Listado de la etiqueta: barede_pranca

Onte 2039: Presentación de «Sementeira. Porträts» na Feira do Libro da Coruña

Magnífico serán literario o de onte na Feira do Libro da Coruña, onde convocados por Luzes, participamos na presentación da edición alemá d’ Os libros arden mal, que fixo o coruñés Javier Gómez Montero, catedrático da Universidade de Kiel, e do libro Sementeira. Porträts de Manuel Álvarez e Manuel Rivas. A carpa Luisa Villalta quedou moi pequena para abrigar dos ballóns a máis dun cento de persoas que seguiron un acto conducido con grande mestría por Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, que salientou o carácter emigrante da revista e o seu compromiso coa diáspora «xa que este é o noso xeito de estar no mundo».

Un serán no que tiven a honra de presentar Sementeira Porträts, o libro marabilla froito do traballo colaborativo dos meus admirados Manolos, Álvarez e Rivas, unha arca de papel impreso na que recolleron 42 retratos do fotógrafo e editor emigrante e outros tantos haikus e aforismos do poeta da torre. Un libro agarimado até o máis mínimo detalle por Álvarez, responsable do selo barede pranca, nacido da pulsión irresistible de dignidade e activismo cultural galeguista que dende hai case catro décadas mantén a Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, presidida polo carballés Ramón Carreira Collazo. Unha pulsión e un entusiasmo contaxioso que compartimos todas as persoas que tivemos a fortuna de ser convidados por eles a algunha das súas actividades, presente na fascinación que provocan os rostros e nas mans das persoas fotografadas por Manuel Álvarez.

Na intervención lembrei como coñecín a Manuel Álvarez en 2001 cando me propuxo a edición en Xerais do libro Gameleiros, no que recollera 27 fotografías, retratos, doutros tantos mariñeiros de baixura, gameleiros da súa Guarda natal, en diálogo cos textos poéticos de Miro Villar. Unha homenaxe a forza humana do mar de Galicia, que levamos ás librarías no mes de decembro de 2002, cando se loitaban nos portos galegos contra o chapappote do Prestige, unha coincidencia fortuíta que marcaría a recepeción daquela obra. Coa edición extraordinaria de Gameleiros, un dos libros dos que me sinto máis orgullos de ter publicado, coñecín ao Manuel Álvarez retratista excepcional, cazador de olladas e xestualidades que expresan almas colectivas. Coñecín daquela ao editor coidadoso, teimudo, esixente no traballo gráfico, de impresión e acabamento, realizado baixo a súa supervisión nun prelo artesanal suízo.

Hoxe felizmente xubilado como funcionario de ACNUR en Xenebra, con casa aberta en Salcidos, na paisaxe de privilexio do esteiro do Miño, non podemos esquecer que Manuel Álvarez foi animador e activista da Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra. Amigou e colaborou con José Ángel Valente, cuxa pegada poética e rigor está presente en todos os seus traballos fotográficos, consciente como o autor de Cantigas de alén de que na palabra reside a raíz de toda a creación. Velaí na súa convicción de que «unha palabra vale máis que mil imaxes» a razón pola que convidou a Manuel Rivas, coa mediación de Pereiro e Carreira, a que imprimise palabras aos rostros e á corporeidade destas 42 persoas de Sementeira. Un proxecto que Manuel Rivas asumiu co reto de estilizar a súa poética e esculcar nas olladas e nos rostros até o esencial, sen coñecer entón nin os nomes nin as vidas de cada unha delas.

Utilizando os recursos dunha poesía de natureza insurxente, como xa fixera n’ A boca da terra (Xerais, 2015) empregando a forma do haiku e a potencia condensadora do aforismo, Rivas retrata a dignidade e a presenza emigrante, conseguindo un texto extraordinario, probablemente un dos seus traballos máis logrados e luminosos. Apenas tres versos abonda para trazar un retrato poético minimalista e certeiro, para identificar a memoria do traballo na xeografía do corpo: Carmen, a man sincera. Queijo, o primeiro movemento é o abrazo. Ramona, o ver do querer. Tania, alborada. Reyes, coser as sombras. Natalia, o campo da festa nas cunca das mans. Ricardo, a memoria das mans. Herminda, aquén do alén… e así poderiamos seguir debullando un texto brillante capaz de agarimar os vagalumes que bulen, que esculca na perda que estrelampa a esperanza. Tremendo, brillante!

Rematei as miñas palabras facendo referencia á páxina de créditos, onde Manuel Álvarez publicou os agradecementos e os datos técnicos, expresión do seu modelo de edición artesá. Salientei a utilización da tipografía Cormorant Garamond e dun colofón no que coincide a aparición do libro co setenta e cinco aniversario da primeira edición de Sempre en Galiza en Bos Aires, serendipia afortunada para expresar a dignidade da emigración como parte esencial da identidade galega. Sementeira. Porträts é un libro arca e marabilla, unha desas pezas extraordinarias da edición galega realizada fóra do país, que gañarán valor co paso dos anos.