Cuestión de luces
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iluminación de Nadal que comeza a montarse en Vigo:
Cando o pasado sábado vin ao mediodía a montaxe do lucerío de Nadal na rúa Urzaiz, á altura do edificio da Peineta, un seis de outubro cunha temperatura de verán, non puiden evitar pensar na dificultade de explicarlle a todo o alumnado do noso colexio o anacronismo que supón comezar a vestir a cidade de Nadal cando aínda alborexa tímido o outono. Unha cuestión, a da remuda estacional, que sei é moi importante no pensamento daqueles que sospeitamos poidan padecer un TEA (Trastorno do Espectro Autista), aos que a pasada semana dedicaba nestas páxinas de Faro de Vigo o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas tres artigos para enmarcar. Colocar por toda a cidade o lucerío de Nadal antes de que se produza a mudanza horaria de inverno e se celebren as festas de Samaín e do Magosto, que anuncian a outonada, desorienta ás crianzas e, probablemente, tamén a algunhas persoas maiores, subordinando a cadencia natural das estacións aos requirimentos dunha suntuosa ornamentación luminosa dun Nadal que comercialmente se adianta cada ano unha semanas máis.
Sei que á empresa concesionaria faille falta tempo para inzar a cidade de postes e fíos (mesmo entre edificios protexidos ou árbores veteranas da praza de Compostela) dos que pendurar os nove millóns de lámpadas led anunciados no verán como un acontecemento sen parangón. Trinta leds por habitante, o que de existir unha táboa de marcas de lucerío colocaría a Vigo como un referente no mapa do Nadal internacional. Un músculo de luz sen precedentes, cun custe anual de instalación de 825.000 euros, capaz por si so de «petar os hoteis vigueses», en palabras da alcaldía, e de intimidar a outras capitais mundiais deste mapa (Londres, Tokyo, Nova York e París, incluídas) con tan asombrosa marca durante máis xornadas ca ningunha delas. Unha sobreiluminación que asegura o noso rexedor será vista desde o espazo, mais que para diversas sociedades astronómicas e defensoras do medio ambiente contribuirá a incrementar a contaminación lumínica e a deseducar á cidadanía no dispendio da luz artificial.
Debate aberto sobre a contaminación luminosa urbana –que luxa os ceos, impide ver as estrelas e afecta a todos os seres vivos (incluídos os ciclos circadianos dos humanos)– no que todas as posicións coinciden en considerar a luz artificial como un axente contaminante, aconsellando un seu uso mesurado e prudente. A pesar de non estar aínda presente como debera na nosa axenda pública e política, a defensa dos ceos nocturnos non contaminados, un patrimonio común de todos os seres humanos, constitúe unha responsabilidade ineludible dos poderes públicos, que deben promover políticas dun uso prudente da luz artificial, o que ademais, contribuiría a rebaixar a factura pública en iluminación (tres millóns de euros anuais no concello de Vigo) e emisións de CO2 que provocan o efecto invernadoiro. Prudencia no emprego da iluminación pública, patrón utilizado polas cidades nórdicas, a pesar de vivir máis horas de ocaso e temperaturas máis severas cas nosas, que debería constituír un patrón nunha cidade onde existen case vinte mil contratos de bono social eléctrico, noutros tantos fogares con pobreza enerxética.
O caso insólito de sobreiluminación do Nadal de Vigo, fóra da excentricidade que supón para a propia cidade expoñerse nos medios foráneos con semellantes novidades, expresa ademais as dificultades de facer de Vigo unha cidade educadora, como propón o pedagogo Francisco Tonucci, onde os nenos e as nenas sexan o mellor parámetro na planificación e xestión dos espazos e dos tempos, unha cidade inclusiva onde todas as persoas teñan cabida. Cidade que debería contar cunha potente programación pública das festas anuais, onde tanto o Entroido, os Maios e o San Xoán, o Samaín ou o Nadal, terían o peso que lles corresponde na nosa tradición cultural. Contexto no que sería posible ofrecer unha iluminación prudente, mesurada e orixinal enfeitando os mercadiños de Nadal, tanto o de Príncipe como o de cada un dos barrios, ao xeito do que acontece na maioría das cidades europeas. Como tamén sería posible mellorar a programación municipal desas semanas de Nadal para as crianzas con máis encontros cos magos e con máis concertos e festas. Como tamén o sería celebrar a entrada do novo ano orgullosos dos nosos Ranchos de Reis, tan xenuínos no entorno metropolitano do noso Val do Fragoso, facilitando os seus desfiles polas rúas viguesas e o seu emocionante encontro no IFEVI.
Defendo que Vigo é ideal para ensaiar o proxecto dunha cidade acolledora, concibida a medida das crianzas, que é o mesmo que dicir unha cidade onde todos entendan o tempo ao seu tempo, onde reciban o que precisan. Xaora, non nos enganemos, a maxia do Nadal está en que a ninguén lle falte no seu fogar a luz da estrela dos afectos.