Onte 1885: «Estiu 1993» de Carla Simón
Na primeira escena de Estiu 1993, a opera prima de Carla Simón, un rapaz pregúntalle a Frida, a protagonista, «e ti por que non estás chorando?», cando tras o pasamento da súa nai, vítima da SIDA como o pai, abandona a casa de Barcelona camiño da masía da Garrotxa onde se instalará cos seus tíos. Unha escena esencial que anticipa o que será esta película autobiográfica de beleza brutal, que pretende explicar a unha nena de seis anos en que consiste a morte. Relatada dende os ollos magnéticos de Frida (é inevitable lembrar a ollada daquela Ana Torrent de El espíritu de la colmena de Víctor Erice), Carla Simón propón ao espectador que colabore na reconstrución do mundo de Frida, a quen se lle moveron todo os seus referentes, tanto dos espazos como dos afectos. Estiu 1993 é unha narración naturalista, cuxo guión está máis alicerzado sobre as emocións que sobre os acontecementos, onde os intérpretes, tanto as dúas nenas (xeniais!) como os maiores, semella esqueceron estar diante da cámara.
A espontaneidade interpretativa e o respecto polo pensamento sincrético infantil (hai escenas memorables entre as nenas que o representan, como o xogo de nai e filla ou cando Anna se perde na fraga) contribúen a afondar nas cuestións complexas do duelo na infancia, no carácter integrador da familia ou en cales son os límites dunha confesión autobiográfica como a que propón a xove directora catalá. O desenlace soberbio e brutal, como certas saudades noventeiras na ambientación, fan de Estiu 1993 unha película conmovedora e honesta. Do máis interesante que teño visto no cine recentemente.