Listado de la etiqueta: concello_de_lugo

Onte 1855: “Principio de incerteza” de Pilar Ortega, premio Ánxel Fole

p1010784

Despois de varios meses de lectura escollemos onte no concello de Lugo, entre 49 orixinais, a obra gañadora do Premio Ánxel Fole de narrativa curta. Tras unha deliberación moi interesante decidimos por maioría ponderada adxudicar o premio á novela titulada Principio de incerteza de Pilar Ortega Pereiro. Unha narración que mestura de forma moi orixinal a física e a literatura para relatar unha historia de maltrato. A inecuación de Heisenberg explica o feito de que resulta imposible coñecer o lugar exacto que ocupa un corpo no espazo xa que a simple presenza dun observador que trate de apreixalo coa ollada provoca unha alteración, unha vibración case imperceptible que o impulsa a oscilar constantemente arredor do seu centro, coma se o corpo observado sentise a necesidade de fuxir. Eis a clave desta narración que posúe unha precisón impactante.Aventuro moito interese para esta segunda novela de Pilar Ortega, que debutara con Virxinia (Xerais, 2008), unha narración que fora finalista no primeiro certame de microrrelato concello de Soutomaior. Parabéns á narradora miñorana que con este importante Fole, que será publicado en Xerais Narrativa a comezos do vindeiro ano, consolida a súa traxectoria.

Onte 1354: «Solución Príncipe»

lara_mendezA última hora, o PSdeG-PSOE optou en Lugo pola «solución Príncipe», aquela que hai vinte e catro abriu as portas da alcaldía viguesa ao pediatra Carlos Príncipe e fixo posible unha das primeiras experiencias de goberno tripartito entre socialistas e nacionalistas. A demisión in extremis de Orozco  permitirá que Lara Méndez sexa alcaldesa e o grupo socialista continúe gobernando a cidade da muralla.

A solución é un exercicio de pragmatismo político, xa que o veterano profesor de Filosofía, dende o momento que a súa non foi a lista máis votada, sabía que non recuncaría na alcaldía, máis aínda cando Lugonovo e BNG insistiran en campaña que nunca o votarían. Lembro moi ben as longas negociacións da «solución Príncipe» e do seu programa que deron paso a un dos mellores gobernos de coalición vigueses, capaz de abrir o planeamento estratéxico e urbanístico, realizar as primeiras peonalizacións, comezar a rehabilitación integral do Casco Vello, ampliar a Fundación Penzol e a Casa Galega da Cultura, abrir a Biblioteca Central, entre outras actuacións no marco dunha situación económica difícil. Agardo que en Lugo sexa tamén fecunda a etapa liderada por Lara Méndez, que será a única alcaldesa das sete cidades, o que constitúe outro motivo máis desta remuda.

Onte 1287: Retranca en Lugo

programa-retranca-OK-FINAL-1Cando estiven en Lugo para participar no xurado do premio Ánxel Fole de narración, Carme Basadre, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, anunciounos que xusto despois da semana santa comezaba o Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca. Ten moito xeito esta proposta que transforma a retranca en compoñente transversal de todas as artes e deita unha ollada á vida e á creación artística dende o humor, o que é ben de agradecer. Mágoa non poder asistir a algúns dos actos tan atractivos como o «Sempre en Ibiza» (poesía con retranca) de Aldaolado ou as conversas entre Pedro Feijoo e Kiko Novoa ou a de Marta Pérez e Antón Sobral. Esta exaltación artística da retranca, coma o recente Festival da Bisofera, converten a Lugo nun dos espazos de innovación da promoción cultural en Galicia. Ben será qe durante esta semana os investigadores estuden cal é a orixe de tan renovada creatividade cultural.

Onte 1277: Álex Alonso premio Ánxel Fole 2015

premio_anxel_fole_27-03-2015

Foi onte un día importante para a consolidación do novo modelo do premio Ánxel Fole de narración curta, organizado polo concello de Lugo e editado por Xerais. Pola tarde reunímonos os membros do xurado da XVII edición, formado tamén por Cristina Corral Soilán e Pedro Feijoo, que despois de darlle moitas voltas e viravoltas decidimos por unanimidade outorgar, entre as 41 obras presentadas, á titulada Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, presentada baixo o lema «Historias mínimas», que unha vez aberta a plica por Darío Xohán Cabana, secretario do xurado e coordinador de publicacións do concello de Lugo, resultou ser de Alexandre Alonso Alonso, que asina co nome literario de Álex López. Foron as outras dúas magníficas obras finalistas as presentadas cos lemas «Inger Nilsson» e «Ex oblivione», que agardo reciban no futuro o recoñecemento que tamén merecen. A de Álex Alonso foi toda unha estupenda sorpresa, xa que supón a incorporación dun novo narrador ao noso catálogo. Celebrouse despois no Salón de Plenos do concello, coa participación do alcalde Orozco, a presentación institucional de Funambulistas, a obra de Mercedes Leobalde, gañadora da edición anterior. Un acto literario no que se anunciou o ditame do xurado e no que Leobalde expresou a súa ledicia polo feito que fose premiado Álex Alonso, «unha persoa xenial, sei que as súas ocorrencias son xenialidades e as súas historias moi conmovedoras e cinematográficas.»

alex_alonsoTempos de bebidas isotónicas e fast-food é un monllo de trinta relatos que deitan unha ollada, unhas veces de gran angular, outras de teleobxectivo, que retrata as contradicións e o devalo da sociedade galega do noso tempo. A utilización preferente da primeira persoa como voz narradora testemuñal, axustada en cada peza ao rexistro do personaxe, confire unha rotundidade e credibilidade brutal a cada unha destas historias mínimas. Un humor de marabilla, sutilmente retranqueiro, e un coidado rexistro lingüístico coloquial, impregnado cos aromas dos viguismos e das variantes da fala popular das Rías Baixas, tiran dunha lectura tan engaiolante coma acedamente divertida. Dende o memorable «O curso de novas tecnoloxías, que abre o libro a gargalladas, pasando pola versión bífida de «By Glory Lake» ou polo o emotivo «Non me chames terrorista», até o estremecedor «Vitrasas», Álex Alonso debulla algunhas das causas e prexuízos da desigualdade e precariedade da Galicia actual. Un libro que mantén lazos e fíos formais e temáticos cos Funambulistas de Mercedes Leobalde, autora coa que Álex Alonso comparte a súa profesión de lingüista da Administración de Xustiza.

Nacido en Vigo en 1968, Álex Alonso traballa na actualidade na Audiencia de Pontevedra. Como narrador foi premiado en 2003 cunha mención especial no certamen Manuel Muguía de Arteixo polo seu relato «Estremonías» e no 2010 gañou o premio de relatos de igualdade Matilde Bares do concello de Bueu por «Xénero imperfecto».

Onte 1253: Chegou «Funambulistas»

XG00199601Onte comezaron a chegar ás mesas de novidades das librarías os primeiros exemplares de Funambulistas, o primeiro libro de narrativa de Mercedes Leobalde. Como membro do xurado que lle outorgou o Premio Ánxel Fole 2014, convocado polo concello de Lugo, xunto a Marica Campo e Olga Novo, vivín o entusiasmo que a todos os tres nos provocou a lectura dun orixinal escrito con prosa esencial, depuradísima, coa intención de representar a fraxilidade contemporánea. Vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas dúas ou tres páxinas, unhas veces vinculados, outras independentes, protagonizados por personaxes que viven ao límite, na corda frouxa, á intemperie, ao abeiro do inagardado ou fortuíto. Un libro sobre a vulnerabilidade e a carencia como síntomas do noso tempo de precariedade, onde por fortuna, a autora enxerga aínda unha raiola de esperanza contida. Aventuro que Funambulistas será un dos libros dos que falaremos con frecuencia esta tempada.

Onte 968: Grosse Coalition

vigo-capital

Tras o acordo orzamentario de Caballero e Figueroa en Vigo, hai indicios de que o PSOE e o PP poden repetilo no concello de Lugo. Sería outro froito do modelo da Gran Coalición, acuñado por Merkel en Alemaña, na que o partido socialdemócrata abaixa os brazos diante do conservadorismo liberal, que ameaza con expandirse en España como a mellor saída defensiva dos partidos sistémicos no entorno da crise de devaluación interna e de empobrecemento xeralizado.Tras as eleccións europeas, cuxo resultado é probable non vai modificar moito o escenario, aventuro que se continuará ensaiando o modelo en diversas ámbitos dos poderes públicos. Ten moita razón Fermín Bouza cando afirma que este modelo da Grosse Coalition é unha pésima idea, unha irregularidade histórica, un sintoma inequívoco da incapacidade do PSOE para abandonar o terreo enlamado na corrupción política e económica. Mágoa da falta de coraxe dos membros da súa dirección!

Onte 921: «Funambulistas» de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa

Lugo_22-03-2014_Praza_Maior

Viaxamos a Lugo (ía frío) para participar na reunión do xurado do Premio Ánxel Folle de narrativa convocado polo concello de Lugo. Marica Campo, Olga Novo e máis eu decidimos outorgar o premio, entre as sesenta e dúas obras participantes (si, 62), á ultima das presentadas, a identificada co número 62, Funambulistas (lema «Piñata«), que resultou ser de Mercedes Leobalde (@Brancasombra). Como sucedeu outras veces nas que participei nun xurado literario, lamento que ademais da gañadora non puidésemos ter premiado ademais un par de obras de excelencia e grande interese, coma nesta ocasión foron as presentadas cos lemas «Luca Pacioli» e «Jane Doe», para as que agardo a mellor fortuna.

Funambulistas, a gañadora, é un libro de vinte e cinco relatos, a maior parte deles moi breves, apenas un par de páxinas, algúns entremesturados, que finalmente acaba conformando unha novela sobre a fraxilidade contemporánea, na que todas as persoas dunha ou doutra maneira vivimos na corda frouxa, ao fío das consecuencias do inagardado ou do fortuíto. Escritos nunha prosa esencial, depuradísima, sintética, moi cálida e divertida (lembroume a de Carlos Casares), empregando unha diversidade de voces (con preferencia pola primeira) e de procedementos narrativos, Funambulistas denuncia un tempo de desigualdade e violencia cos humildes, sobre todo coas mulleres, mais no que é posible enxergar a esperanza e o inconformismo ganduxado cos fíos dun humor moi sutil e da proximidade do cotián. Relatos inesquecibles pola potencia da súa brevidade centraminada como «Negrón», «Tatoo» ou «Amencer», co que pecha o orixinal, combinánse con outros como «My sweet love», «Lúa contra o baleiro» ou «O Porsche e o caracol», onde se vai densificando o relato nas marxes do concepto de novela. Non é casual que nun dos relatos, «Declaración de amor do xadrecista», a voz narradora diga: «Porque todos somos funambulistas nesta vida, pero a vós me enfronto, case infecta, porque asumo que nalgún momento da partida, se esta paga a pena, a guerra a grande escala é inevitable». Unha frase de «espírito funambulista», case anticipatoria do sucedido onte en Madrid, onde millóns de persoas participaron na Marcha da Dignidade.

Tempo haberá para debullar devagariño esta marabilla que é Funambulistas, unha obra que aventuro terá unha gran acollida da crítica e dun lectorado interxeracional, que rematará emocionado e rendido a súa lectura. Ledicia, ademais, incrementada pola posibilidade que este premio supón de incorporar ao noso catálogo a unha nova narradora, Mercedes Leobalde, á que apenas coñeciamos polo Facebook, tras a publicación do seu primeiro libro de poemas, Chamádeme Eva, gañador no 2012 do VII Premio de poesía erótica Illas Sisargas, convocado polas edicións Caldeirón e o Concello de Malpica. Parabéns por este Funambulistas, que moito os merece.

Onte 246: Estranxeiros na súa terra

Ten moita razón Xabier DoCampo cando di que non damos abandonada a situación aquela da Penélope do chairego Xosé Díaz Castro: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea ds teus soños non se move». O día no que o concello de Lugo aprobou por unanimidade unha magnífica ordenanza de uso do galego, soubemos pola denuncia do Diario da Liberdade que os nosos dicionarios nun dos centros de El Corte Inglés da Coruña ocupan o espazo das «Lenguas extranjeras». A ordenanza lucense é un importante paso adiante, tanto por artellar un amplo espazo de consenso social arredor do emprego do galego, como polo que supón de modelo, sobre todo no que atinxe ao compromiso de contar cun Gabinete de Normalización Lingüística. Porén, a ubicación inadecuada dos nosos dicionarios no centro comercial coruñés, é un doloroso paso atrás, máis aínda cando sabemos que noutros centros galegos de ECI o libro galego, incluídos os dicionarios, recibe un tratamento profesional e, mesmo agarimeiro, por parte dos responsables e dos profesionais do departamento de Libraría. Indígname e magóame comprobar que o libro e a lingua galega sexan tratados como «estranxeiros na súa terra». Agardo que os responsables de ECI coruñés retifiquen na «Semana das Letras Galegas».