Listado de la etiqueta: chema_figueroa

A reforma de Balaídos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os criterios que entendo deben respectarse na reforma integral do estadio de Balaídos.

novobalaidosgrande

O anuncio da reforma integral do estadio municipal de Balaídos, tras o acordo entre o concello de Vigo e a deputación de Pontevedra para entre as dúas entidades achegar a partes iguais os dous terzos dun orzamento dunha obra de case trinta millóns de euros, merece ser comentado. Unha reforma necesaria para renovar unhas instalacións envellecidas, e nalgúns casos perigosas, utilizadas por milleiros de persoas para as que cómpre garantir a súa seguridade e maior comodidade.

Sei que neste tempo fraco para as arcas públicas, onde tanto se resinten os servizo sociais básicos, non vai ser doado xustificar o gran esforzo económico que ambas as dúas administracións locais anuncian para os dous ou tres próximos exercicios (arredor de dez millóns de euros cada unha) na reforma dunha instalación municipal utilizada por unha empresa privada. No entanto, sei que será defendido polos seus promotores pola importancia do Celta como expresión dun sentimento compartido de forma unánime pola cidadanía, mais tamén pola súa capacidade de xerar actividade noutros sectores económicos. Argumentos pouco cuestionables xa que todos os equipos históricos de fútbol son máis ca un club, expresións de identidades locais e nacionais. E como tal, o Celta non é só unha institución deportiva nonaxenaria, é tamén o mascarón de proa de Vigo, o seu primeiro embaixador internacional, o vínculo sentimental para os milleiros vigueses e viguesas da diáspora.

Mais como non somos inocentes, non e difícil identificar que o anuncio desta reforma de Balaídos forma parte do espírito de gran coalición que motivou o acordo orzamentario asinado por PSOE e PP no concello de Vigo, xusto cando entramos nun período preelectoral no que Abel Caballero e (previsiblemente) José Manuel Figueroa competirán pola alcaldía viguesa. Tras a denuncia xudicial, presentada polo secretario local do PSdeG-PSOE de Pontevedra, sobre o sobrecusto das obras da reforma do estadio de Pasarón (valoradas en 7,2 millóns de euros, mais que tras tres modificacións superaron os 17 millóns), froito tamén dun convenio entre Deputación e concello de Pontevedra, semella que os dous socios vigueses pretenden con este convenio blindar a reforma de Balaídos dos litixios da campaña.

Xaora, é moito menos entendible no marco dun convenio, do que se descoñece a súa redacción e no que se anuncia está prevista, mais aínda non comprometida, a participación doutras administracións públicas (Xunta, Consello Superior de Deportes e Zona Franca), a achega pecuniaria do Real Club Celta de Vigo S.A.D., apenas 2,2 millóns de euros, menos do 10 % do orzamentado. Unha achega moi cativa para a beneficiaria directa da actuación que recibiría unha valiosa axuda indirecta que para así quixeran nun momento crítico outras sociedades culturais e deportivas emblemáticas (como o Náutico ou o Mercantil) e mesmo outras empresas tamén estratéxicas para a economía e o emprego na área metropolitana e para a conformación do tecido civil da sociedade viguesa. Por moito que sintamos como propias ás cores celestes, debemos recoñecer que hoxe o Real Club Celta de Vigo, como sociedade anónima deportiva participante nas competicións da Liga Española de Fútbol Profesional, ten un valor económico non desprezable no mercado global do fútbol, onde se moven moitos intereses e millóns de euros, dos que son só beneficiarios e responsables os seus accionistas. É imprescindible, pois, coñecer as condicións e contraprestacións da participación do Celta neste tan custoso proxecto.

Ademais do reparto das achegas e responsabilidades, entre as administracións públicas e o club, non é cuestión menor para a cidade coñecer o impacto urbanístico que esta reforma do estadio terá sobre o barrio de Balaídos e sobre as instalacións industriais da Zona Franca. Máis alá da muda de pel do estadio e da prevista construción de novas gradas nos fondos, é imprescindible solucionar a cuestión do aparcamento que hoxe estrangula o acceso ao recinto deportivo e incomoda a veciñanza nos días de partido. Como tamén o é contemplar a necesidade de remodelación das pistas de atletismo, hoxe moi deterioradas, e dos espazos de uso público, valorar o impacto da actuación sobre o funcionamento de Citröen e a renovación das infraestruturas que eviten novas inundacións do Lagares.

A reforma integral do estadio municipal de Balaídos é necesaria mais non pode facerse a calquera prezo. Require un proxecto integral de actuación arquitectónica e urbanística moito máis preciso que as maquetas presentadas até agora na prensa. Como tamén pechar unha memoria económica na que apareza unha valoración detallada dos custes das obras e do seu financiamento, onde as diferentes achegas sexan redistribuídas de forma equitativa entre os participantes.

Onte 968: Grosse Coalition

vigo-capital

Tras o acordo orzamentario de Caballero e Figueroa en Vigo, hai indicios de que o PSOE e o PP poden repetilo no concello de Lugo. Sería outro froito do modelo da Gran Coalición, acuñado por Merkel en Alemaña, na que o partido socialdemócrata abaixa os brazos diante do conservadorismo liberal, que ameaza con expandirse en España como a mellor saída defensiva dos partidos sistémicos no entorno da crise de devaluación interna e de empobrecemento xeralizado.Tras as eleccións europeas, cuxo resultado é probable non vai modificar moito o escenario, aventuro que se continuará ensaiando o modelo en diversas ámbitos dos poderes públicos. Ten moita razón Fermín Bouza cando afirma que este modelo da Grosse Coalition é unha pésima idea, unha irregularidade histórica, un sintoma inequívoco da incapacidade do PSOE para abandonar o terreo enlamado na corrupción política e económica. Mágoa da falta de coraxe dos membros da súa dirección!

Outro «gran pacto»

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre o pacto orzamentario de Vigo e propoño un pacto pola reforma territorial e administrativa en clave galega.

4_obraMáis alá dos réditos electorais que para os seus protagonistas supoña o pacto orzamentario entre Abel Caballero e Chema Figueroa, os líderes dos partidos sistémicos en Vigo, a primeira consecuencia para os intereses xerais debería ser o remate da marxinación que as administracións gobernadas polo Partido Popular, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, levan mantendo con Vigo e coas institucións viguesas desque Corina Porro perdeu a alcaldía. O que alguén chamou “gran pacto” entre PSOE e PP debería abrir un proceso de normalización institucional para recuperar a equidade destas administracións coa cidadanía viguesa. Trataríase apenas de que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra desenvolvesen no concello de Vigo actuacións, axudas económicas ou programas semellantes aos que veñen acometendo noutras cidades e vilas no terreo das obras básicas, na promoción turística ou no mantemento de entidades culturais e instalacións deportivas, por só citar algúns eidos nos que Vigo foi excluído adoito por elas. Non haberá credibilidade para este “gran pacto” sen recoñecer esta importante débeda.

Unha normalización institucional que non abondará, se despois non se recupera no Parlamento de Galicia o debate sobre o proxecto do planeamento estratéxico da Galicia urbana e sobre a reforma territorial do país, tantas e tantas veces adiado polo Partido Popular, no que Vigo e a súa área metropolitana son trabe de ouro. E as cousas na cuestión territorial galega requiren ser reconducidas decontado. Xaora, é absurdo reclamar que Fomento continúe cementando o mar no porto de exterior da Coruña, onde leva enterrado millóns de euros. Outrosí sucede coa intención de manter coa respiración asistida das subvencións tres aeroportos internacionais en claro devalo de viaxeiros, incomunicados entre eles, iso si, con tres terminais e grandes aparcamentos do trinque. Por non falar do carísimo mantemento do edificio-escultura da Cidade da Cultura ou dos recintos feriais e palacios de congresos sen eventos ou cunha programación fraca ou na ducia de parques empresariais abertos aquí e acolá sen apenas actividade. A Galicia do século XXI non pode continuar con esta deriva de ineficiencia institucional que a prezo de ouro paga a súa cidadanía.

Urxe acometer unha profunda reforma territorial en clave galega, que debería redeseñar tanto as administracións locais como reordenar no horizonte do ano 2050 as infraestruturas básicas, dende portos e aeroportos, pasando pola mobilidade interurbana de persoas e mercadorías por estrada e ferrocarril, até os servizos educativos e culturais públicos da sociedade dixital. Unha reforma deseñada en clave inequivocamente galega, na que todas as forzas políticas e sociais están chamadas a contribuír, capaz de rematar con doenzas tan graves como o localismo, o clientelismo e a corrupción, arrastradas ao longo de todo o período autonómico pola administración municipal, e que debería supoñer, tras a inevitable desaparición das deputacións, o deseño dun novo mapa local e dunha rede de novos concellos e áreas metropolitanas.

Neste modelo é onde Vigo ten a súa mellor oportunidade para liderar a Galicia urbana do XXI e resolver algúns dos seus problemas actuais. Poderíase aí deseñar con racionalidade e serenidade territorial o mapa aeroportuario galego, tendo en conta que coa finalización do AVE da Meseta diminuirá o número de usuarios do avión con Madrid, o que supoñerá a inevitable especialización de traxectos e tráficos aéreos. Un novo escenario que aconsellaría se contemplase a unión por ferrocarril de velocidade alta das tres terminais, o que facilitaría a súa interconexión en menos dunha hora, facéndoas máis competitivas con respecto á portuense de Sa Carneiro. Outrosí debería suceder coa posibilidade de interconectar por ferrocarril o porto nodal de Vigo, inserido por fin na rede da fachada atlántica europea, co aeroporto de Peinador, probablemente especializado no transporte internacional de mercadorías frescas e compoñentes das industrias aeroespacial, naval e do automóbil, sectores da nosa industria metropolitana actual. Un proxecto urbano que require o recoñecemento administrativo e político da Área Metropolitana de Vigo, capaz de ofrecer á cidadanía os servizos integrados de transporte público, recollida e tratamento de residuos, abastecemento e saneamento de augas, seguridade, bombeiros ou promoción turística e cultural, entre outros.

Non teño dúbida que esoutro “gran pacto” sería que os partidos sistémicos e os partidos do nacionalismo e da esquerda asumisen esta viraxe estratéxica territorial abandonando o vello localismo polo novo metropolitanismo cívico en clave de país. Pagaría a pena intentalo.

O sorpasso de Caballero

No artigo da semana en Faro de Vigo analiza a situación política en Vigo.

Nas últimas semanas producíronse mudanzas profundas na política municipal viguesa. Tras case sete anos na Alcaldía, no terceiro ano do seu segundo mandato Abel Caballero decidiu mover peza e abandonar ao BNG como o seu socio estratéxico para aprobar o orzamento de 2014, ao tempo que avanzaba a un ritmo sorprendente esta negociación presupostaria co grupo municipal do Partido Popular, co que nunca mantivera colaboración deste carácter. Semella que esta mudanza de socios procurada polo alcalde ten que ver con outras noticias tan recentes e relevantes para a cidade como o anunciado desbloqueo por parte da Xerencia de Urbanismo dalgunha das pezas máis difíciles do Plan Xeral, en especial a do Barrio do Cura, pendente só da aprobación de Patrimonio da Xunta e do pleno da corporación, e a do edificio do colexio Cluny na Gran Vía, que podería ser derrubado para construír un xeriátrico privado; ou tamén coas expectativas abertas sobre outras pezas máis grandes do planeamento como a de Liñeiriños e o seu contestado proxecto de centro comercial e de lecer rexional de Porto Cabral. Mudanza de socios que se fai aínda máis evidente coa dispoñibilidade da Alcaldía de negociar coa Xunta de Galicia as achegas do concello de Vigo ao plan de transporte metropolitano, ás acometidas do hospital de Valadares ou a cesión dos terreos para a Cidade da Xustiza, tres temas que, xunto á política aeroportuaria e a fusión das caixas, durante anos constituíron o casus belli das relacións entre Caballero e Feijoo.

Enmarcado teoricamente na cultura da “Gran coalición”, alicerzada no entorno da crise europea, o modelo de gobernabilidade acuñado por Angela Merkel, no que colaboran os dous partidos sistémicos, o conservador neoliberal e o socialdemócrata, o acordo orzamentario que en Vigo pretende acadar Abel Caballero co Partido Popular ten a intención de entrar pola porta grande do até agora entorno prohibido do electorado conservador; como xa conseguira durante varios mandatos Francisco Vázquez na Coruña con doses inxentes de coruñesismo conservador. Un acordo orzamentario que tamén beneficiaría ao equipo municipal de Chema Figueroa, cuestionado polos responsables composteláns da súa formación que con escaso disimulo filtraron estes días o nome de Javier Guerra como probable candidato popular á primeira cadeira da casa do concello. Un acordo, ademais, que constituiría un precedente para abandonar o modelo que durante as tres últimas décadas, desde o acordo orzamentario que en 1987 asinaron Manuel Soto e Camilo Nogueira, mantiveron en Vigo socialistas e nacionalistas de esquerda. Fórmula utilizada dende entón noutras cidades galegas, con acordos orzamentarios dentro ou fóra do goberno municipal, como na actualidade sucede en Ourense, Lugo e Pontevedra, que impide gobernar nelas aos conservadores, a pesar de ser nalgún caso o grupo máis votado.

No entanto, creo que a razón principal da nova estratexia de Abel Caballero está en acadar nas eleccións municipais da primavera de 2015 o “sorpasso” con respecto ao Partido Popular, convertendo ao PSdeG-PSOE na forza máis votada en Vigo. Descartado o escenario dunha maioría absoluta, semella que a próxima será unha corporación máis fragmentada ca actual, na que poderían participar até cinco ou quizais seis grupos políticos, os tres existentes na actualidade, máis AGE, sen descartar a UPyD, Compromiso por Galicia ou algunha candidatura cidadá de novo cuño. E diante de semellante panorama, onde non será doado artellar maiorías, a alcaldía corresponderá a forza máis votada. De aí a importancia para Caballero de consolidar agora o seu proxecto de alcaldía transversal, capaz de seducir como as súas humanizacións a todos os sectores sociais e barrios. Máis aínda cando conta coa vantaxe engadida de que os seus rivais (socios) do PP non teñen unha candidatura clara e a oposición nacionalista e de esquerda, previsiblemente, quedará moi fragmentada e sen liderados consolidados.

Neste entorno municipal con claros tintes pre-electorais haberá que atender aos conflitos institucionais e veciñais abertos, algúns arrastrados de mandatos anteriores. Entre eles, e non o de menor importancia, o da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, a principal carta coa que conta Núñez Feijoo (ademais da apertura do hospital de Valadares), á que Caballero non poderá poñerlle moito a proa. Outrosí sucede con cuestións, en aparencia menores, mais significativas para a política social e cultural, como do servizo Sereos de axuda a persoas en risco de exclusión ou a construción da Biblioteca Pública do Estado e doutras infraestruturas culturais, que a alcaldía de Caballero non soubo solucionar até o momento. Queda un ano electoral por diante que aventuro moi movido.