Artigos

Onte 630: Galician literature

Foi unha fortuna compartir os últimos días un par de conversas con Jonathan Dunne, o grande embaixador da literatura galega no entorno anglófono. Nesta semana da súa estancia en Galicia, ademais de intervir no congreso rosaliano do Consello da Cultura Galega, participou nas presentacións en Compostela da edición en inglés de Cantares gallegos, como editor de Small Stations Press, e onte na da Anthology of Galician Literature, da que foi editor e en parte tradutor, obra coeditada por Galaxia e Xerais en colaboración coa Xunta de Galicia.

Na presentación na Biblioteca Ánxel Casal, Dunne presentou o panorama da situación da literatura galega en inglés, a que considerou coma o mellor vehículo de difusión internacional. «Publicáronse en inglés, até hoxe, 52 títulos da literatura galega. O primeiro foi unha antoloxía de poemas de Rosalía de Castro, preparada por Xosé Filgueira Valverde, traducida por Charles David Ley e publicada en 1964 polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Houbo que esperar vinte e cinco anos até publicar o seguinte. Na década dos noventa foron nove títulos, na de 2000 vinte e un e no que levamos de década outros vinte e un. Un crecemento exponencial da dispoñibilidade da literatura galega no mundo. O que amosa que estamos no bo camiño».

Despois explicou Dunne as características deste segundo volume da Anthology of Galician Literatura, que reúne sesenta textos doutros tantos autores e autoras publicados entre 1981 e 2011. «O limiar vai dirixido a un lector e a un editor do mundo que non teñen coñecemento da literatura galega. É un volume moi actual, xa que os dous terzos dos textos foron publicados na década de 2000. Achega unha idea do que se esta a escribir en lingua galega. Xustamento foi este o propósito do libro. As escolmas foron realizadas polos autores e autoras vivos (54).  Ademais de textos narrativos, están presentes o resto dos xéneros, a literatura infantil e xuvenil, a poesía, a literatura dramática e o ensaio, cunha atención á antropoloxía, a teoloxía e o nacionalismo. No limiar exprésanse os criterios utilizados na selección dos autores e autoras: cubrir todos os xéneros, as opinións doutros autores e da crítica, a presenza noutras escolmas e mesmo noutros traballos meus, os premios literarios acadados e a reputación internacional de autores como Manuel Rivas, Domingo Villar ou Chus Pato, que contan xa con diversas traducións. En todo caso, “calidade” e “distribución” son dúas palabras que entendo claves na política cultural presentes nesta obra».

Rematou Dunne presentando Portico of Galician Literature, o portal web que xestiona coa colaboración da Consellaría de Cultura, onde se presenta en inglés a literatura galega aos editores de todo o mundo. Salientou que ate o momento estaban presente oito autores, que serían dez a finais deste ano. Inclúese unha presentación de cada autor e unha tradución de mostra de cincuenta páxinas dunha das súas obras, «xustamente o que lle interesa a un editor».

O labor de Dunne como tradutor, editor e promotor da literatura galega no mundo está sendo fulcral. Merece apoio do sector editorial privado e dos nosos poderes públicos. Parabéns Jonathan!

Grazas a Fran P. Lorenzo pola súa información da presentación.