Listado de la etiqueta: as_palmas

Males de altura

O Celta de Marian Mouriño deulle en quince meses unha volta ao carpín da xestión do club que o seu pai levou en dezasete anos. Xirou 360 graos o proxecto deportivo, cesando ao sobrevalorado Benítez e apostando por Claudio Giráldez e o seu fútbol académico de canteira. Reorientou a comunicación, alicerzándoa sobre o éxito do himno da Oliveira de cen anos, o seu emprego inclusivo do galego e unha presenza creativa nas redes sociais, onde conta con máis de nove millóns de seguidoras en Tik-Tok (cifra asombrosa), dous millóns e medio en Facebook ou máis de medio millón en IG, que abriron o celtismo ao mundo. Desbloqueou as relacións co concello, que está deixando irrecoñecible aquel vello Balaídos, transformado nun fermoso coliseo ao xeito británico, e intenta unha saída negociada para o proxecto da cidade deportiva de Mos.

Porén, a dona do club non foi capaz de mitigar algunhas doenzas crónicas na historia celeste, dende eses incomprensibles hábitos deportivos de resucitar na competición aos que máis necesitados están ou a de que se cargue a atmosfera do club con conflitos institucionais, xusto cando mellor rula no deportivo. Males de altura, como os que sofren os montañeiros reducindo o seu nivel de osixeno en sangue, como o provocado esta semana polo apartamento fulminante de José Gainzarain e de Sonia García das súas responsabilidades como primeiros xestores corporativos e financeiros do club, tras o que non fai falta ser o inspector Caldas, se oculta un modelo distinto do que propiedade e os profesionais entenden como xestión óptima dunha sociedade anónima Deportiva (con maiúscula).

Como malestar provoca no celtismo informado o divorcio entre o club e a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (AFAVI), que hai pouco denunciou o incumprimento económico do convenio asinado en 2022 polo club e a súa fundación. Un conflito de calado, tanto pola importancia das cantidades reclamadas pola entidade presidida por Daniel Costas, como pola seria dificultade de renovar un acordo que finaliza o 30 de xuño, e do que todo indica que a actual dirección deportiva pretende desfacerse. Confrontación sobre o modelo de canteira celeste, que supoñería prescindir da actual achega formativa de 19 clubs modestos que traballan con 4.000 rapaces e rapazas, canteira viguesa da que saíron xogadores como Jony Otto, Rubén Blanco, Brais Méndez, Gabri Veiga ou máis recentemente de Fer López.

Mal de altura que sufriu a noite do luns co empate insuficiente coas Palmas, que non certifica a permanencia automática, pero mantén a igualdade da pelexa co Raio e o Mallorca como principais rivais para a praza da Conference League 25/26. Estado de vertixe que non afectou tanto a calidade do xogo defensivo e atacante, moi superior na primeira parte, como no acerto na definición, que tivo dúas veces na biqueira o infatigable Borja Iglesias. Iso si, coa excepción de Alfon, autor do gol celeste no tempo engadido da primeira, unha valiosa alfaia nun partido memorable do extremo albaceteño, aposta persoal de Giráldez, sen dúbida, un dos mellores e máis regulares celestes da tempada.

Mal de altura que afectou a propio Claudio superado na pizarra táctica polo vigués Diego Martínez Penas, o máis recente seleccionador da Galega, bo coñecedor do Celta que nos primeiros corenta e cinco minutos pechou as bandas celestes defendendo de forma compacta e ordenada. Batalla táctica que tivo o seu lance principal cando o míster visitante mudou coa reanudación a súa liña de tres centrais, deixando no vestiario a Bajcetic, outra valor da canteira celeste, propiedade do Liverpool, a quen Alfon toleara ao xeito Nolito. Co paso á defensa convencional, os canarios tardaron tres minutos en empatar nunha gran xogada de McBurnie finalizada por Moleiro. Claudio quedou obrigado a mover pezas, deu entrada a Beltrán, que contribuíu a achegar máis continuidade, e a Aspas, que ofreceu moi pouco. Con todo, os celestes gozaron novas oportunidades, clarísimas a do pase de Carreira que non atopou rematador, a de Moriba, que quedou asustado a porta baleira, ou o xutazo soberbio de Marcos Alonso despexado polo porteiro insular, que substituíu a Cillesen, gravemente lesionado nun choque con Borja.

E como é adoito, un despexo insuficiente de Starfelt nun ataque illado, foi aproveitado por Fabio Silva para superar a Guaita cun xute entre as pernas. O silencio cortouse no estadio, roto apenas pola festa dos seareiros e banco amarelo. Outro das clásicas celtadas do anfitrión amable! Por ventura, o VAR acudiu ao rescate dos de Aspas, dando por bo un empate que deixaba as cousas como estaban, nunha xornada na que todos xogaron  para nós.

Con corenta puntos e faltando aínda nove datas, a permanencia está feita, e o Celta de Claudio, a pesar do seu estraño mal de altura, ten a obriga de pelexar polo máximo. A iso enfróntase en Mallorca o sábado e despois co Espanyol de Manolo Gónzalez, outro gran adestrador galego, ex-condutor de autobús, formado como míster en Cataluña. Dúas oportunidades, que despois de retrasar un paso, poden permitir un novo salto. Upa, Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 02/04/2025

Fútbol, o noso

O Celta ofreceu o sábado unha hora de fútbol poderoso no que o coliseo do Fragoso vibrou e chegou a cantar o Miudiño e a Rianxeira, un repertorio frecuentado só en días moi escollidos, desta volta para celebrar a primeira vitoria local do adestrador Claudio Giráldez. Unha hora de xogo do noso, regado por catro goles noutras tantas veloces transicións, na que todos os celestes semellaban moito mellores do que nos pareceron executando o pesimismo defensivo de Benítez e a súa estratexia rañicas do un cero. Un partido no que o celtismo expresou durante uns minutos unha ledicia contida, o que non impediu que moitos nos preguntásemos até onde chegou o estrago que durante sete meses perpetrou o anterior responsable do vestiario céltico. Un estrago que chegou a afectar ao propio Iago Aspas, o mellor xogador da historia do Celta, como ao escaso creto que Benítez concedeu ao equipo filial e á canteira, a que lle outorgaba un valor residual e un tratamento paternalista aos xogadores utilizados ocasionalmente no primeiro equipo. Unha desfeita de xogo, e tamén de resultados, que custou moitos puntos, preciosos á hora de botar as contas para escapar dun descenso que esta fin de semana coa derrota do Cádiz parece máis afastado.

Ademais de recuperar o valor do xogo aberto, Giráldez foi capaz de activar o entusiasmo e o compromiso do cadro, contando con todos sen casarse con ninguén, tamén con algúns xogadores da canteira, sen descartar a ningunha das fichaxes de Benítez e Luis Campos. Razón pola que en cada partido introduce variantes do once de gala. Así para facerlle fronte a filosofía de García Pimienta de levar a iniciativa do xogo, o porriñés fixo debutar a Williot e recuperou a Carles Pérez, coa intención de ampliar o campo e procurar transicións protagonizadas por dous xogadores veloces con capacidade sobrada de condución e finalización. Ademais, Giráldez consolidou a súa aposta por endurecer o medio campo onde mandase o músculo de Jailson e a recuperación e distribución de Beltrán, unha parella que se consolida, apoiada por Carlos Domínguez e Unai na defensa, achegando orde e superioridade nun espazo cuxo control e esencial para o míster celeste. Unha aposta completada coas súas tres pezas preferidas e insubstituíbles: o central Mingueza, primeira fonte de xogo e creatividade; o carrileiro Hugo Álvarez, imprimindo dinamismo na banda esquerda e Iago Aspas, aboiando na media punta, liderando as transicións, atacando os espazos e rematando onde lle cadre.

Un esquema de fútbol profundo, alegre, arriscado tamén, que Giráldez ensaiou fronte ao equipo canario con todas as consecuencias. Un deseño que os celestes non souberon interpretar até moi pasada a media hora inicial, co marcador en contra dende o minuto 11, cando Herzog cabeceou a rede un saque de recanto, en claro erro defensivo céltico; xogada que os visitantes repetiron minutos despois con fasquía case idéntica, o que obrigou a unha grande parada de Guaita. Media hora inicial en clara inferioridade na que o medo cortou as bancadas do Fragoso. Algo fallaba na pizarra do porriñés. Probablemente fose por unha defensa mal colocada e por realizar unha presión retardada, os celestes foron sometidos polos canarios que buscaban un segundo tanto. Por fortuna, Mingueza acudiu ao rescate coa súa serenidade e confianza lanzando pases en profundidade, superando as costas dos amarelos, dos que naceron a primeira chegada de Carles Pérez diante do porteiro canario e un xute de Larsen que anulou Vallés. Das biqueiras do central catalán naceu a xogada do primeiro tanto, no 37’, un centro moi profundo de Carles Pérez que rematou Aspas na área pequena. As luvas do Merlín de Moaña crearon, apenas dous minutos despois, unha profundidade sobre Williot que conduciu con elegancia veloz e rematou con calidade superando ao porteiro. Dous minutos de ouro que deron a volta a un encontro que tras os axustes e as explicacións do míster no vestiario fixeron da segunda parte unha auténtica festa de fútbol do noso.

Continuación na que foi decisiva a entrada de Douvikas, un dianteiro ideal para atacar os espazos, que se asociou de marabilla con Aspas para marcar o terceiro e para asistir ao de Moaña no cuarto. Goleada que Vallés impediu fose de escándalo cun Celta onde funcionou coma un reloxo o partido soñado polo seu equipo técnico. A festa inundou entón Balaídos, despois de tantos meses de melancolía, consciente da importancia da vitoria. Con todo, o celtismo sabe que hai moito por remar nas seis datas que quedan. Por ventura semella que contamos, por fin, cun bo patrón e ampla tripulación para enfrontar os temporais que aínda quedan e regresar a porto con bonanza.

Publicado en Faro de Vigo: 22/04/2024

Campo do Fragoso CLXVI

pacoherreraUNHA LECCIÓN DE PACO HERRERA

Paco Herrera é un dos adestradores que deixou máis pegada na bancada de Balaídos. Abondáronlle apenas dúas tempadas e media, incluídas a da final perdida do play-off e a do último ascenso tras cinco tempadas en segunda, para converterse nunha figura querida e respectada pola bancada celeste que o considera un referente celtista de honestidade e un dos impulsores máis afoutos da incorporación da xente da canteira ao primeiro equipo. Non esquezamos que con el consolidáronse nas aliñacións do Celta xogadores da casa como Aspas, Hugo Mallo, Túñez, Roberto Lago e Jonathan Vila, ao tempo que incorporou con continuidade ao primeiro equipo a Álex López e aos porteiros Sergio Álvarez e Yoel, ademais de facer debutar na súa tempada en primeira a rapaciños como Jonny Castro e Santi Mina, mesmo cando este xogaba no equipo xuvenil. Unha aposta pola canteira continuada por Luís Enrique que, porén, semella diminuída tras a chegada ao banco de Berizzo. A ninguén debe estrañar, pois, o agarimo e gratitude co que Paco Herrera foi recibido en Vigo no último partido de Copa, repetido na tarde de onte na visita dun intenso As Palmas.

Un recoñecemento da bancada a Herrera que semella contaxiou negativamente ao Celta que contando con dous goles de diferenza nos primeiros dezaoito minutos e xogando en superioridade numérica, tras a expulsión aos once minutos de Javi Varas (outro xogador querido en Balaídos), estragou o seu liderato nun partido decepcionante onde foron máis decisivos para a táboa de marcas os seus deméritos defensivos que a teimosa vontade dos canarios de evitar a derrota.

E iso que o Celta comezara o partido coma un trebón decidido a pasar canto antes por diante da veteranía e habilidade dos dianteiros canarios. Dispoñendo da mobilidade electrizante do tridente marabilla (Orellana, Aspas, Nolito) e contando cunha maior implicación de Tucu Hernández como enganche, os minutos iniciais foron de auténtico xogo de salón, onde cada ataque aventuraba a chegada inminente do gol. No minuto once repetiuse a xogada que resultara decisiva fronte ao Raio Vallecano, neste caso protagonizada por Aspas que tras unha grande asistencia de Fontás foi derrubado polo porteiro cando encaraba xa en solitario a portaría. O claro penalti foi executado de forma inapelable por Orellana. Con aquel xogo de salón e coa repetición da superioridade por terceiro partido consecutivo, unha marca difícil de igualar, o partido semellaba deses de cantar a rianxeira. Mais aínda cando cinco minutos despois Wass marcou o segundo tanto tras unha apertura excelente de Iago Aspas sobre Orellana.

Porén, o Celta non soubo xestionar semellante vantaxe e entregou o control do partido cando os canarios marcaron o seu primeiro tanto, tras a primeira das cantadas da defensa céltica nunha tarde horrible para ela. Con este gol de Araújo, o Celta rompeuse coma se dun tigre de papel se tratase, incapaz de tirar partido da guerra de caneos aos que os canarios foron sometendo aos galegos nun espectacular labor de desgaste.

Coa reanudación, volveu o trebón de entusiasmo celeste. Pasados tres minutos, Nolito aproveitou outra espectacular condución de Aspas. Co 3-1 semellaba o partido liquidado, mais non foi nin moito menos así. Outra intermitencia defensiva celeste permitiu que un balón lateral á area fose introducido en propia meta por Hernández. Un gol que acurtaba distancias e metía aos canarios de cheo no partido. Foi entón cando para os celestes o medo mudou de bando. Berizzo introduciu a Guidetti intentando recompoñer un equipo esgazado no medio campo, mais Herrera moito máis pillo xa conseguira convencer aos seus de que era posible o empate, que chegou con outra perda de balón dos nosos, e mesmo a posibilidade dunha heroica remontada. Os minutos finais foron dun emocionante intercambio de golpes e contragolpes. É certo que Nolito puido marcar de falta directa, mais tamén o é que os canarios estragaron dúas contras con vantaxe numérica. En definitiva, un empate xusto e outra lección de Paco Herrera, un adestrador capaz de que os seus equipos nunca se dobren.

Onte 192: Mala tarde

Tras catro meses no corno da lúa, o Celta tivo unha mala tarde no estadio Gran Canaria. A pésima arbitraxe non xustifica unha derrota sen paliativos fronte a un rival superior. Os de Herrera agasallaron aos locais unha hora de partido, desenvolvendo un xogo inane, desestruturado e sen alma ningunha, sentindo a ausencia de Oubiña unha barbaridade. Durante ese lamentable período perdeuse o partido e, inevitablemente, os seareiros diante da televisión recuperamos os pesadelos e a vertixe do marzo da tempada anterior. No obstante, na media hora final, coa entradas (moi tardías) de Toni e de Joán Tomás, dous xogadores que merecen máis tempo de xogo, o equipo comezou a recuperar estrutura e forma e latexou con outro compás máis enérxico. O partido foi unha oportunidade estragada, mais tamén un exercicio de realismo. O ascenso directo continúa sendo para o Celta un obxectivo moi difícil, aínda que acadable. Esta mala tarde non debería supoñer unha perda de confianza nas posibilidades dun equipo que veu facendo unha magnífica tempada. O celtismo caracterizouse sempre pola súa humildade e paciencia; dúas actitudes que precisaremos en doses elevadas neste derradeiro cuarto treito de campionanto.