Onte 2120: «Non pare a festa» para celebrar o Entroido
Non pare a festa from Xerais on Vimeo.
O editor Ramón D. Veiga e o ilustrador David Sierra tiran do fío do novelo que deixaron co álbum É tempo de entroido (Xerais 2018) para convocar nas páxinas de Non pare a festa (Xerais 2021) a outro grupo de máscaras do Entroido popular galego, na súa maior parte da provincia de Ourense: os boteiros de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña; a gárgola de Celanova; o vellarrón de Riós; a mázcara da Xironda en Cualedro; os charrelos da Veiga; os chocalleiros de Vilardevós; os follateiros de Lobios; os felos de Esgos e Boborás… Un libro documental que recupera a imaxe destas máscaras armadas todas elas con instrumentos músicais e outros útiles para montar troula. Álbum de moi xeitosa fasquía gráfica, na que o ourensán David Sierra co seu trazo inconfundible crea unha espectacular iconográfica entroideira chamada a alfabetizar neste eido da nosa cultura popular ás xeracións galegas do século XXI.
E se isto xa non abondase, Non pare a festa conta cunha canción propia e booktrailer gravados por Os Amigos dos Músicos que puxeron música aos versos tan enxeñosos e ben fiados cos que Ramón D. Veiga convoca a tan estrondosa comitiva. É tempo de entroido e Non pare a festa son dous álbums que non poden faltar en biblioteca escolar ningunha, un recurso informativo imprescindible neste inverno no que as máscaras por desgraza desfilarán só nas pantallas e nestas páxinas de festa. Recoméndoos vivamente e parabenizo aos autores e músicos por tan excelente desempeño.