Artigos

Onte 1355: «Teoría cuasi transcendental da velocidade»

premio_losada_13-06-2015

Non vai ser doado esquecer o que sucedeu onte no Pazo de Moldes, minutos antes que Ana Acuña e Diego Ameixeiras recibisen o Premio Losada Diéquez 2015 de creación e investigación. Avelino Muleiro, catedrático de Filosofía e director do Instituto de Estudos Carballineses, que actuou como presentador e mantedor literario, sufriu un desvanecemento xusto cando rematou o seu discurso. Durante un longuísimo cuarto de hora foi atendido por dous médicos, o doutor Cipriano Caamaño, o alcalde Boborás que copresidía o acto xunto con Francisco Fumega, o seu colega de Carballiño, ambos os dous nomeados unha hora antes, e o doutor Chema Ferreiro, concelleiro do concello organizador, que unha vez recuperado dixeron que Muleiro sufrira unha lipotimia froito da calor e do esforzo da situación.

E abofé que o discurso de Avelino sobre »Antón Losada Diéguez filósofo» fora tan sorprendente e memorable coma inusualmente longo para un acto de carácter non académico. Nun texto lido con enerxía e paixón, Muleiro afirmou que «a filosofía foi cerne do resto dos quefaceres de Losada, a raíz sobre a que alicerzou o seu pensamento galeguista». Xaora, o miolo do discurso foi a análise dun dos ensaios fulcrais do filósofo de Moldes, a Teoría cuasi transcendental da velocidade, inserida na súa concepción realista da filosofía, con afinidades co pensamento de Bergson sobre a idea de duración e coa teoría da substancia de Spinoza. Muleiro non perdeu oportunidade de cualificar Conduce rápido, a novela premiada de Ameixeiras, como metáfora da Teoría cuasi transcental da velocidade de Losada: «a velocidade está unida inexorablemente co poder físico e co económico. Hoxe como sinala  Zygmunt Bauman, a pirámide do poder está baseada tamén na velocidade.»

Tras semellante sobresalto, Diego Ameixeiras e Ana Acuña, cando finalmente recibiron cadanseu premio, expresaron con brevidade e elegancia a súa gratitude emocionada. Dificilmente, ambos os dous, coma o medio cento de persoas que acudimos ao Pazo de Moldes, esqueceremos o discurso excepcional de Avelino Muleiro sobre Losada e a velocidade.

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

Onte 813: Madiba

Souben do pasamento de Nelson Mandela escoitando a radio mentres regresaba do Carballiño da presentación do libro de Bautista Álvarez. A noticia impactoume. Desque lin no pasado verán a súa autobiografía, un dos textos de prosa memorialísticas máis detallados e engaiolantes nos que me teño mergullado, quedei impactado pola quentura e, sobre todo, pola credibilidade da súa voz. Desque saíu da súa aldea de Qunu até converterse en líder do pobo africano e referente mundial de coherencia e dignidade,  Madiba, o nome do seu clan da nación xhosa, fixo da súa vida relato. Nas seiscentas páxinas da autobiografía emerxe aquí e acolá o papel esencial que concede á educación («a arma máis poderosa que podemos usar para mudar o mundo»), a carón da súa case obsesiva apelación ao compromiso individual na construción de proxectos colectivos. Aquí aparece tamén o home comprometido coa paz, coa xustiza e coa igualdade de todos os seres humanos («debemos promover a coraxe onde hai medo, promover o acordo onde existe conflito e inspirar a esperanza onde hai desesperación»). Páxinas de inequívoca intencionalidade política, nas que Mandela aposta pola non violencia, «que busca o triunfo a través da conversión», como principal estratexia da súa loita. Convicción que, cando pasou á clandestinidade en 1961, non lle impediu asumir a sabotaxe e a loita armada como vía de actuación política («non pode un enfrontarse a unha besta salvaxe coas mans espidas»), nunha das decisións máis controvertidas da súa vida, que pola súa transcendencia non debe ser agochada. Con todo, será nas páxinas do relato estremecedor de case tres décadas no cárcere onde comprendamos como Madiba forxou o seu carácter acolledor e a súa capacidade inclusiva gabada agora de forma tan unánime. A súa grande manda testamentaria radica na súa confianza nas posibilidades de transformación da sociedade e na bondade intrínseca de cada un dos seres humanos («ninguén nace odiando a outras persoas pola cor da súa pel, a súa procedencia ou a súa relixión»). «Ser libre non é simplemente desprenderse das cadeas, senón vivir dun xeito que respecte e aumente a liberdade dos demais.» Madiba deitou doses abondas de dignidade e esperanza.