Listado de la etiqueta: culturgal

O máis destacado no eido da lectura en Galicia (2010)

Propóñome ao longo desta derradeira semana do ano escribir varias anotacións de balance sobre o que entendo foron as noticias máis destacadas no eido da lectura neste 2010 que remata:

  1. O premio Fipresci que en Cannes recibiu Todos vós sodes capitáns, a película de Oliver Laxe [a pesar de tratarse de cinema, é unha noticia claramente literaria, polas características da obra e o discurso do seu director]
  2. A lección de coherencia e dignidade do escritor Agustín Fernández Paz.
  3. A consolidación do proxecto do plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.
  4. O fracaso do Ano [bonsai] do Libro e da Lectura de Galicia.
  5. O éxito de público e de lectores dun bo monllo de novelas publicadas ou premiadas ao longo do ano: A intervención de Teresa Moure, O Cabo do Mundo [Premio da Crítica] de Xabier Quiroga, Sete palabras [Premio da Crítica Galicia] de Suso de Toro,  Denso recendo a salgado de Manuel Portas, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Todo é silencio de Manuel Rivas, Periferia de Iolanda Zúñiga, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Futuro imperfecto de Xulia Alonso Díaz… [desculpas por non poder citar outras tantas novelas valiosas publicadas en 2010] Un feito que demostra a vitalidade da nosa ficción e o apoio da sociedade de lectores e lectoras, ao que non son alleos o funcionamento dos Clubes de Lectura das bibliotecas públicas, outro dos fenónomenos culturais do ano.

Iniciativas ás que habería que engadir outras  tan interesantes como foron a creación do Clúster da Edición, librería e comercialización; a recuperación de Cultugal, da man dunha asociación intergremial de industrias culturais; os primeiros libros dixitais infantís en galego da editorial Galaxia; os booktrailers de Xerais, distribuídos na TVG e Internet; a posta en marcha de Redelibros, como a primeira rede social de lectura en Galicia; as actividades de asociacións de voluntariado pola lectura como Espazo Lectura ou a celebración dos Galeuscas de escritores na Coruña.

Culturgal volve a Pontevedra

Hoxe presentamos a edición do Culturgal 2010. A Feira das Industrias Culturais Galegas do 26 ao 28 de novembro volve ao Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, o berce onde recibiu os seus primeiros aloumiños en 2007. Un Culturgal moi renovado organizativamente, máis sólido ca noutrora xa que está alicerzado no traballo de seis asociacións de profesionais da industria cultural galega: os editores da AGE, as empresas musicais AGEM, os editores musicais de AGAPHONO, as empresas de Internet de EGANET, os produtores audiovisuais de AGAPI e os membros de ESCENA GALEGA. Un Culturgal austero, como corresponde ao memomento que vivimos, que contará co patrocinio de AGADIC, o concello de Pontevedra e o amparo do programa CREATIVA.  Xa haberá tempo de anunciar o programa de actividades deste Culturgal, hoxe saudamos este esforzo de traballo en man común dos diversos sectores da cultura galega. Eis a arte da unidade en tempos de crise.

Constituída a asociación «Culturgal»

Esta noticia non debe pasar desapercibida: o pasado mércores catro asociacións profesionais da industria cultural galega (AGE, AGAPHONO, AGEM e ESCENA GALEGA) asinaron a acta da constitución da Asociación Culturgal e nomearon a súa primeira xunta directiva. A nova entidade, que ten como primeiro presidente ao editor Xulio Amigo e na que está previsto se incorporen decontado outras dúas novas entidades (EGANET e AGAPI), será a encargada de organizar o vindeiro CULTURGAL, a feira das industrias culturais galegas, que (moi probablemente) se celebrará nas instalacións de Palexco da Coruña durante a segunda fin de semana do vindeiro mes de decembro. Culmínase, deste xeito, un proceso de colaboración entre os distintos sectores da industria cultural galega coa intención de procurar sinerxias entre eles e crear maiores espazos de visibilidade e presenza diante do público galego. Unha noticia moi esperanzadora para consolidar dende a independencia profesional un evento clave para o futuro das nosas industrias culturais.

O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.