Onte 662: «Inmaterias» de Suso de Toro
Outro serán excelente na Feira do Libro de Vigo. Unha marabilla! Moito público nas asinaturas de Agustín Fernández Paz e Xabier Paz e nas presentacións de Cartas de inverno, a novela gráfica de Antonio Seijas, e Inmateriais, o novo libro de Suso de Toro.
Moi interesante foi a intervención de Suso de Toro na presentación de Inmateriais. Comezou cualificando o libro como «un acto político». «Inmateriais leva dentro un argumento político, presento o meu país como me sae de dentro. Non pretende ser un libro de investigación. Son trinta narracións, trinta vidas». Explicou despois a xénese máis profunda do libro. «Tras trinta anos como autor dinme conta que un se fai dono da súa vida cando se fai relato. A vida vivida con profundidade pode ser relato. Só cando tes a vagar e o acougo, a posibilidade de verte dende fóra e, ademais, o podes contar, que é o traballo do escritor, pode comprenderse verdaeiramente o destino da vida. A vida é un conto. A literatura é unha forma de estar na vida».
Referiuse despois a súa condición como autor. «Quen son eu? Un rapaz ao que os seus avos maternos dicían “o ghalleghista”. Tiven e teño unha querenza por enlazar coa vida dos meus avós campesiños, mais tamén coa música dos Tamara, dos Beatles ou dos Rolling Stones. Quixen enlazar cos meus avós e co meu tempo. Coñecín o mundo do silencio, tamén despois o da radio e o da televisión. Foi unha viaxe rápida dende o mundo oral ao actual dixital dos medios de comunicación. Mais tamén fun un neno fantasioso e soñador. Fun un adolescente militante, a miña primeira cita clandestina foi no 72, son fillo do 72, daqueles conflitos de Ferrol, onde mataron a dous obreiros, de Santiago, onde morreu un estudante, das folgas de Vigo daquel ano. Foi toda esa memoria a que me fundou. Deixei a vocación artística de lado. Dende entón partellei a vocación literaria coa da acción social, sempre dende o compromiso co meu pais. Teño sido sindicalista agario e obrero. Teño traballados en moitos oficios. Teño servido moitos viños e cafés. Iso formoume. Con todo iso escribín este libro no que busquei o sentido de cada unha destas vidas. Ningunha delas é unha biografía exhaustiva, a pesar de que me documentei até que comprendín a razón de cada unha delas. Fixen o esforzo de comprendelas a cada unha delas. Intentei identificar o dilema de cada unha destas figuras, que participaron na construción do país».
Rematou o seu discurso Suso de Toro facendo referencias a algúns dos retratos do libro, dende a polémica entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, a inclusión de figuras como Torrente Ballester ou Maruja Mallo, a súa devoción por Xelmírez («o verdadeiro fundador político do reino de Galicia»), ou a súa admiración por Antolín Faraldo («o fundador da Galicia moderna, o artífice da revolusión de 1846»).