Listado de la etiqueta: área_metropolitana

A Galicia urbana

Dedico o artigo da semana a publicación do libro A Galicia urbana, coordinado por Rubén Lois e Daniel Pino, que considero esencial para a comprensión da realidade territorial actual do noso país.

XG00235901Galicia é un país hexemonicamente urbano. Hoxe máis de dous millóns de persoas, o 70 % da poboación galega, residen no eixe urbano continuo que se estende de Ferrolterra á fronteira portuguesa, agrupándose en cinco das setes cidades galegas primeiras, espazos urbanos onde viven case o 60 % dos habitantes de Galicia. Polarización que se produce tamén no eido económico xa que neste mesmo espazo urbano atlántico se concentra o 75 % da riqueza do país, boa parte das empresas de maior facturación e emprego, así como as entidades públicas que prestan os servizos públicos sanitarios, educativos e administrativos.

Un proceso imparable de concentración demográfica e económica, que supuxo un grande impacto sobre a nosa paisaxe, xa que provocou á artificialización do territorio galego. A urbanización das últimas catro décadas supuxo a construción de milleiros de edificacións, en moitos casos sen planificación ningunha, e de numerosas infraestruturas (autoestradas, estradas, polígonos, paseos marítimos, avenidas ou rúas), que supuxeron, despois, a instalación dos servizos de saneamento, electrificación e gasificación. Sen esquecer, que este proceso urbanizador orixinou mudanzas profundas dos xeitos de vida da poboación galega, que foi adoptando os patróns e as convencións do estilo de vida urbano como o traballo asalariado, o incremento da mobilidade, a segmentación de roles, a competitividade, a secularización, o individualismo ou a posibilidade de mudanza social, tan característicos das sociedades urbanas do resto de Europa.

Esta revolución silenciosa no territorio desmonta a visión tradicional de Galicia como un país de campesiños empobrecidos cunha economía de subsistencia ou simbiótica, no caso daqueles que nos arrabaldes das cidades coma Vigo ou Ferrol se foron incorporando ao incipiente proceso industrializador dos anos sesenta e setenta. Unha revolución urbana que obriga a reformular as interpretacións que se fixeron dende o pensamento galeguista sobre o territorio e a identidade, como as do atraso do profesor Xosé Manuel Beiras ou a da contraposición entre o carácter cosmopolita do urbano e o auténtico galego do rural e vilego defendidas por Risco ou Otero Pedrayo.

Hoxe Galicia é unha realidade urbana debido á concentración demográfica, da actividade económica e da artificialización do territorio arredor dun eixe litoral formado pola áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña (onde viven máis dun millón longo de persoas, máis dun terzo da poboación galega), interconectado con tres cidades medias, Pontevedra, Santiago e Ferrol, que articulan ao seu arredor unha tupida rede de asentamentos rururbanos. A este corredor occidental hai que engadir os espazos urbanos da Galicia oriental das cidades de Ourense e Lugo, onde viven un terzo dos habitantes de cada unhas das súas provincias, e por unha serie de vilas, que funcionan como centros de cabeceira comarcais, como Verín, O Carballiño, Monforte, Sarria, Vilalba, Mondoñedo, A Estrada, Lalín, Arzúa ou as do corredor da Mariña lucense, Viveiro, Foz e Ribadeo. Pequenas cidades que funcionan como illas sobre un océano rural que marcou gran parte da historia e da identidade do país, mais que agora moi transformado, en declive, deixou de ser para moitos galegos o referente de orixe, albergando unha poboación minguada e en claro retroceso.

Esta mudanza histórica é estudada dende un enfoque multidisciplinar e desmitificador no libro “A Galicia urbana” (Xerais 2015), un groso volume de 760 páxinas, coordinado polo xeógrafo Rubén Lois e o sociólogo Daniel Pino. Corenta especialistas, dende diversos saberes e disciplinas, como a Xeografía, Demografía, Historia, Economía, Socioloxía, Arquitectura, Urbanismo, Dereito e Medio Ambiente realizan unha radiografía da organización territorial da Galicia actual e propoñen unha serie de medidas para pensar e gobernar esta Galicia urbana das vindeiras décadas.

Propostas moi acaídas xa que está realidade da hexemonía urbana aínda non foi recoñecida en Galicia no eido institucional, administrativo e político. A constitución de áreas metropolitanas, como as de Vigo e A Coruña, é unha prioridade indiscutible, que debe dar paso á creación dunha nova organización de Galicia como país urbano, superadora da provincial e municipal actuais. O noso país precisa debuxar un novo mapa municipal, comarcal e metropolitano coherente con esta realidade urbana, onde a escala supralocal e subrexional adquiran un maior protagonismo. Como propoñen Rubén Lois e Daniel Pino, se os espazos mudaron polo efecto da urbanización, “agora cómpre axustar estes cambios ás escalas territoriais e de goberno”. Acometer a reforma territorial é un reto da Galicia do século XXI.

O mapa da Galicia futura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da polémica das áreas metropolitanas, propoño unha reflexión sobre a desaparición das deputacións e reestruturación do mapa territorial e institucional de Galicia.

A proximidade da convocatoria electoral municipal e as dificultades para poñer en marcha o proxecto de áreas metropolitanas ou rexións urbanas de Galicia reabriron o debate sobre cal debe ser o futuro das deputacións provinciais. Sobre o enfoque de cuestión tan polémica veñen manténdose dúas doutrinas, á que non son alleas os intereses e a forma de entender o exercicio do poder dos tres partidos políticos con representación nestas entidades locais. Unha defende a supresión das deputacións, distribuíndo as súas competencias entre a Xunta de Galicia e o que serían as áreas metropolitanas e entidades comarcais de nova creación. Outra propón a súa reconversión en entidades de coordinación e asesoramento dos concellos rurais, sobre todo, no que atinxe á xestión de tributos e determinados servizos e investimentos.

A primeira impulsouna de vello o BNG, que presentou hai días no Congreso dos Deputados unha iniciativa que solicita a modificación da Lei reguladora de bases de réxime local para que no futuro sexan as autonomías “as que artellen e ensamblen as entidades provinciais na súa estrutura institucional, o que posibilitaría maiores niveis de eficacia na acción administrativa e tamén unha utilización máis racional dos recursos públicos, especialmente escasos na actual situación de crise económica”. A segunda defendérona o PPdeG e o PSdeG-PSOE, partidos que se responsabilizan á par da presidencia das catro deputacións galegas. A esta posición adscríbese tanto a proposta de Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, que esta semana propoñía “reinventar as deputacións para evitar as duplicidades de gastos”, como as reiteradas declaracións do socialista Salvador Fernández Moreda, presidente da deputación da Coruña, que considera estas institucións provinciais como “imprescindibles mentres se manteña a actual configuración municipal”.

O debate sobre o sentido das deputacións provinciais naceu da ambigüidade do artigo 141 da Constitución de 1978, que no seu apartado 2 lles encomenda “o goberno e administración das provincias”, mais que non establece cales son as súas funcións nin tampouco o seu carácter de administracións locais exclusivas, xa que deixa aberta a posibilidade de creación doutras agrupacións de concellos, como poden ser as mancomunidades municipais, comarcas ou áreas metropolitanas. Ao longo destas tres décadas constitucionais, na que se desenvolveron tamén os poderes autonómicos, foron frecuentes as críticas ao papel das deputacións, conformadas entre os concelleiros elixidos nos partidos xudiciais (unhas entidades que non teñen recoñecemento político ningún), por consideralas como poderes paralelos aos dos gobernos autonómicos, incompatibles cun sistema institucional baseado na descentralización e no reparto competencial; xustificadas, tamén, polo custo elevado da súa xestión –lembremos que no caso das deputacións galegas, cun orzamento anual que supera os 600 millóns de euros, apenas o 55% está destinado a investimentos e transferencias, mentres que o resto vai destinado a gastos de persoal e de funcionamento da institución– ou pola utilización clientelar e partidista dos seus fondos por parte da súa presidencia, unha práctica escandalosa e discriminatoria que se converteu en tan habitual que semella xa non merece sequera ser mencionada.

Nun marco como o actual de crise económica global e redución dos gastos superfluos das administracións públicas, nun momento político no que existe un amplo consenso para acometer a urxentísima posta en marcha das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, sería a oportunidade acaída tamén para revisar o conxunto da estrutura municipal e territorial de Galicia. Aí é onde, a pesar da inevitable loita localista que provocaría, se debera encadrar o deseño do mapa das imprescindibles fusións municipais e o recoñecemento institucional e político das comarcas e áreas metropolitanas. Nese novo mapa institucional da Galicia do século XXI, alicerzado sobre unha administración máis próxima, eficaz e económica ca actual, as deputacións terían moi escasa razón de ser, xa que as súas funcións serían asumidas, unhas pola Xunta e outras polas novas entidades comarcais e metropolitanas. A desaparición das deputacións en Galicia supoñería, ademais, a supresión dos cargos dos actuais 108 deputados provinciais, e un aforro anual nada desprezable, estimado en 15 millóns de euros, ao que habería que engadir o traspaso dos seus funcionarios que reforzarían os cadros da administración autonómica ou a dos entes metropolitanos e comarcais.

Unha mostra de responsabilidade e compromiso co país sería que na próxima campaña electoral municipal cada un dos partidos presentase a súa proposta sobre este novo mapa institucional vertebrador da Galicia futura.