Onte 1501: «Marcas» de Xavier Navaza
Presentamos onte en Couceiro de Compostela, acompañados de Manuel Outeiriño, o ensaio do xornalista Xavier Navaza Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación. Especializado durante moitos anos na reportaxe, o xénero matriz do xornalismo inconformista, e na crónica política, nas duascentas cincuenta páxinas de Marcas ofrece unha longa e detalladísima reportaxe do que sucedeu no mundo dende 2008, ese tempo que de forma eufemística chamaron «crise económica» e que o autor bautiza como «era da simulación». Artellado en seis capítulos e un preámbulo, que funciona como resume, cun estilo vibrante, onde se enfían informacións diversas, Navaza realiza un retrato demoledor desta era caracterizada polo control reconstrúe o mosaico deste tempo no que os grupos financeiros pasaron a tomar o control a través das axencias de cualificación e empresas de auditoría estadounidenses, da utilización das marcas comerciais e da colonización dos medios de comunicación e do mundo da cultura e da política transformado en espectáculo.
Unha era na que o chamado BIG Data controla o ADN dixital do electorado através de Internet e das súas redes sociais; onde as axencias de cualificación, as chamadas «As tres irmás», elaboran profecías que se autorrealizan, agravando a crise económica dos países que elas mesmas poñen en dúbida. Xaora, Navaza analiza o papel da postmodernidade, que dende hai dúas décadas contribuiu ao proces oactual de desregulación e desactivación dos talantes críticos, motor dunha cidadanía en pleno uso das liberdades. Detense na análise do funcionamento da economía como un xigantesco casino, onde as trampas e as apostas de infarto constitúen a trabe de ouro do sistema financeiro. A pesar da deterioración da idea de democracia, provocada polos mercados e as súas marcas de referencia, Xavier Navaza remata o ensaio de forma optimista, xa que identifica «unha marea de ideas e propostas alternativas que removen a opinión pública a escala mundial». Un ensaio político valioso, cuxa lectura recomendo moi vivamente.