Artigos

Onte 1709: Tras o Brexit

Tras o Brexit non é difícil afirmar que as mentiras fan hoxe a historia. Da existencia das armas de destrución masiva, que no cumio dos Azores avalaron a invasión do Iraq e o aniquilamento do réxime de Sadam Hussein, ninguén acredita hoxe, nin sequera algúns dos seus protagonistas. Como sabemos que tampouco son certos, algúns dos reclamos utilizados polos defensores do Brexit, que onte derrubou os mercados. Máis alá da previsibilidade das interpretacións sobre o Brexit, desacouga que o debate político sexa tan pouco rigoroso e veraz. Abonda con ler textos como os que publicaba onte Owen Jones en The Guardian para comprender a complexidade social e política agochada tras o resultado do referendum, moi arraizado sobre a situación de profunda desigualdade no RU. Non son adiviño, mais non é difícil aventurar que despois do Brexit veñen en Europa tempos apaixonantes de oportunidade, incerteza e ansiedade. Agardo que Galicia non perda este novo tren da historia.

Onte 1708: Brexit

BrexitO Brexit expresa o fracaso do proxecto europeo como comunidade política, incrementado dende o inicio da crise financeira tanto polo aumento da desigualdade e da xenofobia como polo retroceso dos dereitos sociais e cívicos da cidadanía. Tras a decisión do Reino Unido ábrese un debate ineludible sobre o futuro do soño europeo, tanto polas posibilidades de cohesión que abre liberarse do lastre do nacionalismo inglés, como polos perigos de desintegración efectiva da UE, se os partidos da ultradereita chegan a encabezar algún dos gobernos. Xaora, é innegable que o Brexit abre a axenda para a reunificación de Irlanda e para a celebración dun novo referendum para Escocia (onde gañou a continuidade do proxecto europeo), mais que tamén suporá unha nova política de inmigración, creando incertezas e medos para os milleiros de compatriotas que traballan e viven no Reino Unido como cidadáns da UE. Tras o previsible tsunami de medo, o Brexit abre apenas unha nova etapa da crise aberta por Lehman Brothers en 2008.