulta significativo, como salientou Francisco Castro, presidente de Gálix, a boa saúde en Galicia deste subsector da edición, sendo maior o seu peso na nosa comunidade (13 % da edición global) ca no medio do sector (7 %). Ademais das súas cifras alentadoras, o libro infantil e xuvenil galego é sinónimo de calidade e excelencia, tanto na tipoloxía do álbum ilustrado, no cómic, como na dos textos literarios e coleccións graduadas de lectura. No entanto, lonxe de calquera tipo de compracencia, o subsector infantil e xuvenil galego ten que afrontar os retos do proceso de hibridación do soporte (a oferta dixital aínda é reducida) coma da súa entrada decidida nos territorios da non ficción, onde a actual oferta presenta importantes carencias. Parabéns, pois, ás autoras, ilustradoras, tradutoras, editoras, bibliotecarias e outras persoas mediadoras por esta angueira compartida.

Onte 208: Día Internacional do Libro Infantil

Co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil iníciase abril, o mes dos libros por excelencia. Unha efeméride na que adoito tomamos o pulso a saúde a un dos subsectores de edición en Galicia máis dinámicos. A pesar dos efectos inevitables da crise, a nosa edición infantil e xuvenil presenta datos ben esperanzadores. Segundo o estudo do Comercio Interior do Libro da Federación de Gremios de Editores de España, en 2010 editáronse en Galicia 491 títulos (23,2% do total do sector); imprimíronse 705.100 exemplares (21%) e vendéronse no mercado interior 5,62 millóns de euros (18%). Confórmase así un catálogo de 3.858 títulos (29,1% do total dispoñible nas editoras privadas galegas), o maior da nosa historia. A edición de LIX, ademais, é a máis dinámica no noso comercio exterior do libro grazas, sobre todo, ao traballo de selos que nesta última década acadaron prestixio internacional, como Kalandraka e OQO editora, capaces de editar os seus álbums de forma simultánea en máis de dez linguas. Un fito a engadir ás edicións internacionais dos ilustradores galegos e ás numerosas traducións e premios internacionais obtidos polos nosos autores e autoras. O sector do libro e da lectura infantil e xuvenil en Galicia é un dos nosos potenciais, unha grande oportunidade.

2 de abril, Día internacional do libro infantil e xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha celebración promovida polo IBBY que coincidindo co nacemento de Hans Christian Andersen pretende achegar os valores da lectura á infancia de todo o planeta. desta volta correspondeu a confección do cartel á ilustradora Noemí Vilamuza e do texto da mensaxe ao escritor Eliacer Cansino, ambos os dous en representación das organizacións da OEPLI. O texto e o cartel, dispoñible nos catro idiomas oficiais, pode baixarse en pdf aquí.