Artigos

Onte 1558: Usuarias das bibliotecas

Celebrouse onte o Día dos usuarios das bibliotecas públicas, unha efeméride que pretende render homenaxe a todos os socios e socias da rede de lectura pública galega, ao tempo que dar a coñecer os seus servizos e actividades. Sen dúbida unha boa iniciativa, xa que moi poucas veces se salienta na nosa axenda política e cultural a importancia das bibliotecas públicas e do elevadísimo número de persoas que utiliza os seus servizos. Se botamos man dos datos publicados polo INE, correspondentes a 2014, chama moito a atención que en Galicia este colectivo de usuarias de bibliotecas supere o millón de persoas, das que 877.616 son adultas e 145.567 menores. O 37,40 % da poboación galega é usuaria do servizos bibliotecarios, unha porcentaxe que se sitúa dez puntos por baixo da media española, mesmo moi lonxe do 75,2 % de Catalunya ou do 55,5 % da Comunidade de Madrid. No conxunto do estado o número de usuarias é case de 22 millóns, o 47,0 % da poboación, incrementándose ao longo dos útimos anos, coincidindo cos da crise e, paradoxicamente, coa diminución dos recursos públicos destinados ao funcionamento e dotación das bibliotecas. Nunca insistiremos abondo na importancia da biblioteca como a primeira institución cultural pública de cada comunidade local especializada en lectura e acceso á información en todos os soportes e formatos. Apostar pola mellora da rede das bibliotecas públicas é un dos investimentos máis rendibles.