Día das bibliotecas
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día internacional da biblioteca e a situación da rede de bibliotecas municipais de Vigo
O pasado sábado celebrouse o Día Internacional da Biblioteca destacando o papel decisivo que xogan estas institucións culturais e educativas especializadas en lectura ofrecendo acceso libre á información, á cultura, ao coñecemento e ao lecer en calquera lugar e circunstancia. Unha efeméride conmemorada dende 1997, a proposta da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura e polas diversas CC.AA., en lembranza do incendio e posterior destrución da Biblioteca Nacional Bosnia de Saraievo en 1992, tras un ataque das milicias serbias con proxectís de fósforo destruíndo dous millóns de libros, incluídos máis de 700 manuscritos e incunables e 150.000 rarezas bibliográficas e tesouros da cultura bosníaca.
Celebrada en todo tipo de bibliotecas (públicas, escolares, privadas e especializadas), este día pretende salientar a importancia da biblioteca como espazo de encontro de lectores e lectoras de todas as idades coa cultura e coa información, sexa cos textos (libros, xornais ou revistas) publicados en soportes impresos ou accesos dixitais, fose con contidos musicais, audiovisuais ou xogos interactivos, ademais dun instrumento de mellora e formación da convivencia humana.
Día das bibliotecas nas que a pesar das restricións obrigadas pola etiqueta sanitaria do Covid-19 centos de bibliotecas escolares abriron en Galicia as súas portas, nunha emocionante mobilización lectora sen precedentes que na actual contorna da pandemia enche os depósitos de esperanza dos que cremos na lectura como panca de cidadanía.
Como tamén serviu a xornada, no actual contexto de hibridación da lectura, no que o libro impreso comeza a compartir o seu protagonismo cos accesos dixitais, para reabrir o debate sobre o futuro das bibliotecas públicas e súa necesidade de reinventarse nos cinco continentes como células culturais básicas que atraen milleiros de usuarias sexa pola súa arquitectura singular como por deseñarse como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e mocidade, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros posibles servizos.
Mágoa que en Vigo, a pesar de ser a capital editorial de Galicia e unha das cidades do estado máis destacadas na edición de libros, a celebración do día das bibliotecas obrigue a lembrar as cifras que representan a anemia bibliotecaria que a cidade padece dende hai tres décadas. Vigo continúa sendo a cidade galega pechacancelas no que atinxe ao seu número de libros en bibliotecas públicas en relación ao seu censo de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño, moi lonxe dos 2,54 da Coruña e 2,60 de Pontevedra); como conta só con dúas bibliotecas públicas (a Juan Compañel da Xunta de Galicia e a Xosé Neira Vilas de titularidade municipal), unha dotación moi insuficiente fronte á tupida rede dunha ducia de centros cos que conta a cidade da Coruña, dez deles sostidos polo concello herculino.
Vigo necesita máis libros e máis bibliotecas que faciliten o encontro da veciñanza e o acceso á información e á cultura nos diversos formatos. Vigo precisa tecer a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables desta anemia bibliotecaria. Un proxecto que, en primeiro lugar, pasa por abandonar o disparatado modelo municipal actual das salas de lectura, «bibliotecas sen libros e sen persoal bibliotecario», como as abertas no edificio do auditorio Mar de Vigo, en Bouzas e Navia, adoptando con carácter xeral, xa dende a prevista para Teis, o modelo dinamizador da moi exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.
Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade aberta para facer efectivo o compromiso do Goberno de España de construír a devecida Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración de arquitectura singular, concibida como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro. Agardemos que a posibilidade de recuperar o proxecto das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.